DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 11 de decembro de 2023 Páx. 67901

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 27 de novembro de 2023 pola que se resolve o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia.

O 17 de febreiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 8 de febreiro de 2023 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia.

Ao abeiro do disposto no artigo 5.2 da Orde do 8 de febreiro de 2023, o 30 de xuño de 2023, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública remitiu á Dirección Xeral da Función Pública o informe proposta de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia que exercitou a opción de integración.

A comisión prevista no artigo 5.5 da Orde do 8 de febreiro de 2023 elaborou o seu informe, segundo consta na certificación emitida polo seu presidente con data do 27 de outubro de 2023.

En consecuencia, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co disposto no artigo 10.3 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e co disposto no artigo 5.6 da Orde do 8 de febreiro de 2023 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Resolver o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia.

Segundo. Vista a proposta realizada pola Dirección Xeral da Función Pública, acordar a integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia das persoas interesadas que se enumeran no anexo I da presente orde, co grupo e categoría profesional segundo o sistema de clasificación profesional establecido no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, no posto de traballo e co carácter de adscrición a este que se indican.

A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia, debendo tomar posesión no prazo de seis días hábiles desde o 1 de xaneiro de 2024, salvo que se atope gozando dun período de licenza, vacacións ou permiso, en cuxo caso o cómputo comezará o día seguinte ao da súa reincorporación ao posto de traballo. Os efectos económicos do cesamento serán os do último día do mes no que este se produza, sendo, en consecuencia, os efectos económicos da toma de posesión do novo destino o primeiro día do mes seguinte ao do cesamento.

Así mesmo, a toma de posesión implica a súa renuncia voluntaria á situación anterior.

Terceiro. Ao persoal laboral integrado faráselle, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto na Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Cuarto. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a ningunha indemnización.

Quinto. Ao persoal que como consecuencia da integración experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de xeito, que a equiparación total se producirá no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Sexto. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da consellería na cal sexa destinada o persoal integrado.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer demanda ante o xulgado do social da circunscrición na que o demandante teña o seu domicilio ou aquela na que se atope a sede do órgano autor do acto orixinario impugnado, entendéndose limitada esta posibilidade de elección só aos xulgados que se atopen dentro da circunscrición do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 10.4 e 69 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora de la xurisdición social, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación. Previamente e con carácter potestativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a presente orde, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Proposta de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia que presentaron solicitudes e cumpren todos os requisitos exixidos na normativa vixente na materia

Apelidos e nome

Servizo activo ou situación que orixine dereito da reserva do posto

Grupo/categoría

Posto proposto

Destino

Armesto Pina, José Francisco

Si

Grupo I, categ. 04

Gabinete técnico

Definitivo

López Diéguez, María Cristina

Si

Grupo I, categ. 04

Gabinete técnico

Definitivo