DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2023 Páx. 64230

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 16 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

De conformidade coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, a atención ás persoas en situación de dependencia e a promoción da súa autonomía persoal constitúe un dos principais retos da política social dos países desenvolvidos.

O Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD) prevé o recoñecemento da situación de dependencia e a determinación do servizo ou servizos do sistema axeitados ás circunstancias persoais da persoa solicitante que se recollen no seu Programa individualizado de atención (PIA). Nesta asignación de servizos débese dar preferencia á asignación pública dun recurso, salvo que este non exista, ou non estea dispoñible, ou por un criterio de mantemento das circunstancias persoais, statu quo da persoa solicitante que xa estea recibindo un servizo privado con anterioridade á existencia, ou dispoñibilidade do servizo público.

Neste labor xogan un papel fundamental as comunidades autónomas, dentro do ámbito competencial que lles corresponde. En concreto, no artigo 11 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, atribúese ás comunidades autónomas a planificación, a ordenación e a coordinación, no ámbito do seu territorio, dos servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, así como xestionar os recursos necesarios para iso.

A Constitución española, no seu artigo 149.1.1ª, atribúe ao Estado a competencia exclusiva para a regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos seus dereitos e no cumprimento dos seus deberes constitucionais. Con base nesta competencia, o Consello de Ministros aproba o financiamento do nivel mínimo de protección para a atención ás persoas en situación de dependencia atendidas no marco do Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD). Así o establece tamén o artigo 7.1 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. O artigo 9 da mesma lei establece que o financiamento público do nivel mínimo de protección garantido para cada beneficiario do sistema segundo o seu grao de dependencia correrá por conta da Administración xeral do Estado.

O artigo 7 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, tamén establece no seu punto terceiro que a protección da situación de dependencia por parte do sistema prestarase tamén de acordo co nivel adicional de protección que poida establecer cada comunidade autónoma. O artigo 11.2 da mesma lei engade que as comunidades autónomas, de conformidade co artigo 7, poderán definir, con cargo aos seus orzamentos, niveis de protección adicionais ao fixado pola Administración xeral do Estado en aplicación do artigo 9, para as cales poderán adoptar as normas de acceso e desfrute que se consideren máis adecuadas.

De conformidade co marco competencial exclusivo en materia de asistencia social da Comunidade Autónoma de Galicia e baixo o Sistema de servizos sociais de Galicia regulado na Lei 13/2008, do 13 de decembro, aprobáronse o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, e a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do dito decreto. Nestas disposicións regúlanse os servizos do SAAD no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as prestacións económicas (libranzas) recollidas na dita Lei 39/2006, do 14 de decembro, e especificamente os seus requisitos e intensidades. Polo que se refire ás libranzas, a Orde do 2 de xaneiro de 2012 regula a determinación das súas contías e o nivel de protección adicional.

Precedida de anteriores modificacións, en virtude da Orde do 26 de marzo de 2019 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, entre outras, abórdase a modificación da protección adicional da libranza de asistente persoal establecida no artigo 45 e actualízanse as contías do complemento adicional e do incremento deste complemento nos casos de especial dedicación da dita libranza recollidas no anexo V.

Os custos asociados a esta prestación incrementáronse substancialmente nos últimos anos como consecuencia do aumento dos custos salariais que se produciron. Mediante esta orde modifícase novamente a protección adicional da libranza de asistente persoal recollida no dito artigo 45 da Orde do 2 de xaneiro de 2012, que segundo establece o artigo 4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, terá por obxecto a promoción da autonomía das persoas en situación de gran dependencia.

En consecuencia, modifícase no anexo V a protección adicional da Comunidade Autónoma de Galicia de maneira que a libranza chegue aos 1.865 euros ao mes e a 2.085 euros nos casos de especial dedicación. Esta modificación aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2023.

Co fin de axilizar ao máximo a efectividade destas medidas, a actualización co incremento das novas contías das libranzas modificadas será realizada de oficio nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como pola disposición derradeira segunda do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, esta consellería

RESOLVE:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes

A Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, queda modificada como segue:

Un. O artigo 45 queda redactado como segue:

«Artigo 45. Nivel de protección adicional ás persoas en situación de gran dependencia e dependencia severa

1. A contía da libranza de asistencia persoal terá un nivel de protección adicional cuxo importe será igual á diferenza entre a contía que lle correspondería á persoa beneficiaria, segundo os importes e regras de cuantificación establecidos polo SAAD, e a contía máxima establecida no anexo V a esta orde como teito deste nivel adicional, que será actualizado anualmente segundo o disposto no artigo 56.1 desta orde, en función da intensidade horaria e segundo a súa capacidade económica, de acordo co establecido no artigo 56.4 da presente orde.

2. Excepcionalmente, cando así se recoñeza no Programa individual de atención e neste se acredite a prestación de polo menos un 10 % da intensidade horaria en períodos de especial dedicación como as vacacións e fins de semana, festivos, períodos nocturnos das 22.00 ás 7.00 horas ou estadías temporais fóra da Comunidade Autónoma non superiores a dous meses, o cálculo para a contía da libranza de asistencia persoal, tal e como se indica no número anterior, farase tendo en conta a contía máxima establecida no anexo V como complemento adicional incrementada ata os 2.085 € mensuais».

Dous. O anexo V, Contías máximas das libranzas de asistencia persoal, queda redactado como segue:

«ANEXO V

Contías máximas das libranzas

Contía máxima das libranzas (euros/mes):

Grao de dependencia

Libranza vinculada á adquisición de servizos

Libranza para coidados na contorna familiar

Libranza de asistente persoal

Grao III

715,07 €

387,64 €

715,07 €

Grao II

426,12 €

268,79 €

426,12 €

Grao I

300,00 €

153,00 €

300,00 €

Contía do complemento nivel adicional da C.A. (euros/mes):

Grao de

dependencia

Libranza vinculada á adquisición do servizo de atención residencial

Libranza para coidados na contorna familiar

Libranza de asistente persoal

Grao III

Complemento adicional do 20 % da contía total recoñecida

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

– Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 1.865 €.

– Incremento do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 2.085 € en períodos de especial dedicación.

Grao II

Complemento adicional do 75 % da contía total recoñecida

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

– Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 1.865 €.

– Incremento do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 2.085 € en períodos de especial dedicación.

Grao I

Complemento adicional do 20 % da contía total recoñecida

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

»

Disposición derradeira única. Vixencia da norma

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá os seus efectos a partir do 1 de xaneiro de 2023.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude