DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2023 Páx. 65052

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2023 pola que se convoca a Xornada sobre a contabilidade nacional nas administracións locais: as regras fiscais.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia, recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto, e aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2023 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar a Xornada sobre a contabilidade nacional nas administracións locais: as regras fiscais, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

O obxectivo desta xornada é, por unha banda, analizar en profundidade o réxime das regras fiscais para o seu correcto cálculo, que se lle debe remitir ao Ministerio de Facenda e Función Pública, e por outra, analizar o réxime da débeda pública e os requisitos para poder endebedarse.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local de Galicia con habilitación de carácter nacional que pertenza á subescala de intervención-tesouraría e secretaría-intervención, así como ao persoal técnico das entidades locais de Galicia que realice funcións relacionadas co contido da xornada.

Terceira. Desenvolvemento

Data: venres 1 de decembro de 2023.

Modalidade: presencial.

Horario: de mañá e tarde.

Horas lectivas: 8.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

O número de prazas limitado á capacidade do local.

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade contable das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso Xornada sobre a contabilidade nacional nas administracións locais: as regras fiscais.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 28 de novembro de 2023.

6. Unha vez formalizada a inscrición, todas as persoas solicitantes deberán enviar ademais, antes de que finalice o prazo de inscrición, un correo electrónico dirixido a
novas.egap@xunta.gal e achegar calquera tipo de documentación (cabeceira de nómina, toma de posesión, nomeamento, certificado asinado por quen corresponda….) en que figure e se acredite que a persoa solicitante cumpre os requisitos indicados na base segunda (persoas destinatarias) desta resolución: persoal e/ou funcións relacionadas.

7. Serán excluídas todas as solicitudes daquelas persoas que non envíen a documentación en que acrediten o cumprimento dos requisitos para ser persoa destinataria desta actividade.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico
<novas.egap@xunta.gal> ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas, de acordo co establecido nas bases segunda e quinta desta resolución para as persoas destinatarias e inscrición, respectivamente.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 30 de novembro de 2023, ata as 12.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización. Neste caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública