DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 14 de decembro de 2023 Páx. 68438

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN421T e IN421U).

O cambio climático asociado ao rápido aumento da temperatura do planeta en relación cos niveis preindustriais constitúe o maior reto ambiental e socioeconómico a que se enfrontan os países a unha escala global, o que foi reflectido no Acordo adoptado internacionalmente en París, en decembro de 2015, e asinado por 195 países.

Para facer fronte á senda crecente de emisións de gases de efecto invernadoiro deben adoptarse medidas destinadas a reducir o consumo de combustibles fósiles. Actuar sobre o sector transporte resulta prioritario xa que representa o 31 % do consumo de enerxía final de Galicia. Deste consumo o sector do transporte por estrada representa da orde do 80 % cunha dependencia dos derivados do petróleo do 93 %. Galicia, ademais, presenta un dos parques de automóbiles máis envellecidos de España, cunha antigüidade superior aos 14 anos.

Este programa de incentivos á adquisición de vehículos cara a unha mobilidade eficiente ten como obxectivo dar difusión e poñer en valor os principais instrumentos de que dispón o consumidor para seleccionar un vehículo eficiente enerxeticamente e respectuoso co medio natural, singularmente discriminando os vehículos en función da súa clasificación enerxética e do seu nivel de emisións de CO2 á atmosfera.

A substitución de vehículos de certa antigüidade por vehículos novos eficientes e a adquisición de vehículos de baixas emisións permite a mellora da eficiencia enerxética no sector do transporte e da calidade do aire nas cidades, así como a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

O Inega constitúese en axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, e mantén a súa adscrición a consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 61, do 30 de marzo).

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Esta convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2024 e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.000.000 de €.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite esta liña de subvencións, co obxectivo de fomentar o aforro e eficiencia enerxética e a protección do medio natural a través da utilización de vehículos máis eficientes enerxeticamente.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo (código de procedemento IN421U), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IN421T), recollidas como anexo I desta resolución, e proceder á convocatoria para a anualidade 2024.

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (anexo II).

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2024, que se xuntan a esta resolución como anexos IV a VII.

4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas do Plan Renova o teu vehículo, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).

5. Convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións destinadas á adquisición de vehículos do Plan Renova o teu vehículo. As solicitudes de axuda presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras, e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións de apoio á mobilidade, mellorando a eficiencia enerxética no sector do transporte e da calidade do aire nas cidades, así como a redución de emisión de gases de efecto invernadoiro, coa finalidade de cumprir cos obxectivos asignados a España nas correspondentes directivas do sector enerxético. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.000.000,00 de euros.

Tipo de beneficiario

Aplicación orzamentaria

Orzamento (€)

Persoas físicas

09.A3.733A.780.4

2.700.000,00

Autónomos ou empresas

09.A3.733A.772.2

300.000,00

Total

3.000.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

3. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Vixencia do plan

O plan inicia a súa vixencia a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos.

Artigo 4. Forma e prazo para presentar as solicitudes

1. As solicitudes de adhesión presentaraas a entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

2. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionares a través de medios electrónicos para a realización de calquera tramite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, de acordo co disposto no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 15 de setembro de 2024 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

5. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 17 de xaneiro de 2024 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 30 de setembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

A adquisición do vehículo obxecto da subvención poderase efectuar a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Disposición adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Actos de resolución

O director do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta execución desta convocatoria.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime
de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo,
así como a selección de entidades colaboradoras que participarán
na súa xestión, e convocatoria para a anualidade 2024
(códigos de procedemento IN421T e IN421U)

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a adquisición no ano 2024 de vehículos do Plan Renova o teu vehículo por parte de persoas físicas e empresas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Artigo 2. Requisitos e regras xerais

1. Cando se trate de axudas en que as persoas beneficiarias sexan autónomos, empresas, ou outras entidades que emprendan actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

2. Poderán obter dereito á subvención todas aquelas actuacións recollidas no artigo 3 destas bases reguladoras, que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma, logo de tramitación da solicitude prevista no artigo 10 destas bases reguladoras, en que a adquisición do vehículo se realice entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2024, e cumpran cos demais requisitos exixidos nela. Os trámites que se realicen entre as partes con anterioridade á presentación da solicitude non garanten a dispoñibilidade de financiamento por parte do Inega para a concesión da subvención.

3. As actuacións axustaranse ás especificacións indicadas nas presentes bases e á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia de enerxía.

4. Que o solicitante non fose sancionado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 3. Actuacións que se subvencionan

1. Será subvencionable a adquisición de vehículos novos cun custo inferior ou igual a 42.000 € (impostos incluídos), que se amplía a 47.000 € (impostos incluídos) para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Vehículos M1 (turismos) cun valor de emisións iguais ou inferiores a 125 g CO2/km.

b) N1 (furgonetas) cun valor de emisións inferiores ou iguais a 120 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA < 2.500 kg ou cunhas emisións inferiores ou iguais a 185 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA ≥ 2.500 kg.

Unha persoa física só poderá adquirir un único vehículo M1 ou N1. Un autónomo ou empresa so poderá adquirir un máximo de dez vehículos.

2. Para os efectos destas bases establécense as seguintes categorías de proxectos en función do vehículo adquirido:

Categoría proxecto

Vehículo novo adquirido

Tipo 1

Turismos (M1) con emisións iguais ou inferiores a 110 g CO2/km

Tipo 2

Turismos (M1) con emisións iguais ou inferiores a 125 g CO2/km

Tipo 3

Furgonetas (N1) con emisións iguais ou inferiores a 120 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA < 2.500 kg ou cunhas emisións inferiores ou iguais a 185 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA ≥ 2.500 kg

Para verificar o cumprimento destes requisitos terase en conta a información dispoñible na base de datos de vehículos dispoñible na páxina web do IDAE e no caso de non estar dispoñible a dita información ou ser contraditoria terase en conta a documentación acreditativa do fabricante. En fase de xustificación, en caso de controversia prevalecerá a información que figure na tarxeta de inspección técnica do vehículo adquirido. Defínese:

– Turismos M1: vehículos de motor con polo menos catro rodas deseñados e fabricados para o transporte de pasaxeiros, que teñan, ademais do asento do condutor, oito prazas como máximo.

– Furgonetas ou camións lixeiros N1: vehículos de motor concibidos e fabricados principalmente para o transporte de mercadorías e cuxa masa máxima en carga tecnicamente admisible (MTMA) non supere as 3,5 toneladas.

– MTMA refírese á masa técnica máxima admisible definida segundo a normativa vixente.

3. Para acceder á subvención, será requisito imprescindible que o adquirente titular do vehículo subvencionable acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo que se vaia achatarrar no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico, mediante a presentación do correspondente certificado acreditativo da baixa definitiva do vehículo. O vehículo que se vaia achatarrar deberá ser, indistintamente, de categoría M1 ou N1, estar matriculado en España e ter unha antigüidade, contada desde a data da súa primeira matriculación e ata o día en que se fai a solicitude da axuda, de polo menos dez anos no caso de vehículos M1 ou de cinco anos no caso de vehículos N1. Adicionalmente, o vehículo que se vaia achatarrar deberá estar ao día no pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica e o adquirente titular do vehículo susceptible de axuda, o cónxuxe ou un familiar de primeiro grao (por consanguinidade ou afinidade) deberá ter a titularidade do vehículo achatarrado, como mínimo, desde o día anterior ao da publicación desta convocatoria.

4. As solicitudes presentaranse a través dos concesionarios de automóbiles que actuarán como entidades colaboradoras.

Artigo 4. Incompatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 22 desta convocatoria.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

Artigo 6. Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras (procedemento IN421T)

1. Requisitos, condicións e solvencia

a) Poderán ser entidades colaboradoras os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa 615.1 Comercio grosista de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios, ou 654.1 Comercio retallista vehículos terrestres.

As entidades colaboradoras teñen que ter o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, e colaborarán na xestión desta.

c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

2º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

3º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

4º. Xustificación da axuda ante o Inega.

5º. Desconto directo da axuda na factura de compra do vehículo de xeito que o beneficiario non chegue a realizar o desembolso.

d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na páxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo establecido no artigo 4 da resolución de convocatoria.

f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo III destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas, en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Formularios.

Apróbanse e incorpóranse o seguinte formulario e o modelo de convenio de colaboración como anexos a estas bases reguladoras:

– Anexo II. Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras.

– Anexo III. Convenio de colaboración que se subscribirá coas entidades colaboradoras.

3. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras.

a) Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1º. Estar ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

2º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

4º. Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.

5º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.

6º. Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Inega.

7º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

1º. Comprobar inicialmente os requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

2º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo IV) e de solicitude de pagamento (anexo VI) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

3º. Vender no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.

4º. Aplicar os descontos correspondentes á subvención conforme o establecido nas bases, o cal se reflectirá adecuadamente na correspondente factura.

5º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria.

6º. Exhibir nos seus centros de traballo ou puntos de venda durante a vixencia do Plan Renova o teu vehículo un cartel de promoción deste no cal se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web do Inega.

4. Adhesión de entidades colaboradoras.

a) Adhesión simplificada.

1º. Esta forma de adhesión está unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas correspondentes ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente 2022, regulado na Resolución do 25 de novembro de 2021 (DOG núm. 235, do 9 de decembro), e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas correspondentes ao Plan Renova o teu vehículo, para a anualidade 2024.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria das axudas correspondentes ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, da anualidade 2022.

Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2022.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade ao establecido no artigo 4 da resolución.

3º. Se houbese cambio na representación da entidade colaboradora deberá volverse achegar a documentación solicitada con carácter xeral. Para todas as solicitudes simplificadas o Inega poderá proceder á comprobación de datos recollida na adhesión común que se regula a continuación. Se como consecuencia destas comprobacións procede solicitar a emenda de documentación realizarase nos termos recollidos no citado procedemento de adhesión común.

b) Adhesión común (alta de novas entidades colaboradoras).

1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

3º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

i. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

ii. Convenio de colaboración (anexo III) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5º. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

c) Comprobación de datos.

1º. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

i. NIF da entidade solicitante.

ii. DNI/NIE da persoa solicitante.

iii. DNI/NIE da persoa representante.

iv. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

v. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

vi. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.

vii. Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

2º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

O Inega poderá consultar respecto das entidades colaboradoras adheridas ao programa MOVES III (código de procedemento IN421Q), regulado na Resolución do 26 de xullo de 2021 (DOG núm. 149, do 5 de agosto), os datos que figuren nos documentos elaborados polas administracións públicas, e que presentasen a solicitude de adhesión ao Plan Renova o teu vehículo.

d) Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

5. Órganos competentes.

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión de entidades colaboradoras e correspóndelle á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

6. Instrución do procedemento de adhesión.

1º. Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, rexistro mercantil e outros rexistros públicos.

2º. De conformidade co establecido no artigo 6.1.d) destas bases reguladoras en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións.

7. Resolución.

O prazo máximo para que a Dirección do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de 15 días hábiles desde a presentación da solicitude. Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes, e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa.

8. Notificación das resolucións.

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude de adhesión. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

d) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

e) Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

f) As entidades colaboradoras poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

9. Publicación da listaxe de entidades colaboradoras adheridas.

1º. O Inega publicará na súa páxina web a listaxe de entidades colaboradoras adheridas a medida que resolva o proceso de adhesión. A listaxe actualizarase periodicamente coas novas entidades colaboradoras solicitantes que tras o requirimento de emenda completen a documentación necesaria para formalizar a adhesión.

As entidades colaboradoras non serán publicitadas na páxina web do Inega nin poderán tramitar solicitudes de axuda ata que completen o proceso de adhesión, aínda que eventualmente xa comezara o prazo establecido no artigo 4.4 da resolución da convocatoria.

Artigo 7. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a continuación:

a) As persoas físicas con residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias destas axudas:

a) Non poderán ser destinatarios últimos das axudas os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa a 615.1 ou 654.1.

b) Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non poderán ter a condición de persoa beneficiaria as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 8. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega a través da entidade colaboradora, cando proceda, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Autorizar o Inega a través da entidade colaboradora, no momento de presentar a solicitude da axuda, para que poida consultar que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que se opoñan á consulta ou non presten o consentimento expreso de conformidade co disposto no artigo 13.2 de comprobación de datos. Así, o Inega podería comprobar o cumprimento destas obrigas polo beneficiario.

d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 16 destas bases reguladoras.

e) Cando non poida executar o proxecto deberá desistir da súa solicitude.

f) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os dous (2) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Presentar unha declaración sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

j) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión deberán incluír o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Contía máxima das axudas que se outorgarán coa convocatoria

1. Na seguinte táboa especificase a axuda máxima en función do tipo de proxecto definido no artigo 3:

Tipo de proxecto

Axuda Inega (€)

Axuda adicional familias numerosas (€)

Desconto concesionario (€)

Total (€)(*)

Tipo 1

3.000

600

1.000

4.000/4.600

Tipo 2

2.000

400

1.000

3.000/3.400

Tipo 3

2.000

400

1.000

3.000/3.400

(*)A segunda cantidade é exclusiva para solicitantes que formen parte dunha familia numerosa, para os cales a axuda do Inega se incrementa un 20 %.

O aforro por vehículo do Plan Renova o teu vehículo corresponderá unha parte á axuda pública e outra a un desconto antes de impostos asumido polo fabricante/importador ou punto de venda. En ningún caso a contía da axuda poderá ser superior ao custo da actuación que se define como o custo do vehículo sen incluír a axuda pública.

2. Deberase garantir que para as empresas beneficiarias doutras axudas baixo o réxime de minimis non superan o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadoría por estrada este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios.

Artigo 10. Forma de presentación de solicitudes (código de procedemento IN421U)

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación complementaria). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará na data e hora prevista no artigo 4.5 desta resolución pola que se aproban estas bases e finalizará o 30 de setembro de 2024.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas entidades colaboradoras.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario.

3. A entidade colaboradora presentará electrónicamente, desde a aplicación, a solicitude de axuda unha vez asinada polo representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV.

Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo V, que deberá ser asinado polo solicitante e pola persoa autorizada para a representación, dixitalizado e xuntarse á solicitude de axuda.

A aplicación informática non permitirá a presentación de solicitudes se non se anexa a documentación complementaria indicada no artigo 11 das bases reguladoras.

4. Os fondos solicitados e os vixentes poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Polo tanto, a axuda máxima que e concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que estean en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV) a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación segundo o anexo V.

b) Oferta do vehículo que se pretende adquirir.

A oferta deberá conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE), a marca, modelo e versión do vehículo utilizando preferentemente a nomenclatura da base de datos de vehículos do IDAE.

c) Captura da base de datos de vehículos dispoñible da páxina web do IDAE en que se poidan verificar para vehículos N1 e M1 as emisións de CO2 por quilómetro do modelo seleccionado e adicionalmente, no caso de vehículos N1, a MTMA. No caso de información contraditoria ou no caso de non estar dispoñible na páxina web do IDAE, deberase achegar documentación acreditativa do fabricante.

d) As empresas cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

Ademais, documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Copia do anverso e reverso da ficha técnica (tarxeta ITV) do vehículo que se vaia achatarrar.

f) Permiso de circulación do vehículo que se vaia achatarrar onde conste a data de primeira matriculación, data de matriculación en España e data de expedición. En ausencia de calquera destes documentos ou do indicado na letra e) anterior, achegarase o informe da Dirección Xeral de Tráfico co historial do vehículo.

g) Xustificante de estar ao día no pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do vehículo que se vaia achatarrar.

h) No caso de que o solicitante non coincida co titular do vehículo que se vaia achatarrar deberá achegarse autorización da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar segundo o anexo VII. En concreto, deberá autorizar a consulta ou, no caso de que se opoña, presentar a documentación que acredite o seu DNI, os datos de titularidade do vehículo e o parentesco co solicitante.

O titular que non coincida co beneficiario da axuda ten que autorizar que se realice a solicitude da axuda e ser cónxuxe ou familiar en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade do solicitante.

i) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 13. Comprobación de datos

1º. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa AEAT, coa Seguridade Social e coa Facenda autonómica.

c) DNI ou NIE, da persoa solicitante, e da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar cando non coincida coa persoa solicitante da axuda.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Consulta dos administradores da sociedade.

f) DNI/NIE da persoa representante.

g) NIF da entidade representante.

h) Certificado de nacemento do Ministerio de Xustiza da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar, coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.

i) Certificado de matrimonio do Ministerio de Xustiza da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar, coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.

j) Consulta de datos de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), da persoa solicitante e da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar cando non coincida coa persoa solicitante da axuda.

k) Consulta de datos de propietarios de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e da persoa titular do vehículo que se vaia achatarrar, coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.

l) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

m) Concesión de subvencións e axudas.

n) Concesións pola regra de minimis.

2º. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Título de familia numerosa.

3º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Órganos competentes

A xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e correspóndelle a persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 15. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Unha vez presentada a solicitude e a correspondente documentación complementaria se esta dispón de fondos reservados poderase entender como preconcedida e, a partir dese momento, poderá presentar a documentación xustificativa que se sinala no artigo 16 destas bases reguladoras e solicitar o pagamento mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal). As copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade do solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A aplicación informática non permitirá a presentación de solicitudes de pagamento que non acheguen a documentación xustificativa complementaria indicada no artigo 16.

2. A solicitude de axuda con reserva de fondos que presenten solicitudes de pagamento será revisada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda, conxuntamente coa solicitude de pagamento e a documentación xustificativa que se debe xuntar a esta.

3. Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), á consellería competente en materia de economía e facenda, da verificación do DNI/NIE e datos de vehículos e propietarios na DXT.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta de verificación do NIF do solicitante (persoa física).

4. Poderán liberarse os fondos e pasarán a formar parte do crédito dispoñible, se existe constancia da posta á disposición da notificación da emenda, e transcorresen dez (10) días naturais sen que se presentase a documentación xustificativa.

5. Poderá requirirse a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

6. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen presentarse ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de 10 días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

7. Os expedientes administrativos que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 16. Documentación xustificativa do investimento e solicitude de pagamento

1. O prazo para presentar os documentos de xustificación remata o 30 de setembro de 2024 e, nese momento, os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo.

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, en que figurará o importe total que hai que pagar e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante:

1º. Declaración do representante legal do concesionario en que se indique o custo total do vehículo, se detallen os pagamentos recibidos, incluídos os anticipos, e se declare que o vehículo foi aboado na súa totalidade, salvo a axuda que achega o Inega.

2º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

i. Data de emisión.

ii. Nome e NIF/NIE do beneficiario.

iii. Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

iv. Marca, modelo e versión do vehículo, indicando, se é o caso, a correspondencia coa nomenclatura utilizada na Base de datos de vehículos do IDAE.

v. Na factura debe figurar de xeito expreso a axuda do Inega co concepto «Axuda do Plan galego de mobilidade eficiente financiada polo Inega-Xunta de Galicia» e outro desconto equivalente co concepto «Desconto do Plan galego de mobilidade eficiente financiado polo punto de venda» ou descrición equivalente.

vi. Total que ten que pagar o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total menos a axuda do Inega).

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición da factura e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

3º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

i. Destinatario último: debe quedar acreditado que o pagador é o destinatario final da axuda. Xa sexa mediante un pagamento directo ou mediante un contrato de financiamento.

ii. Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

iii. Número de factura obxecto do pagamento ou marca e modelo do vehículo obxecto da subvención. No caso de financiamento de vehículos deberá achegarse:

– No caso de pagamentos mediante un contrato de financiamento deberase achegar copia do contrato de financiamento. 

4º. Non se admitirán os supostos de autofacturación.

5º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico por importe superior a 1.000 € nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

b) Ficha técnica (tarxeta ITV) do vehículo adquirido.

c) Permiso de circulación do vehículo adquirido ou permiso de circulación provisional emitido pola Dirección Xeral de Tráfico. Nos casos en que se emita permiso temporal para vehículos cuxa matrícula comece pola letra P, exixirá que se xunte permiso de circulación no prazo de 1 mes.

d) Certificado acreditativo da baixa definitiva do vehículo que se vaia achatarrar, por parte do correspondente centro autorizado de tratamento de vehículos (CAT), en nome da Dirección Xeral de Tráfico ou, na súa falta, informe do Rexistro Xeral de Vehículos da correspondente xefatura provincial de Tráfico, que acredite a baixa definitiva.

3. Todos os pagamentos que realice o comprador deben efectuarse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2024.

4. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento ou marca e modelo do vehículo obxecto da subvención.

Artigo 17. Resolución de concesión e pagamento

1. Unha vez avaliada a solicitude inicial e a solicitude de pagamento, a proposta de resolución elevarase á persoa titular da Dirección do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de presentación da solicitude, e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

Se é preciso o envío de requirimento de emenda, os prazos máximos de resolución contabilizaranse desde o momento en que se reciba a contestación ao citado requirimento.

2. Informarase por escrito o beneficiario sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao regulamento correspondente.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispoñer dun usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e o sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 19. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade colaboradora os presentase, poderase entender que desiste da solicitude de subvención.

2. O beneficiario da axuda deberá presentar unha declaración sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

3. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

4. Unha vez que se dite resolución de concesión e pagamento, o Inega abonará á entidade adherida o importe correspondente na conta bancaria facilitada para tal efecto na solicitude de adhesión.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a resolución de concesión e pagamento da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 23. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ao Inega, a través da entidade colaboradora.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 24. Prazo de execución e xustificación da actuación

A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2024.

Artigo 25. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reserva para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control se consideren oportunos para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias da subvencións ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se é o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias das subvencións, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 26. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia, con expresión da relación dos beneficiarios e do importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 27. Normativa de aplicación

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

8. Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega)
e a entidade colaboradora... para a xestión das subvencións
do Plan Renova o teu vehículo para a anualidade 2024

Santiago de Compostela, ... de... de...

Dunha parte, o director do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle outorga o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro), e o Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante a Resolución do 8 de abril de 1991, da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte..., con NIF..., actuando en nome e representación da entidade... con NIF/CIF..., debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para a tramitación das axudas relativas ao Plan Renova o teu vehículo. Estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para a actuación consistente na adquisición, durante o ano 2024, de vehículos do Plan Renova o teu vehículo.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de alcanzar unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir este convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade... de acordo coa Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Plan Renova o teu vehículo para a anualidade 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. xx, do xx de xx de 202x).

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade... é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 6.1 e 6.3 das bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Plan Renova o teu vehículo para a anualidade 2024 (código de procedemento IN421T) (en diante, bases reguladoras das axudas), que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia ata o 15 de decembro de 2024.

Cuarta. Obrigacións da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 6.3.a) da convocatoria das axudas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos na convocatoria das axudas para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións tal e como se recolle na convocatoria das axudas.

– Vender ao solicitante da axuda no marco da iniciativa só os vehículos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

– Comunicarlle ao Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir coas normas sobre a protección de datos, concretamente o que se establece na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Estar sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Estar ao día no pagamento das obrigacións coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.

– Aplicar os descontos correspondentes á subvención conforme o establecido nas bases, o cal se reflectirá adecuadamente na correspondente factura.

– Exhibir no seu centro de traballo ou punto de venda durante a vixencia do Plan Renova o teu vehículo un cartel de promoción deste no cal se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida, conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web do Inega.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 6.3.b) da convocatoria das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido das bases reguladoras destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Que ten o domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 6.1.d) da resolución.

– Que consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Que non está incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ao Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recollidos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigacións do Inega

– Facilitar a entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na paxina web do Inega (www.inega.gal) dunha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao plan.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación polos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora está obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida na convocatoria das axudas, así como a comprobala e a gardar a mencionada documentación durante un período de dous anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas na convocatoria das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará á disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia e do Estado.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións son os que se especifican nos artigos 6.1 e 6.3 das bases reguladoras das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista no artigo 16 das bases reguladoras das axudas.

Décimo primeira. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre o Inega e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega se detecta que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

Este convenio ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

(Sinatura)

O director do Inega
Pablo Fernández Vila

(Sinatura)

Pola entidade colaboradora,
Representante legal de...

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file