DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2023 Páx. 67386

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 147/2023, do 23 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia para o ano 2023.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, prevén a convocatoria periódica de procedementos de selección de persoal estatutario fixo que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no seu acceso.

O artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, dispoñen que as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, que aprobarán os órganos de goberno das administracións públicas; engaden que a oferta de emprego público poderá conter, ademais, medidas derivadas da planificación de recursos humanos.

Constitúe un dos obxectivos e compromisos do Servizo Galego de Saúde continuar apostando pola estabilidade no emprego coa convocatoria periódica de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo, nos cales se garantan os principios que rexen o acceso ao emprego público, como así veu desenvolvendo de forma ininterrompida este organismo nos últimos once anos.

O artigo 12 da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto, e en particular no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

De acordo co disposto no artigo 20.un da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público levarase a cabo a través da oferta de emprego público, como plasmación do exercicio da planificación nun marco plurianual.

Neste mesmo artigo 20.dous fíxanse diferentes taxas de reposición de efectivos, e autorízase unha taxa do 120 por cento nos sectores prioritarios, entre os cales se inclúen as administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde.

En aplicación da dita taxa, o número total máximo de prazas autorizadas para configurar a oferta de emprego público deste ano 2023, para o persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, é 1.630. Con todo, e dado que 423 prazas xa foron obxecto dunha oferta anticipada mediante o Decreto 32/2023, do 13 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde, a oferta que agora se aproba comprende un total de 1.207 prazas.

Esta nova oferta, sumada á oferta incluída no Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aprobou a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, e as prazas pendentes de convocar ofertadas no Decreto 220/2020, do 3 de decembro, no Decreto 75/2021, do 8 de abril, e no Decreto 2015/2022, do 1 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2020, 2021 e 2022, respectivamente, posibilitará a execución de convocatorias de procesos selectivos nos cales se incluirán 7.237 prazas do Sistema sanitario público de Galicia.

Ademais de aprobar a oferta de prazas e a súa distribución, este decreto establece criterios xerais referidos ao sistema e órganos de selección, reserva de prazas para a súa provisión por promoción interna, acceso das persoas con discapacidade e reserva de prazas para estes efectos, acreditación do coñecemento da lingua galega, xestión e publicidade dos procesos selectivos e adaptación das convocatorias á normativa en materia de igualdade.

Particularmente, cómpre facer constar a previsión de concentrar a reserva de prazas de discapacidade intelectual no grupo auxiliar da función administrativa. Esta medida xustifícase, por unha parte, no feito de que esta categoría é a que, entre as que son obxecto da oferta, se adapta mellor ás peculiaridades das persoas con este tipo de discapacidade; por outra, na oportunidade de tramitar unha convocatoria separada na cal se ofertará un total de 43 prazas: as 33 prazas reservadas neste decreto e as outras 10 prazas reservadas no Decreto 75/2021, do 8 de abril, polo que se aprobou a oferta de emprego para o ano 2021. Ademais, hai que ter en conta que neste momento xa se está a tramitar un concurso-oposición para esta categoría, cuxa convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 3, do 4 de xaneiro de 2023, cunha oferta de 318 prazas (164 para acceso libre, 132 para a quenda de promoción interna e 22 reservadas para persoas con discapacidade xeral), ao cal hai que engadir as 102 prazas ofertadas no concurso de méritos convocado mediante resolución publicada no mesmo diario oficial o 5 de xaneiro. Desta forma, a pesar de que nesta nova oferta todas as prazas da categoría se reservan para aspirantes con discapacidade intelectual, está a manterse un equilibrio razoable, nas posibilidades de acceso ao emprego fixo, entre os diversos colectivos interesados.

Tamén cómpre destacar a novidade incluída neste decreto respecto a que na tramitación dos procesos se adopten medidas de protección para as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual.

Finalmente, como toda oferta de emprego público é un instrumento de planificación que ten como obxectivo a consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos, este decreto inclúe na súa disposición adicional determinadas previsións en materia de planificación de recursos humanos.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de novembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

Apróbase a oferta de emprego público para o ano 2023 de prazas básicas de diversas categorías de persoal estatutario das institucións sanitarias e entidades adscritas ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Sanidade que conforman o Sistema público de saúde de Galicia, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. O número de prazas que integran esta oferta de persoal estatutario para o ano 2023 ascende a un total de 1.207 prazas.

2. A distribución por categorías/especialidades e sistemas de acceso realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo deste decreto.

Artigo 3. Sistema de selección

De conformidade co que establece o artigo 6.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, o sistema de selección será o de concurso-oposición.

Artigo 4. Órganos de selección

1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público do Sistema público de saúde de Galicia, tanto se se trata do acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2. De conformidade co que establece o artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non se poderá exercer esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

4. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

Artigo 5. Promoción interna

1. Con carácter xeral, reservarase ata un máximo de un cincuenta por cento do total das prazas que se convoquen en cada categoría/especialidade para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Malia o anterior, poderase establecer unha reserva inferior cando así veña xustificado pola planificación eficiente das necesidades, polas características específicas da categoría/especialidade ou pola propia titulación requirida para o acceso.

3. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza que se incluirá nesta reserva.

4. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría/especialidade especificarase nas respectivas resolucións polas que se convoquen os procesos selectivos.

5. As prazas que non se provexan polo sistema de promoción interna acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos serán admitidas as persoas con discapacidade, nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co que establece o artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total das 1.630 prazas ofertadas neste decreto e no Decreto 32/2023, do 13 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde, resérvase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para ser cuberta entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. Esta reserva efectúase de forma que o dous por cento das prazas ofertadas sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o cinco por cento restante para seren cubertas por persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade xeral.

Cando da aplicación das porcentaxes resultan fraccións decimais, redondéase por exceso para o seu cómputo.

4. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectúase sobre o cómputo total das prazas ofertadas, consonte o exposto no número 2 deste artigo, e faise efectiva naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, en cumprimento do disposto no artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e segundo o que se recolle no anexo.

5. A reserva de prazas de discapacidade intelectual efectúase sobre ese mesmo cómputo total e concéntrase, segundo o que se recolle no anexo, no grupo auxiliar da función administrativa por ser esta a categoría que, entre as que son obxecto da oferta, se adapta mellor ás peculiaridades das persoas con este tipo de discapacidade.

6. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes, garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos selectivos.

Particularmente, tramitarase unha convocatoria separada para o acceso ao grupo auxiliar da función administrativa na cal se ofertarán, para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, as 33 prazas reservadas neste decreto e as outras 10 prazas reservadas no Decreto 75/2021, do 8 de abril, polo que se aprobou a oferta de emprego para o ano 2021.

7. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo, con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e nos prazos que se determinen en cada convocatoria.

8. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

9. Unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/do candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.

10. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

11. As persoas aspirantes que superen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a dita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 7. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame, así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade dos procesos selectivos

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento dos procesos selectivos realizarase conforme o que determinen as bases das respectivas convocatorias do concurso-oposición.

2. Encoméndase á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión dos procesos selectivos correspondentes. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación dos tribunais cualificadores, así como a resolución e adxudicación de destinos.

3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión dos procesos de selección e provisión de prazas efectuarase a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.

De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas participantes en tales procesos efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es

4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento dos procesos selectivos e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen nas respectivas convocatorias.

5. Coa finalidade de dotar da máxima axilidade o proceso, nas convocatorias en que se inclúan as prazas que figuran no anexo a resolución pola que se faga pública a relación dos/das aspirantes seleccionados/as habilitará un prazo de dez días hábiles para presentar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Artigo 9. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración Pública

1. As convocatorias adaptaranse ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

2. Coa finalidade de integrar a perspectiva de xénero na actividade estatística, os expedientes internos de execución desta oferta de emprego conterán unha referencia á distribución por sexo do cadro de persoal das correspondentes categorías e especialidades, así como das persoas aspirantes admitidas e das definitivamente seleccionadas.

Artigo 10. Medidas de protección contra a violencia de xénero e sexual

As convocatorias dos procesos selectivos que se realicen en execución deste decreto incorporarán medidas dirixidas a protexer as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual.

As ditas medidas referiranse nomeadamente á protección da súa intimidade e, no caso das aspirantes definitivamente seleccionadas, á asignación dun destino que favoreza a súa protección e o dereito á asistencia social.

Disposición adicional única. Planificación dos recursos humanos

1. A planificación dos recursos humanos no Sistema público de saúde de Galicia orientarase ao cumprimento dos seguintes obxectivos da política de emprego: a atención aos ámbitos e sectores da actividade sanitaria con necesidades específicas de efectivos, o adecuado dimensionamento do volume de efectivos segundo as necesidades, a eficiencia das políticas de recursos humanos, a eficacia na distribución territorial, así como a redución da temporalidade no sector público.

2. Ao abeiro da facultade conferida polo artigo 70.3 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e como medida de planificación e ordenación dos recursos humanos no Sistema público de saúde de Galicia, os procesos de provisión de prazas básicas de persoal estatutario orientaranse á cobertura das categorías e ámbitos prioritarios e con necesidades específicas de dotación permanente de efectivos, non poderán afectar a continuidade asistencial nin incluír prazas afectadas por procesos de reordenación organizativa ou asistencial e deberán ter en conta as especificidades dos centros e unidades de referencia.

3. De conformidade coa habilitación conferida polo artigo 115.12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e o acordo da Mesa sectorial, do 29 de xuño de 2022, sobre medidas retributivas e de mellora no seo do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria (Diario Oficial de Galicia número 182, do 23 de setembro), os baremos de méritos dos procesos selectivos deberán incluír unha puntuación específica que valore a prestación de servizos nos centros sanitarios de atención primaria do Servizo Galego de Saúde que teñan a consideración de illados ou de difícil cobertura, así como nos seus hospitais comarcais.

4. Dentro do límite determinado polo número de prazas ofertadas neste decreto para cada categoría/especialidade, e conforme os criterios de planificación e ordenación dos recursos humanos anteriormente indicados, os postos convocados no último concurso de traslados correspondente ás categorías/especialidades incluídas nesta oferta que non resulten adxudicados, así como os que deixe vacantes o persoal estatutario fixo do Sistema público de saúde de Galicia que resulte adxudicatario de destino no dito procedemento de mobilidade, incluiranse nos respectivos procesos de selección para a adquisición da condición de persoal estatutario fixo que se convoquen en execución desta oferta.

Así mesmo, e co obxecto de atender as necesidades asistenciais dos ámbitos sanitarios de difícil cobertura, poderán ofertarse aos/ás aspirantes seleccionados/as nos procesos de selección fixa as prazas dos hospitais comarcais e postos de atención primaria de difícil cobertura que queden vacantes con posterioridade á data de publicación da oferta de destinos do último concurso de traslados.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de novembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Relación de prazas ofertadas OPE 2023

Licenciado/a sanitario

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Médico/a de familia

121

6

Médico/a de hospitalización a domicilio

12

1

Médico/a de urxencias hospitalarias

35

2

Total prazas licenciado sanitario

168

9

Diplomado/a sanitario e de formación profesional

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Enfermeiro/a

818

43

Técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía

8

Técnico/a superior en dietética

11

1

Técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico

121

6

Total prazas diplomado/a sanitario e de formación profesional

958

50

Xestión e servizos

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Grupo de xestión da función administrativa

5

Grupo técnico da función administrativa

2

Persoal técnico superior en prevención de riscos laborais

4

Traballador/a social

37

2

Grupo auxiliar da función administrativa

33

33

Total prazas xestión e servizos

81

2

33

Total prazas

1.207

61

33