DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 14 de decembro de 2023 Páx. 68435

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2023, conxunta do Fondo Galego de Garantía Agraria e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería do Medio Rural. Foi creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, denominación modificada pola de Fondo Galego de Garantía Agraria, en virtude do disposto na disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo. Este marco normativo foi desenvolvido mediante o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, e posteriormente polo Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, que derrogou o anterior.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación. Esta norma modificouse polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se fose o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.

Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga): a emisión de certificados oficiais de aproveitamento de cursos e informes na plataforma de contidos do Fogga.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) O Fondo Galego de Garantía Agraria como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) O Fondo Galego de Garantía Agraria como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo de Garantía Agraria

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia