DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2023 Páx. 63209

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 144/2023, do 9 de novembro, polo que se modifica o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O Decreto 73/2022, do 25 de maio, fixaba a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. De conformidade con este, aprobouse o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa, e coa finalidade de conseguir o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos.

O pasado 15 de xuño de 2023 publicouse no DOG o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes pasa a denominarse Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Isto implica a modificación do seu ámbito competencial, así como a asunción de novas competencias por parte do seu titular. Procede, polo tanto, modificar os artigos 1 e 5 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, así como establecer con carácter xeral o cambio de denominación da vicepresidencia mediante unha disposición adicional deste decreto de modificación.

No citado decreto recóllese a distribución de competencias entre os diferentes órganos da consellería, o que constitúe un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral, atendendo aos principios de eficacia, suficiencia, racionalización administrativa, seguridade, transparencia e eficiencia, principios todos eles que deben presidir a actuación administrativa.

O seu artigo 11 establece as unidades administrativas coas que conta a Subdirección Xeral de Coordinación e Servizos Transversais para o exercicio das súas funcións. No nivel de servizo son as seguintes: o Servizo de Xestión de Infraestruturas Administrativas, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais, o Servizo de Obras e Proxectos e o Servizo de Seguimento de Infraestruturas Deportivas, procedente da Secretaría Xeral para o Deporte.

Debe sinalarse que as necesidades administrativas derivadas da estrutura vixente fan conveniente redistribuír as funcións e modificar as denominacións do Servizo de Obras e Proxectos e do Servizo de Seguimento de Infraestruturas Deportivas, de xeito que se doten dunha maior coherencia e funcionalidade. Trátase de servizos que proceden de órganos directivos distintos e agora, incorporados ambos na mesma estrutura, deben actuar de xeito coordinado e complementario pero abarcando o mesmo ámbito de actuación.

Modifícanse, en consecuencia, as referencias a estes servizos nos artigos que establecen as funcións dos servizos de Obras e Infraestruturas Administrativas nas xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra.

Por outra banda, no artigo 46.1 incorpórase como unha das funcións da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea a coordinación técnica e o seguimento da Fundación Galicia Europa, que, na práctica, xa viña desenvolvendo e agora se lle atribúe expresamente.

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender a esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día nove de novembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes queda modificado como segue:

Un. O artigo 1 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, queda redactado así:

«Artigo 1. Ámbito competencial

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma ao cal, ademais das competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponden funcións de apoio e asistencia á Presidencia, así como a elaboración, a proposta e a execución da política do Goberno galego en materia de xustiza, administración local, relacións institucionais e parlamentarias, emerxencias e interior, relacións exteriores e coa Unión Europea e deportes, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos que integran este departamento».

Dous. O artigo 5 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, queda redactado como segue:

«Artigo 5. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

1. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é a autoridade superior deste departamento e con tal carácter está investida das atribucións que lle confiren os artigos 33 e 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

En canto que persoa titular da Vicepresidencia Primeira, correspóndelle substituír o presidente nos supostos legalmente previstos e exercer calquera outra función que nel delegue o presidente, con excepción das previstas nos artigos 24, 25 e 26.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro.

2. Así mesmo, actuará como secretaría do Consello da Xunta de Galicia e das comisións delegadas do Goberno galego e exercerá a presidencia da Comisión de Secretarios Xerais nos termos establecidos na disposición adicional cuarta do Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia».

Tres. O artigo 11.2.3 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, queda redactado así:

«2.3. Servizo de Supervisión de Proxectos de Infraestruturas.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

1. Desenvolver as funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras de infraestruturas administrativas, xudiciais e deportivas que teña ao seu cargo a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos expedientes de contratación relacionados con obras de competencia da consellería, sen prexuízo das competencias do Servizo de Xestión e Coordinación de Fondos Europeos.

3. A elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia de obras menores de construción, reforma e reparación de competencia da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

4. A prestación da asistencia técnica aos órganos e ás unidades administrativas da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en todos os expedientes en que sexa solicitada.

5. Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Catro. O artigo 11.2.4 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, queda redactado como segue:

«2.4. Servizo de Seguimento de Obras.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

1. A xestión ante as entidades, órganos e organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras da súa competencia.

2. O seguimento, dirección e control da execución material das obras da consellería, sen prexuízo das competencias do Servizo de Xestión e Coordinación de Fondos Europeos.

3. O seguimento das obras que se realicen en virtude dos convenios de colaboración que subscriba a consellería coas corporacións locais ou con outros entes.

4. A elaboración de informes e memorias en materia da súa competencia.

5. Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Cinco. O artigo 46.1 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, incorpora as alíneas c) e d) coa seguinte redacción:

«c) A coordinación técnica e o seguimento da Fundación Galicia Europa.

d) Aquelas outras que lle sexan asignadas ou delegadas».

Seis. O artigo 51.2.4 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, queda redactado do seguinte xeito:

«2.4. Servizo de Obras e Infraestruturas Administrativas.

Desenvolverá, no seu ámbito territorial, todas as funcións dos servizos de Supervisión de Proxectos de Infraestruturas e de Seguimento de Obras, en coordinación con eles. Así mesmo velará pola conservación e o mantemento das infraestruturas administrativas e desenvolverá, no seu ámbito territorial e en coordinación con el, as demais funcións do Servizo de Xestión de Infraestruturas Administrativas».

Sete. O artigo 54.2.3 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, queda redactado como segue:

«2.3. Servizo de Obras e Infraestruturas Administrativas.

Desenvolverá, no seu ámbito territorial, todas as funcións dos servizos de Supervisión de Proxectos de Infraestruturas e de Seguimento de Obras, en coordinación con eles. Así mesmo, velará pola conservación e o mantemento das infraestruturas administrativas e desenvolverá, no seu ámbito territorial e en coordinación con el, as demais funcións do Servizo de Xestión de Infraestruturas Administrativas».

Disposición adicional. Cambio de denominación

Todas as mencións á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes contidas no texto do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, substitúense por «Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e
conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes