DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63486

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 10 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503H).

BDNS (Identif.): 726991.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.

b) As empresas que estean en situación de crise, de acordo coa definición establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

4. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 10 destas bases.

5. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e réxime

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico galego e a posta en valor de elementos patrimoniais senlleiros de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta de aloxamento e de restauración e promover un turismo sustentable na contorna do Camiño de Santiago.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas reguladas nestas bases ampáranse no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014) e, en particular, no seu artigo 14, que regula as axudas rexionais ao investimento, e no artigo 53, que regula as axudas á cultura e á conservación do patrimonio.

Terceiro. Actuacións subvencionables e contías

Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico ou restauración, segundo os artigos 55 e 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:

– Establecementos hoteleiros.

– Apartamentos.

– Vivendas turísticas.

– Establecementos de turismo rural.

– Albergues turísticos.

– Establecementos de restauración (restaurantes, cafetarías, bares).

Pódense diferenciar dúas tipoloxías de proxecto:

a) Proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística, que deberán cumprir como mínimo con dúas das seguintes condicións:

• Creación de, polo menos, 5 postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude en que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.

• Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou outros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.

• Creación dun novo establecemento turístico que promova o turismo sustentable, mediante a implantación de novas fórmulas de xestión (utilización de produtos de proximidade ou ecolóxicos, implantación de fórmulas de reciclaxe...) ou programas de actividades ou sensibilización ambiental para as persoas usuarias turísticas. Deberá achegarse unha memoria descritiva da contribución á sustentabilidade turística.

Os proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística poderán optar ás seguintes contías por categoría de empresa:

– 35 %, no caso das pequenas empresas.

– 25 %, no caso das medianas empresas.

– 15 %, no caso de grandes empresas.

b) Proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural, que deberán cumprir a totalidade dos seguintes requisitos:

• A creación do establecemento turístico debe ir unida á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun ben de interese cultural (BIC).

• Polo menos un 80 % da capacidade temporal ou espacial anual destinarase a fins culturais. A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable do proxecto polas intensidades de axuda previstas para cada tipoloxía de proxecto.

Os proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural poderán optar a unha axuda máxima dun 80 % dos custos subvencionables ata o límite máximo de 2.200.000 euros por proxecto.

En ambos os dous casos os proxectos achegados deberán cumprir as seguintes condicións:

– Ascender a un mínimo de 300.000 euros de investimento para o conxunto das tres liñas de subvencionabilidade.

– Contribuír á creación de oferta de aloxamento ou de restauración que se xustificará coa alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) antes do remate do período de xustificación.

– Situarse na contorna do Camiño de Santiago, polo que soamente se admitirán proxectos situados naqueles concellos onde transcorra o trazado do Camiño de Santiago.

– Contar con informe previo favorable da Axencia de Turismo no momento de presentación da solicitude da axuda, de conformidade coa normativa turística de aplicación.

– Desenvolverse en infraestruturas emblemáticas, históricas, de interese paisaxístico ou bens de interese cultural.

– Contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención.

Cuarto. Bases reguladoras

Resolución do 10 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503H).

Quinto. Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 4.000.000 de euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2023 00003, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: a liña 1, Rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas emblemáticas para a posta en marcha dun novo establecemento turístico, cun orzamento de 2.625.000 €, a liña 2, Medidas de eficiencia enerxética en edificios emblemáticos para a posta en marcha dun novo establecemento turístico, cun orzamento de 1.075.000 €, e a liña 3, Mellora da accesibilidade en edificios emblemáticos para a posta en marcha dun novo establecemento turístico, cun orzamento de 300.000 €.

2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:

Liñas

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

Liña 1

400.000,00 €

2.225.000,00 €

2.625.000,00 €

Liña 2

300.000,00 €

775.000,00 €

1.075.000,00 €

Liña 3

200.000,00 €

100.000,00 €

300.000,00 €

900.000,00 €

3.100.000,00 €

4.000.000,00 €

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sétimo. Período de execución dos investimentos subvencionables

O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto. Para os proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística o prazo de execución abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de outubro de 2025. Para os proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural o prazo de execución abarcará desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2025.

As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar como data límite o 31 de outubro de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do investimento subvencionable en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia