DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2023 Páx. 67397

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 30 de novembro de 2023 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 14 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento TR332A).

A Orde desta Consellería do 14 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2023, establece no seu artigo 2.2 que a contía máxima, así como a distribución entre créditos orzamentarios, poderá ser obxecto de modificación nos supostos e condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, ao existir crédito dispoñible procedente de remanentes doutras convocatorias que pode aplicarse a incrementar o importe do crédito inicialmente previsto para o financiamento das axudas e subvencións para os programas integrados de emprego, procede ditar a presente orde de ampliación para poder atender o maior número de solicitudes posibles, en cumprimento do disposto nos preceptos anteriormente citados e co fin de garantir unha maior execución dos fondos finalistas.

Por todo o exposto e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario

Amplíase o importe total do crédito para o financiamento das axudas previstas na Orde desta Consellería do 14 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2023, nunha contía de 135.000,00 euros para a anualidade de 2023 e de 405.000,00 euros para a anualidade de 2024, na aplicación orzamentaria 11.50.322A.460.3 (código de proxecto 2014 00583), e nunha contía de 260.000,00 euros para a anualidade de 2023 e de 780.000,00 euros para a anualidade de 2024, na aplicación orzamentaria 11.50.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583).

Artigo 2. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 14 de xuño de 2023 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade