DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66531

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2023 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a startups, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408G).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 20 de novembro de 2023, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para startups, e facultou a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape a startups e convocar para o ano 2024 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408G).

A presente convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo

Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 8.00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e rematará ás 14.00 horas do 30 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2024

2019 0007

09.A1.741A.7700

1.500.000,00 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda no Igape e, transcorrido este, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Sexto

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

Covadonga Toca Carús
Directora do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas a startups

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un rol fundamental no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega. A súa función de promoción de creación de empresas vén prevista no artigo 4.b) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, e a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, atribúelle un papel principal no estímulo do emprendemento e a actividade emprendedora.

A recente Lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes, establece o marco normativo das startups e incorpora unha serie de medidas tendentes a facilitar a creación e desenvolvemento de iniciativas empresariais emerxentes innovadoras no territorio español.

A necesidade de que as administracións públicas implanten medidas concretas para fomentar o emprendemento e apoiar o emprendedor como axente dinamizador da economía en Galicia vén dada polo alto grao de representatividade das pequenas e medianas empresas, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego.

Para unha xestión máis eficaz e eficiente dos apoios públicos, que cree contornas favorables para promover e consolidar a actividade emprendedora de carácter máis innovador, un dos retos máis salientables do Goberno galego é o crecemento empresarial, para o cal se debe facilitar unha contorna laboral estable que permita o desenvolvemento dunha economía máis equilibrada. O apoio aos emprendedores é fundamental para que poidan actuar como catalizadores da repunta da nosa economía.

As axudas establecidas nestas bases recollen estes principios e están aliñadas coas estratexias galegas de especialización intelixente (RIS3), de economía circular, de cambio climático e enerxía e de economía social.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a 3 prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Neste contexto, o segundo reto da RIS3 consiste en desenvolver un modelo industrial baseado na competitividade e o coñecemento co obxectivo de incrementar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través das tecnoloxías facilitadoras esenciais e a evolución das cadeas de valor. En relación con este reto, unha prioridade é apoiar a tecnificación e dixitalización para impulsar o modelo industrial galego.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 2 busca equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo ao reto 2 (modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento) a través da prioridade 2 (dixitalización). Ten como obxectivo estratéxico equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado (obxectivo estratéxico 2), integrándose, polo tanto, no programa Innova e Emprende.

Co obxectivo xeral de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, cara a fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores innovadores, o Igape desenvolve este sistema de apoio a proxectos de ata 20.000 € de axuda.

Considerando as necesidades máis recorrentes para os emprendedores innovadores no lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos, considérase axeitado apoiar estes cunha achega pública que cubra parte desas necesidades, que supoñen uns custos habituais necesarios en todas as etapas do proceso emprendedor e que, moitas veces, para a posta en marcha da nova actividade supoñen un grande obstáculo para as persoas emprendedoras innovadoras.

Para acadar estes obxectivos poderanse publicar diferentes convocatorias en concorrencia non competitiva que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007.

Artigo 1. Obxecto

Fomentar a actividade das startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia subvencionando os gastos e investimentos en que incorran desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

3. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

4. As axudas previstas nestas bases encádranse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola e no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura, ou nas normas que o modifiquen ou o substitúan.

5. A presente convocatoria finánciase mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos gastos.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións aos mesmos gastos deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa deles. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para os mesmos gastos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia.

Consideraranse startups, de acordo coa definición contida no artigo 3 da Lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes, toda persoa xurídica, incluídas as empresas de base tecnolóxica creadas ao abeiro da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, de recente creación: que non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou rexistro de cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral, ou de sete no caso de empresas de biotecnoloxía, enerxía e industriais, e que reúna as condicións especificadas nese artigo respecto da innovación e escalabilidade.

2. Para acceder a estas axudas, as startups deberán cumprir, ademais, polo menos, unha das seguintes condicións no momento de solicitar a axuda:

– Dispor da certificación de ENISA prevista na Lei 28/2022.

– Acreditar a cualificación de Iniciativa de emprego de base tecnolóxica da Xunta de Galicia (EIBT).

– Ter participado nalgún proceso de aceleración en iniciativas con participación pública da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento (Viagalicia, BFAuto, BFAero, BFFood, Turislab, Galicia Avanza).

– Acreditar mediante certificado para o efecto emitido polo centro de orixe o carácter de Spin-off das universidades, dos centros de formación profesional ou de centros tecnolóxicos.

– Estar inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.

– Dispor da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente.

– Dispor da marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 5. Condicións e conceptos subvencionables

1. Poderán ser subvencionables calquera gasto ou investimento en que incorra a startup desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda. O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar 10.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser novos, adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores; enténdese que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Os investimentos deberán manterse na empresa beneficiaria durante un período mínimo de 3 anos contados desde a data da resolución de concesión da axuda.

2. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

3. En ningún caso os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda

Concederase unha axuda do 100 % ata un máximo de 20.000 € para os gastos realizados (devindicados e pagados) pola startup durante o período subvencionable.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da startup solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

No formulario incluirase a xustificación dos gastos realizados mediante a modalidade de conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51.1 do Decreto 11/2009.

A conta xustificativa simplificada incluirá:

1º. Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

2º. O detalle doutros ingresos ou subvencións que teñan financiado os custos subvencionados, con indicación do seu importe e procedencia.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

Cada startup só poderá presentar unha solicitude de axuda.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No dito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

b) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un período de catro anos desde a súa presentación.

c) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido da Lei de sociedades de capital.

d) Declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para os mesmos conceptos para os cales se solicita esta subvención.

e) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal daranse por desistidos da súa petición, logo da resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Acreditación documental do cumprimento dalgunha das condicións relacionadas no artigo 4.2 para poder ser beneficiaria da axuda.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.1 destas bases.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións pola regra de minimis.

g) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

h) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

i) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

j) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.

Artigo 11. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape.

A persoa titular da Dirección da Área de Competitividade do Igape é o órgano competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 12. Instrución dos procedementos, resolución e notificación

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva, as axudas resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento foi correctamente atendido.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

2. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido este poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación telemática (https://www.igape.gal/gl/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático).

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante a persoa titular da Dirección xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar os gastos e investimentos que fundamentan a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Manter a actividade e os investimentos subvencionados durante o período de 3 anos desde a data da resolución de concesión da axuda.

c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, ou calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, e o Consello de Contas.

Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde a súa presentación.

e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.

f) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos de seguimento.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Pagamento das axudas

O aboamento das subvencións reguladas nestas bases realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados, o cumprimento dos requisitos exixidos; resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda total ou parcial do dereito á subvención no suposto de falta de xustificación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien os custos subvencionados.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Artigo 18. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

Como mínimo farase unha comprobación nunha mostra aleatoria do 10 % das subvencións concedidas.

2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de catro anos desde a súa presentación.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e o Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica.

f) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file