DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2023 Páx. 65100

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de María González Mato.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 25 de novembro de 2022, acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de María González Mato (ABI/2017/0044).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (supl. núm. 307, do 23.12.2022), no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 240, do 20.12.2022), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública e foi exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba durante un prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos cales se acredita o seu falecemento o 1 de xaneiro de 2016 en Vilalba, e que non tiña outorgado testamento rexistrado; aínda que se comprobou a existencia dunha posible herdeira legal, esta repudiou a herdanza da falecida. Así mesmo, figura igualmente incorporado certificado do seu empadroamento no concello de Vilalba, polo que queda xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.

Non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica.

Tras consultas efectuadas perante o Catastro Inmobiliario, no Índice xeral informatizado de predios e dereitos do Rexistro da Propiedade e mediante outras fontes, determinouse, en principio, que polo menos forman parte da masa hereditaria da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión daqueles outros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos:

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigos 267 e seguintes.

Código civil, artigos 657 e seguintes.

Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6, 20.bis e 20.ter.1.

Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, artigos 4 e 56.

Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, artigos 4 e 7.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de María González Mato, con DNI 33639573-A, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicarlle á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

a) Bens inmobles:

– Urbano, terreo sen edificar situado na zona da travesía Pedreira Segunda, de Vilalba, parcela catastral número 72, cunha superficie aproximada de 348 m2. Estremas: norte e oeste: parcela catastral número 71; sur: parcela catastral número 82; e leste: parcela catastral número 20 e, en parte, número 57.

Referencia catastral: 6648872PH0964N0001SU.

Valor catastral: 1.069,82 euros.

Inscrición rexistral: non consta.

b) Contratos e outros efectos bancarios:

– Banco Santander, S.A.: depósito á vista, 0238 8146 07 0092 2475.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, durante un prazo non inferior a un mes, no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba.

Contra esta resolución poderase recorrer por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, durante o prazo dun mes, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112 .1, 114 e 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, que contén esta resolución, poderán exercer as accións pertinentes ante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio da
Consellería de Facenda e Administración Pública