DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 29 de novembro de 2023 Páx. 65849

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de novembro de 2023 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido nos artigos 88.2 e 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 6.2 e 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta vicepresidencia segunda e consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I.

Segundo. Poderá concorrer o persoal funcionario de carreira que reúna os requisitos que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

A persoa funcionaria que, de ser o caso, desempeñe en comisión de servizos o posto obxecto desta convocatoria terá a obriga de participar nela. O incumprimento desta obriga dará lugar á revogación da comisión de servizos.

Terceiro. As solicitudes, segundo o modelo que se inclúe no anexo II, dirixiranse á Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas que presenten a súa solicitude presencialmente serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas solicitantes deberán unir a petición o seu currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen, mediante certificación ou copia electrónica auténtica.

Os méritos alegados e non probados non se terán en conta.

Quinto. Se a persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I ten destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, e, de ser o caso, no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.

Sexto. A convocatoria resolverase no prazo máximo de dous (2) meses contado desde a data da súa publicación. En caso de non resolverse no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento.

A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúna os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun (1) mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar na data que se determine na resolución definitiva da libre designación con convocatoria pública. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar tamén desde a dita data.

Oitavo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Código do posto: MA.C03.00.003.15770.002.

Denominación: subdirector/a xeral de Residuos.

Centro de destino: Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Consellería: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo e/ou escala: xeral/especial.

Grupo(s)/subgrupo(s): A1.

Nivel: 30.

Complemento específico: 24.428,04 €/ano.

Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego R.I.).

Tipo de adscrición: A11 (adscrición indistinta a persoal funcionario da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.).

missing image file