DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 23 de novembro de 2023 Páx. 64934

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2023 pola que se modifican os prazos de xustificación establecidos no artigo 28.1 da Resolución do 29 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN848D).

O 12 de xullo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN848D).

A resolución unifica os programas Deseñapeme e Innovapeme que vén convocando a Axencia Galega de Innovación desde o ano 2017, convocándose a terceira convocatoria do programa Deseñapeme e a sexta de Innovapeme. Isto favorece a visión estratéxica da innovación tecnolóxica e non tecnolóxica no conxunto da funcións da empresa, e supón unha simplificación administrativa que redunda no beneficio dos beneficiarios, pero vén a engadir máis complexidade ao proceso de análise das solicitudes presentadas e de xestión do procedemento, o que está a atrasar a resolución da convocatoria.

Tendo en conta o anterior, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación para o ano 2023, para garantir que as entidades que resulten beneficiarias destas axudas poidan executar e presentar en prazo a documentación xustificativa correspondente aos gastos da anualidade 2023.

En consecuencia, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación do artigo 28.1 da Resolución do 29 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

O artigo 28.1 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 28. Xustificación da subvención

1. Cada plan deberá xustificarse individualmente e os prazos de xustificación serán os seguintes:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

– Primeira anualidade: desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de decembro de 2023. Presentación da documentación xustificativa, ata o 15 de xaneiro de 2024.

– Segunda anualidade: desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 30 de setembro de 2024. Presentación da documentación xustificativa, ata o 15 de outubro de 2024.

En todo caso, só se considerará gasto realizado o que fose efectivamente pagado durante o período de execución, sempre que se respecten os prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, en aplicación da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de crecemento e creación de empresas».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación