DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2023 Páx. 63654

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito da Orde do 16 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D).

Primeiro. A Orde do 16 de agosto de 2023 da Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 171, do 8 de setembro), establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e procédese á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D).

Segundo. O artigo 1 da orde de convocatoria establece que o procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito.

Pola súa parte, o artigo 4 da citada orde de convocatoria dispón que as solicitudes se resolverán atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade. Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que se vai ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

Terceiro. O artigo 1 da orde de convocatoria dispón que as subvencións convocadas ao abeiro da citada orde financiaranse cos seguintes créditos:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

05.04.751A.770.8

1.015.000,00

Artigo 3.1.1.1 e 3.1.1.2 do anexo I

05.04.751A.781.1

485.000,00

Artigo 3.1.1.3 do anexo I

Cuarto. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas, a derradeira solicitude que se puido conceder ás persoas beneficiarias establecidas no artigo 3.1.1.1 e 3.1.1.2 do anexo I da orde de convocatoria, foi a do expediente número CO300D-2023-669, que presentou toda a documentación requirida na sede electrónica o día 8 de outubro de 2023 ás 22.13 horas.

En virtude do anterior, a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, por delegación da conselleira de Economía, Industria e Innovación (Orde do 9.2.2023, DOG núm. 34, do 17 de febreiro),

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.751A.770.8 con data do 8 de outubro de 2023 ás 22.13 horas, ao abeiro da Orde do 16 de agosto de 2023 (DOG núm. 171, do 8 de setembro), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D).

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

Manuel Heredia Pérez
Director xeral de Comercio e Consumo