DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2023 Páx. 64266

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 14 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR353A).

A Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do 21 de abril de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR353A) (Diario Oficial de Galicia número 85, do 4 de maio), establece no seu artigo 4.3 que «a data límite para o inicio da formación e das prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xullo de 2023. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente».

Así mesmo, o artigo 37.7 sinala que «a xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate do obradoiro, sen que en ningún caso se poida exceder a data límite do 30 de novembro de 2024».

No proceso de tramitación da convocatoria, revisión das solicitudes, concesión das axudas e actuacións previas ao inicio dos obradoiros duais de emprego actúan diversas circunstancias que dificultan o cumprimento das datas de inicio das actuacións e xustificación das axudas previstas. Para favorecer a execución dos proxectos adxudicatarios cómpre modificar os puntos referentes ás citadas datas.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 4.3

Engádese un inciso na primeira frase do artigo 4.3 da Orde do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR353A), que quedaría coa seguinte redacción:

«3. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xullo de 2023, salvo que se estableza unha posterior nas resolucións de concesión ou nas prórrogas da data de inicio solicitadas e debidamente xustificadas que, de ser o caso, se autoricen, e sen prexuízo da data límite para a xustificación final recollida no artigo 37.7 desta orde. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente».

Artigo 2. Modificación do artigo 37.7

Ademais, modifícase o artigo 37.7 no senso de establecer que «A xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate do obradoiro, sen que en ningún caso se poida exceder a data límite do 15 de decembro de 2024».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade