DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 23 de novembro de 2023 Páx. 64865

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Cultura, pola que se abre o prazo de inscrición no catálogo Ler conta moito 2024 de actividades de dinamización da lectura en bibliotecas públicas.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, ten como obxecto, entre outros, promover a extensión social da lectura e promocionar o libro e a lectura en galego. Deste xeito, regula no capítulo IV, e máis especificamente no artigo 22, o fomento da lectura nas bibliotecas, establecendo que a Xunta de Galicia, en coordinación coas bibliotecas públicas, coas bibliotecas escolares e as de interese público do país, elaborará programas de fomento da lectura, xa sexa para o conxunto da poboación ou dirixidos a sectores específicos desta.

A Lei 5/2012, de 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, dispón no seu artigo 20 que é función das bibliotecas públicas desenvolver actividades de creación ou difusión cultural e de promoción da lectura.

De conformidade co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, correspóndelle a este departamento, a través da Dirección Xeral de Cultura, o exercicio das competencias en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos, co fin de potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

Deste modo, este centro directivo, co fin de favorecer os hábitos lectores do conxunto da cidadanía, vai desenvolver ao longo do ano 2024 o programa Ler conta moito na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Ler conta moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.

Con este programa preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión; e consolidar a programación compartida da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é abrir o prazo e establecer as condicións para que as persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural poidan inscribirse no catálogo Ler conta moito 2024.

Este catálogo incorporará actividades de dinamización bibliotecaria e cultural que se porán á disposición dos titulares de bibliotecas públicas, co obxecto de que poidan seleccionalas para a súa programación de dinamización da lectura durante o ano 2024 promovendo así a mellora da oferta, a igualdade de acceso e a transparencia.

Segundo. Destinatarios

Poderán formar parte do catálogo Ler conta moito 2024 aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural, que pretendan desenvolver actividades deseñadas de acordo co sinalado nesta resolución.

As persoas físicas ou xurídicas que desexen participar no catálogo Ler conta moito 2024 deberán estar dadas de alta no imposto de actividades económicas (IAE), nunha epígrafe das relacionadas no anexo I, ou noutra adecuada ao tipo de actividade que se vaia desenvolver.

Non poderán formar parte do catálogo aquelas persoas que, estando incluídas na súa edición anterior, incumprisen as obrigas derivadas da súa participación, en especial o cobramento dun prezo maior que o indicado pola actividade.

Terceiro. Procedemento para a inclusión no catálogo e prazo de inscrición

1. As persoas e entidades interesadas deben acceder á plataforma do programa Ler conta moito 2024 a través da páxina web da Rede de bibliotecas de Galicia, http://rbgalicia.xunta.gal e cubrir o formulario de alta de actividades do catálogo, sinalando os datos identificativos do solicitante e as características das actividades con que desexa participar.

Cada persoa ou entidade poderá participar cun máximo de tres actividades.

2. Pasarán a formar parte do catálogo as actividades que a persoa ou entidade interesada dea de alta e cumpran as condicións establecidas nesta resolución. As actividades incluídas en edicións anteriores do catálogo non se incorporarán de oficio.

3. O prazo para inscribirse e solicitar a inclusión de actividades no catálogo comprende desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xaneiro de 2024.

4. Rematado o prazo de inscrición, a Dirección Xeral de Cultura publicará na páxina web da Rede de bibliotecas de Galicia http://rbgalicia.xunta.gal a lista provisional de admitidos e excluídos e dará un prazo de 10 días naturais para que as persoas físicas e xurídicas que figuren na lista de excluídos poidan emendar as súas solicitudes.

5. Á vista das alegacións formuladas, a Dirección Xeral de Cultura publicará a lista definitiva de profesionais e actividades que conformarán o catálogo Ler Conta moito 2024.

Cuarto. Características e requisitos das actividades

Para a inclusión de actividades no catálogo deberán terse en conta as seguintes condicións:

1. As actividades propostas estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura, a través dun ou varios dos seguintes obxectivos específicos: promover a lectura, a escritura ou a creación artística; difundir a cultura e a lingua galega; divulgar o coñecemento; promover o pensamento crítico, a innovación e a creatividade, e favorecer a construción social participativa, igualitaria e inclusiva.

Sen prexuízo do anterior, no caso de que unha persoa ou entidade desexe incluír tres actividades no catálogo, polo menos unha delas terá que estar orientada especificamente a promover a igualdade entre homes e mulleres e/ou a loita contra a violencia de xénero.

2. Tanto a realización da actividade como a súa descrición no catálogo Ler conta moito 2024 faranse integramente en galego, cumprindo a vixente normativa ortográfica e morfolóxica deste idioma fixada pola Real Academia Galega tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

3. No custo da actividade entenderanse incluídos os impostos (incluído o importe da retención a conta do IRPF, cando proceda) e todos os gastos derivados, tales como desprazamentos, materiais empregados, etcétera. No caso de actividades que se desenvolvan en varias sesións, especificarase o custo de cada sesión e o total.

4. Para facilitar a posterior selección por parte das entidades titulares de bibliotecas públicas, as actividades poderán encadrarse nalgunha das seguintes categorías:

a) Obradoiros creativos, tales como os dirixidos á escritura, creación audiovisual, oralidade, ilustración, tecnoloxía, ciencia e outros.

b) Narración oral: contacontos, lecturas en voz alta, recitais, regueifas e similares.

c) Divulgación literaria: encontros con autores, clubs de lectura e similares.

d) Divulgación do coñecemento: divulgación científica, charlas sobre temas de interese social ou cultural e outros semellantes.

e) Audiovisual: proxeccións, audicións, ciclos arredor do cine e a música, linguaxes audiovisuais...

f) Creación dixital: creación de contidos, programación e outros.

g) Artes escénicas: música, teatro, danza e outras.

h) Exposicións.

i) Roteiros ou itinerarios guiados: percorridos colectivos para descubrir escenarios literarios ou espazos de interese cultural.

Quinto. Dereitos e obrigas das persoas e entidades integrantes do catálogo

1. A inclusión no catálogo Ler conta moito 2024 non comporta relación contractual ningunha coa Administración da Xunta de Galicia. A contratación das actividades poderá ser acordada, se é o caso, entre as persoas ou entidades que forman parte do catálogo e o titular dunha biblioteca pública que libremente as seleccione.

2. Coa súa inscrición no catálogo, as persoas e entidades participantes declaran estar en posesión dos dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial necesarios para o desenvolvemento das actividades ofertadas.

3. As persoas e entidades incluídas no catálogo comprométense a realizar as actividades que forman parte del nas condicións ofertadas. A falsidade dos datos que figuren na inscrición, o incumprimento das condicións ofertadas sen causa xustificada e, en especial, o cobramento dun prezo maior que o indicado, comportará a exclusión do catálogo na seguinte convocatoria.

4. A inscrición implica a autorización para que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publique os datos necesarios para confeccionar o catálogo Ler conta moito 2024. Así mesmo, a inclusión no catálogo comporta autorización á devandita consellería para o uso das imaxes proporcionadas, que poderán ser empregadas para a difusión, exhibición e divulgación pública do programa por calquera canle ou medio de comunicación e información social, coa finalidade de promocionar as actividades culturais.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Director xeral de Cultura

ANEXO I

Códigos IAE

Sección 1. Actividades empresariais

Agrupación 47. Industria do papel e fabricación de artigos de papel; artes gráficas e edición.

Grupo 474. Artes gráficas (impresión gráfica).

– 474.1. Impresión textos e imaxes.

– 474.2. Impresión de prensa diaria.

– 474.3. Reprodución de textos e imaxes (multicopistas, fotocopias, sistemas de reprodución de planos, etc.).

Grupo 475. Actividades anexas ás artes gráficas.

– 475.1. Estereotipia, galvanotipia e galvanoplastia, fabricados de goma e caucho, fabricación de rodetes e outros elementos dedicados aos procesos de impresión.

– 475.2. Composición de textos.

– 475.3. Reprodución de textos ou imaxes destinados á impresión.

– 475.4. Encadernación.

Grupo 476. Edición.

– 476.1. Edición de libros.

– 476.2. Edición de xornais e revistas.

– 476.9. Outras edicións n.c.n.

Agrupación 93. Educación e investigación.

Grupo 931. Ensino regrado.

– 931.1. Gardaría e ensino de educación infantil, exclusivamente.

– 931.2. Ensino de educación básica, exclusivamente.

– 931.3. Ensino de bacharelato, orientación universitaria, formación profesional e ciclos formativos de FP, exclusivamente.

– 931.4. Ensino de máis dunha modalidade das dos epígrafes anteriores.

– 931.5. Ensino de educación superior.

Grupo 932. Ensino non regrado de formación profesional e educación superior.

– 932.1. Ensino de formación e perfeccionamento profesional non superior.

– 932.2. Ensino de formación e perfeccionamento profesional superior.

Grupo 933. Outras actividades de ensino.

– 933.1. Ensino de condución de vehículos.

– 933.2. Promoción de cursos e estudos no estranxeiro.

– 933.9. Outras actividades de ensino.

Grupo 934. Ensino fóra de establecemento permanente.

Grupo 936. Investigación científica e técnica.

– 936.1. Investigación en ciencias exactas e naturais.

– 936.2. Investigación en ciencias médicas.

– 936.3. Investigacións agrarias.

– 936.4. Investigación en ciencias sociais, humanidades e xurídicas.

– 936.5. Investigación técnica industrial.

– 936.9. Outras investigacións científicas e técnicas, n.c.n.

Agrupación 96. Servizos recreativos e culturais.

Grupo 961. Produción e servizos relacionados, de películas cinematográficas (incluso vídeo).

– 961.1. Produción películas cinematográficas (incluso vídeos).

– 961.2. Dobraxe, sincronización e montaxe de películas.

– 961.3. Decoracións escénicas para películas ou cintas cinematográficas.

Grupo 962. Distribución de películas cinematográficas e vídeos.

– 962.1. Distribución e venda de películas cinematográficas.

– 962.2. Distribución e venda ao por maior de películas cinematográficas en soporte de cinta magnetoscópica.

Grupo 963. Exhibición de películas cinematográficas e vídeos.

– 963.1. Exhibición de películas cinematográficas e vídeos.

– 963.2. Exhibición de películas cinematográficas e vídeos ao aire libre.

– 963.3. Exhibición de películas cinematográficas e vídeos fóra de establecemento permanente.

– 963.4. Exhibición de películas cinematográficas e vídeos en establecementos distintos aos anteriores.

Grupo 964. Servizos de radiodifusión, televisión e de enlace e transmisión de sinais de TV.

– 964.1. Servizos de radiodifusión.

– 964.2. Servizos de televisión.

– 964.3. Servizos de enlace e transmisión de sinais de TV.

Grupo 965. Espectáculos (excepto cinema e deportes).

– 965.1. Espectáculos en salas e locais (excepto espectáculos taurinos).

– 965.2. Espectáculos ao aire libre (excepto espectáculos taurinos).

– 965.3. Espectáculos fóra de establecemento permanente (excepto espectáculos taurinos).

– 965.4. Empresas de espectáculos.

Grupo 966. Bibliotecas, arquivos, museos, xardíns botánicos e zoolóxicos.

– 966.1. Bibliotecas e museos.

– 966.9. Outros servizos culturais n.c.n.

Grupo 967. Instalacións deportivas e escolas e servizos de perfeccionamento do deporte.

– 967.1. Instalacións deportivas.

– 967.2. Escolas e servizos de perfeccionamento do deporte.

Grupo 968. Espectáculos deportivos.

– 968.1. Instalacións para a celebración de espectáculos deportivos.

– 968.2. Organización de espectáculos deportivos en instalacións alleas.

– 968.3. Organización de espectáculos deportivos por federacións e clubs non profesionais.

Sección 2. Actividades profesionais

Agrupación 22. Enxeñeiros técnicos e axudantes da aeronáutica e axudantes de enxeñeiros de armamento e construción e similares.

Grupo 224. Debuxantes técnicos.

Grupo 225. Técnicos en telecomunicación.

Grupo 226. Técnicos en son.

Grupo 227. Técnicos en iluminación.

Agrupación 43. Delineantes e decoradores.

Grupo 431. Delineantes.

Agrupación 82. Profesionais do ensino.

Grupo 821. Persoal docente de ensino superior.

Grupo 822. Persoal docente de ensino medio.

Grupo 823. Persoal docente de ensino xeral básico e preescolar.

Grupo 824. Profesores de formación e perfeccionamento profesional.

Grupo 826. Persoal docente de ensinos diversos.

Agrupación 85. Profesionais do espectáculo.

Grupo 851. Representantes técnicos do espectáculo.

Grupo 853. Axentes de colocación de artistas.

Grupo 854. Expertos en organización de congresos.

Agrupación 86. Profesións liberais, artísticas e literarias.

Grupo 861. Pintores, escultores, ceramistas, artesáns, gravadores e similares.

Grupo 862. Restauradores de obras de arte.

Sección 3. Actividades artísticas

Agrupación 01. Actividades relacionadas co cinema, teatro e circo.

Grupo 11. Directores de cinema e teatro.

Grupo 12. Axudantes de dirección.

Grupo 13. Actores de cinema e teatro.

Grupo 14. Extras especialistas, dobres, comparsas e meritorios.

Grupo 15. Operadores de cámaras de cinema, televisión e vídeo.

Grupo 16. Humoristas, caricatos, excéntricos, charlistas, recitadores, ilusionistas, etc.

Grupo 17. Apuntadores e rexedores.

Grupo 18. Artistas de circo.

Grupo 19. Outras actividades relacionadas co cinema, teatro e circo n.c.n.

Agrupación 02. Actividades relacionadas co baile.

Grupo 22. Bailaríns.

Grupo 29. Outras actividades relacionadas co baile n.c.n.

Agrupación 03. Actividades relacionadas coa música.

Grupo 31. Mestres e directores de música.

Grupo 32. Intérpretes de instrumentos musicais.

Grupo 33. Cantantes.

Grupo 39. Outras actividades relacionadas coa música n.c.n.