DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2023 Páx. 63656

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 9 de novembro de 2023 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2023, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (código de procedemento ED523A).

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino-aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego.

A Estratexia de formación profesional Galicia 2030 ten a promoción do emprendemento como un dos seus eixes principais, o que se concreta a través do obxectivo estratéxico 5.1: desenvolvemento de iniciativas de emprendemento en colaboración co tecido produtivo galego, e do obxectivo estratéxico 5.2: impulso e apoio ás iniciativas emprendedoras nos centros de FP.

O Plan Innova FP Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 23 de marzo de 2023, inclúe, ademais, unha serie de actuacións destinadas a impulsar o emprendemento desde a formación profesional, como son o aumento do número de aulas de emprendemento na FP, o fortalecemento da rede de viveiros en centros educativos ou o desenvolvemento dun protocolo de protección da propiedade industrial no ámbito da FP galega.

Neste sentido, o Plan de emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pretende sensibilizar a toda a comunidade educativa e favorecer a introdución do espírito emprendedor no alumnado, proporcionando os medios e instrumentos necesarios para conseguilo.

Entre as accións desenvolvidas dentro deste plan atópase o programa Eduemprende Idea, enmarcado na colaboración establecida entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o desenvolvemento de actuacións conxuntas en prol do impulso do espírito emprendedor.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2023, co fin de promover a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter estado matriculado durante o curso 2022/23 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias, de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Modalidades, características e dotación económica dos premios

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

Artigo 4. Orzamento e concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

O importe total destinado para esta convocatoria será de 12.000 € (doce mil euros) con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422M.480.4, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do exercicio orzamentario do ano 2023.

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Dado o nivel educativo en que se atopan os candidatos e a posibilidade de utilizar os recursos de que dispón o centro de ensino a que pertencen, queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, polo que a única vía de presentación da solicitude de axuda será a electrónica.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.

b) Proxecto de empresa.

c) Resumo executivo do proxecto.

d) Vídeo de presentación do proxecto. No caso de non poder achegar o vídeo polo tamaño do arquivo, poderá achegarse un documento no cal se recolla un enderezo web onde poder ver e/ou descargar o vídeo.

2. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia.Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumental do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, esta practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Requisitos xerais dos materiais e recursos dixitais

1. Requisitos de forma.

a) Os traballos serán orixinais e inéditos.

b) Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

2. Requisitos técnicos.

a) Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador.

b) Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

Artigo 10. Comisión Avaliadora

1. O exame e a avaliación das solicitudes, así como a conseguinte proposta de concesión dos premios, serán realizados por unha Comisión Técnica de Avaliación, que estará integrada por:

– Dúas persoas representantes da Dirección Xeral de Formación Profesional.

– Dúas persoas representantes da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

Actuará como secretario/a un dos membros da Comisión e redactará unha acta de cada sesión que teña lugar. A Comisión elixirá o/a presidente/a de entre os seus membros.

2. As funcións da Comisión Técnica de Avaliación son:

– Avaliar os proxectos presentados.

– Facer unha proposta de concesión dos premios á Dirección Xeral de Formación Profesional.

3. A Comisión Técnica de Avaliación axustarase, en canto ao seu funcionamento, ao previsto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A Comisión Avaliadora terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades de proxectos presentados:

a) A súa viabilidade técnica e legal (máximo 10 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

b) A súa viabilidade comercial (máximo 15 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o coñecemento e posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

c) A súa viabilidade financeira (máximo 15 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

d) A coherencia e carácter innovador do plan de negocio (máximo 15 puntos).

Avaliaranse o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

e) Creación de emprego (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función do volume de emprego que se cree, incluídos os promotores do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego creado.

f) A capacidade do equipo promotor para levalo adiante (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

g) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada (elevator pitch) (máximo 15 puntos).

Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a, b, c, d, e, f e g, por esa orde.

Artigo 12. Resolución

1. A Comisión Avaliadora, unha vez revisados os proxectos de empresa, emitirá unha proposta provisional de resolución, que poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades http://www.edu.xunta.gal/fp

2. A partir do día seguinte ao da publicación da proposta abrirase un prazo de 5 días hábiles co fin de que poidan presentar cantas alegacións consideren oportunas, mediante instancia dirixida á persoa que exerza a presidencia da Comisión Avaliadora, da forma prevista no artigo 7 desta orde.

3. Poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo eduemprende@edu.xunta.gal

4. Unha vez revisadas as alegacións, a Comisión Avaliadora elaborará a proposta definitiva de adxudicación dos premios, que se publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (www.edu.xunta.gal).

5. A directora xeral de Formación Profesional elevará a proposta feita pola Comisión Avaliadora á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, quen ditará a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será dun mes, contado desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude, e a solicitude de concesión da axuda poderase entender desestimada por silencio administrativo.

7. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. A organización reservará para si o dereito a declarar desertos un ou varios premios no caso de que os proxectos de empresa que se presenten non reúnan os criterios requiridos.

Artigo 13. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

1. Cada proxecto de empresa recibirá, como máximo, un premio.

2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e no anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2023.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Modificación e reintegro dos premios

1. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.m) da devandita Lei 9/2007, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.K) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No anexo I a persoa beneficiaria debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos a dita conta na que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto beneficiarias deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta, na cal se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta orde.

Artigo 16. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE das persoas participantes.

c) DNI ou NIE da persoa representante da persoa solicitante.

d) DNI ou NIE da persoa representante da persoa participante.

e) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou na ficha de persoas solicitantes (anexo II), segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 38/2003, do 17 novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (EU) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica).

e) O resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file