DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 12 de decembro de 2023 Páx. 68099

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ACORDO do 28 de novembro de 2023, do tribunal que cualifica o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 88, do 9 de maio), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

Nas sesións que tiveron lugar o 16 e o 28 de novembro de 2023, o tribunal que cualifica o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 88, do 9 de maio),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria e en relación co segundo exercicio do proceso selectivo realizado o día 29 de setembro de 2023, unha vez revisadas as alegacións presentadas, aproba a anulación das preguntas número 10, 15 e 40 do cuestionario. En consecuencia, pasan a ser substituídas polas preguntas de reserva número 41, 42 e 43.

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será preciso obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 20 de setembro de 2023, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarán este segundo exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden o mínimo do 45 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Advírtese que as preguntas non contestadas non penalizarán nin recibirán ningunha puntuación.

Ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada asignaráselles a valoración de vinte e cinco (25) puntos no exercicio. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os vinte e cinco (25) e os cincuenta (50) puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que lles corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Unha vez realizada a corrección na sesión que tivo lugar o 28 de novembro, acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de 336 persoas aspirantes no seu conxunto, e fixouse en 18 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.2 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 29 de setembro de 2023, correspondente ao segundo exercicio do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través do aplicativo Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De conformidade co disposto na base IV.13 da orde da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Ángeles Vidal Ruiz
Presidenta do tribunal