DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2023 Páx. 61996

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Foro Económico de Galicia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Foro Económico de Galicia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 5 de xuño de 2023, Emilio José Vicente Pérez Nieto, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Foro Económico de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 24 de maio de 2023, ante a notaria María Isabel Louro García, co número de protocolo 1.205.

Terceiro. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos ten por obxecto, «a promoción, fomento, desenvolvemento, execución e financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da economía social e desenvolvemento da economía produtiva de Galicia».

Cuarto. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación inicial; os estatutos e a composición do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, o réxime económico e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Emilio José Vicente Pérez Nieto como presidente; Lucía Ferreira Gómez como secretaria e Patricio Sánchez Fernández como vogal.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do 18 de setembro de 2023, elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Foro Económico de Galicia.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte do 4 de outubro de 2023, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 17 de outubro, clasificouse como de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Foro Económico de Galicia, e adscribiuse á Consellería de Economía, Industria e Innovación para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e da Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), e coa disposición transitoria do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15 de xuño), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Foro Económico de Galicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Fundación Foro Económico de Galicia, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Foro Económico de Galicia

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación de seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía,
Industria e Innovación