DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63417

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 13 de xuño de 2023 pola que se aproba o Plan de xestión da centola e do boi 2023-2024.

Antecedentes.

Por Resolución do 13 de xuño de 2023 a Consellería do Mar autorizou o Plan de xestión da centola e do boi 2023-2024.

Segundo o artigo 1 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, as confrarías de pescadores son corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, que actúan como órganos de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro e representan intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector, sen prexuízo da representación que posúen as organizacións de empresarios e traballadores da pesca. Pola súa parte, as confrarías quedan suxeitas á tutela da Administración pública galega, que será exercida a través da Consellería do Mar.

Por outra parte, o artigo 52 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, sinala que o patrimonio da confraría estará integrado, entre outras, por doazóns e legados.

Polo tanto, as confrarías de pescadores teñen como unha das súas funcións a promoción para a mellora da comercialización das diferentes especies da pesca marítima profesional. Neste sentido, para levar a cabo o desenvolvemento de actos que promovan a mellora da comercialización, estas entidades organizadoras necesitan dispor dunha cantidade suficiente da especie obxecto de promoción.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Modificar o punto 6 da Resolución do 13 de xuño de 2023 pola que se aproba o Plan de xestión da centola e do boi 2023-2024, que queda redactado como a seguir se indica:

«6. Cotas máximas diarias de captura e desembarco

Como normal xeral, a cota máxima da centola será de 35 kg por barco e día, ao cal se lle engadirán 35 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo.

Cando unha especie obxecto de captura para unha arte ou aparello de pesca teña asignadas cotas máximas de captura e desembarco no marco dun plan de xestión, as ditas cotas ou topes serán de idéntica aplicación para a mesma especie cando sexa capturada como acompañante ou accesoria por outras artes, aparellos ou técnicas de pesca, e deberá, así mesmo, cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lle sexan de aplicación.

Excepcionalmente, as entidades organizativas do sector, coa exclusiva e única finalidade de dispor de centola para a promoción da mellora da comercialización, poderán solicitar á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica unha autorización para dispor dunha cantidade suficiente de centola con destino ao acto ou actos de promoción que redunden nunha mellora da comercialización desta especie. As cantidades solicitadas por estas entidades e concedidas mediante a dita autorización serán a maiores das indicadas no parágrafo primeiro deste punto 6. Neste sentido, as embarcacións autorizadas no marco deste plan de xestión poderán doar á entidade solicitante as cantidades que se indiquen na dita autorización, sempre e cando non estean en veda. Non obstante, e co fin de levar un control das cantidades desembarcadas con destino á promoción desta especie, as embarcacións admitidas deberán cumprir coas operacións da pesada e elaboración das notas de venda na lonxa correspondente.

A entidade solicitante deberá indicar na solicitude de autorización a descrición do acto para a promoción da centola, os días obxecto de captura adicional necesaria para a realización do dito acto, as embarcacións suxeitas ás operacións de desembarco das cantidades adicionais, as cantidades que se asignarán por barco e día, o método de conservación da especie ata o día do acto de promoción (por exemplo, o aviveiramento ou traslado da centola), e as medidas de control e rastrexabilidade que adoptarán desde o momento do desembarco ata o momento da realización do dito acto.

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, unha vez analizada a solicitude da entidade solicitante e logo de consultado a evolución sobre o estado do recurso, poderá autorizar a dita entidade para dispor dunha cantidade determinada de centola coa única finalidade de promoción desta especie, baixo os requisitos de cumprimento que se establezan na dita autorización».

A presente resolución non modifica o resto das condicións establecidas no plan.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Antonio Basanta Fernández
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica