DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 11 de decembro de 2023 Páx. 67895

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2023 pola que se convoca a xornada Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración das contas anuais.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar a xornada «Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración das contas anuais», de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

A presente xornada ten por obxecto analizar, desde unha perspectiva práctica, as operacións de contabilidade pública que realizan as entidades locais no fin do exercicio orzamentario, tanto desde un punto de vista económico como orzamentario e patrimonial.

Segunda. Contidos

– Operacións previas á regularización e peche.

Reclasificación das operacións.

Reclasificacións non formalizadas.

Axustes de periodificación.

Correccións valorativas.

Axustes de activos e pasivos financeiros.

Valoración de existencias.

Operacións de exercicio derivadas dos procedementos especiais.

– Operacións de fin de exercicio.

Regularización do orzamento de ingresos.

Regularización da contabilidade da xestión de recursos por conta doutros entes públicos.

Cálculo dos resultados económico patrimoniais.

Regularización dos gastos e ingresos imputados ao patrimonio.

– Operacións de peche.

Peche do orzamento de gastos.

Peche do orzamento de ingresos.

Peche da contabilidade económico patrimonial.

Cambios de criterios contables, erros e estimacións contables.

Feitos posteriores ao peche.

Terceira. Persoas destinatarias

Persoal empregado público da Administración local con habilitación de carácter nacional que pertenza á subescala de Intervención-Tesourería e Secretaría-Intervención, así como persoal técnico das entidades locais que realice funcións relacionadas co contido da xornada.

Cuarta. Desenvolvemento

Data: mércores 20 de decembro de 2023.

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.00 horas.

Modalidade de impartición: presencial.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 6 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Oitenta (80).

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases terceira e oitava respectivamente desta resolución.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso» a xornada «Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración das contas anuais».

5. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 17 de decembro de 2023.

6. Unha vez formalizada a inscrición, todas as persoas solicitantes deberán enviar ademais, antes de que finalice o prazo de inscrición, un correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal achegando calquera tipo de documentación (cabeceira de nómina, toma de posesión, nomeamento, certificado asinado por quen corresponda...) en que figure e se acredite que a persoa solicitante cumpre os requisitos indicados na base terceira (persoas destinatarias) desta resolución: persoal e funcións relacionadas.

7. Poderán ser excluídas as solicitudes daquelas persoas que non enviasen a documentación acreditando o cumprimento dos requisitos para ser persoa destinataria desta actividade.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 9.00 ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41, ou por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recolleitos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas dispoñible.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 19 de decembro de 2023, ata as 12.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas da xornada. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso no que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública