DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 23 de novembro de 2023 Páx. 64876

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 22 de novembro de 2023 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos nos centros de asistencia social da Consellería de Política Social e Xuventude e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar durante a folga xeral convocada para o día 23 de novembro de 2023 no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 20 de xuño).

O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación.

A organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a esta Administración a convocatoria dunha folga xeral no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez. A folga desenvolverase desde as 11.00 ás 15.00 horas do día 23 de novembro de 2023. Nas empresas, administracións e organismos que teñan quendas de traballo de tarde, as persoas traballadoras adscritas a esa quenda están convocadas para a folga nas catro primeiras horas da dita quenda, e nas empresas, administracións e organismos que teñan quendas de traballo de noite, as persoas traballadoras adscritas a esa quenda están convocadas para a folga nas catro primeiras ou nas catro últimas horas da dita quenda.

No concello das Pontes de García Rodríguez a Consellería de Política Social e Xuventude conta actualmente cun centro sociocomunitario, e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta cun centro de día.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

O exercicio do dereito de folga supera o plano das relacións entre empresa e traballadores/as para ingresar no campo do público cando a empregadora resulta ser a propia Administración pública ou se afectan os servizos esenciais respecto dos cales esta cumpre unha función de garantía. Neste sentido, a atención asistencia social ten este carácter esencial para a comunidade.

O servizo esencial xustifícase pola exixencia constitucional de garantir o dereito da comunidade a non se ver privada de determinados bens ou servizos, que prevalece sobre o dereito fundamental de folga.

O seguimento desta folga, sen a determinación anticipada dunha prestación mínima, podería xerar un prexuízo tanto para usuarios como para as súas familias e para o persoal do centro que non a secunde.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Nos centros da Consellería de Política Social e Xuventude e nos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a convocatoria de folga realizada pola organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) para o día 23 de novembro de 2023 no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2. Designación dos efectivos

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será determinada pola Consellería de Política Social e Xuventude e máis polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Artigo 3. Salvagarda dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO

Na xornada de folga a que fai referencia esta orde, terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:

– Centro Sociocomunitario As Pontes: 1 efectivo para garantir a apertura e o peche do centro.

– Centro de día das Pontes: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 persoal de limpeza.