DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2023 Páx. 68649

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 27 de outubro de 2023 pola que se publica o Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e ás violencias sexuais e psicolóxicas no traballo.

Advertida a omisión dos anexos I e II na devandita resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 214, do 10 de novembro, cómpre facer a oportuna corrección, incorporando os ditos anexos co seguinte contido:

ANEXO I

Relación de comportamentos constitutivos do acoso
e das violencias sexuais e psicolóxicas no traballo

Os comportamentos relacionados a continuación serven para ilustrar a actuación das persoas competentes no ámbito deste protocolo, sen vontade de limitar a súa tipoloxía e o seu número. De igual modo, a súa clasificación é meramente orientativa e exemplificativa.

A) Acoso sexual:

– Chantaxe sexual ou manifestación de acoso sexual en que o/a chantaxista é unha persoa xerarquicamente superior á vítima que condiciona directa ou indirectamente algunha decisión laboral (acceso ao emprego, permanencia, mellora de condicións laborais...) á aceptación da proposta sexual (chantaxe).

– Contacto físico deliberado e non solicitado, ou un achegamento físico excesivo e innecesario.

– Comentarios ou xestos repetidos de carácter sexual.

– Chamadas telefónicas, cartas ou mensaxes de carácter sexual ofensivo. A persecución reiterada e ofensiva contra a integridade sexual.

– Exposición ou exhibición de gráficos ou imaxes de contido sexualmente explícito, non consentidas e que afecten a integridade e indemnidade sexual.

– Bromas ou proposicións sexualmente explícitas que afecten a integridade e indemnidade sexual.

– Preguntas ou insinuacións acerca da vida privada da persoa, que afecten a súa integridade e indemnidade sexual.

– Peticións de favores sexuais, incluídos os que asocien eses favores coa mellora das condicións de traballo do/da traballador/a ou a súa estabilidade no emprego.

– Calquera outro comportamento que teña como causa ou como obxectivo a discriminación, o abuso, a vexación ou a humillación dun/dunha traballador/a por razón do seu sexo.

B) Acoso por razón de sexo:

– Acoso ambiental ou comportamento relacionado co sexo que ten como consecuencia producir un contexto intimidatorio, hostil, ofensivo e humillante. A persoa acosadora pode ser de superior ou igual categoría profesional que a vítima.

– Condutas que, en función da orientación sexual ou da identidade de xénero dunha persoa, teñan por obxecto ou efecto a discriminación de homosexuais, bisexuais e transexuais.

– Comportamentos que contribúen a crear ou reproducir unha percepción pexorativa de calquera orientación sexual distinta da heterosexual.

– O menosprezo das capacidades, das habilidades e do potencial intelectual, emocional ou físico debido á orientación sexual dunha persoa.

– A ridiculización do modo de falar, modais e outras formas de expresión de xénero.

– Calquera outro comportamento que teña como causa ou como obxectivo a discriminación, o abuso, a vexación ou a humillación dun/dunha traballador por razón do seu sexo.

C) Ciberacoso sexual:

– Difundir mentiras ou publicar fotografías ou vídeos vergoñosos con contido sexual de persoas traballadoras nas redes sociais.

– Enviar mensaxes, imaxes ou vídeos ferintes, abusivos ou ameazantes a través de plataformas de mensaxería ás persoas traballadoras co fin de obter un beneficio sexual.

– Usurpar a identidade dunha persoa traballadora ou crear un perfil falso dela para, no seu nome:

a) Enviar mensaxes ou facer comentarios agresivos de contido sexual.

b) Crear contas falsa.

c) Realizar demandas ou ofertas sexuais.

– Dar de alta a persoa traballadora nun sitio web onde poida ser estigmatizada ou ridiculizada.

– Divulgar por internet gravacións con móbiles en que se intimida, agride, etc., unha persoa traballadora.

– Dar de alta o correo electrónico da persoa traballadora para convertela en branco de spam, contactos con persoas descoñecidas, etc.

– Acceder ao computador da persoa traballadora, inclusive a través dun programa de control remoto, para controlar as súas comunicacións con terceiros, sempre que o dito acceso non estea relacionado co desempeño do seu traballo.

– Facer correr nas redes sociais rumores sobre un comportamento reprochable atribuído á persoa traballadora.

– Perseguir e incomodar a persoa traballadora nos espazos da internet que frecuenta de maneira habitual.

– Presentarse cun perfil falso ante a persoa traballadora para concertar un encontro dixital e efectuar unha chantaxe en liña (por exemplo, o grooming: acoso sexual a menores).

D) Acoso por razón de orientación sexual, identidade sexual, identidade de xénero e expresión de xénero:

– Realizar bromas e comentarios sobre as persoas que asumen tarefas que tradicionalmente foron desenvolvidas por persoas do outro sexo ou xénero.

– Uso de formas denigrantes ou ofensivas para dirixirse a persoas dun determinado sexo ou xénero.

– Utilización de humor sexista ou homófobo, tanto en forma de debuxos, mensaxes, chistes, vídeos, etc.

– Ridiculizar e desprezar as capacidades, habilidades e potencial intelectual das persoas por mor da súa identidade de xénero, da súa orientación sexual ou da súa identidade de xénero.

– Avaliar o traballo das persoas con menosprezo, de xeito inxusto ou de forma nesgada, en función do seu sexo, identidade, expresión de xénero ou da súa inclinación afectiva.

– Ignorar ou excluír achegas, comentarios ou accións das persoas en función da súa expresión ou identidade de xénero.

– Facer insinuacións, comentar ou difundir imaxes sobre a vida íntima ou sexual dunha persoa para danar a súa imaxe ou a súa reputación profesional.

– Negarse a nomear unha persoa trans como ela queira ou utilizar deliberadamente artigos ou pronomes non correspondentes co xénero que a identifica.

E) Acoso moral ou psicolóxico:

– Deixar a persoa traballadora de forma continuada sen ocupación efectiva ou incomunicada, sen existir razón que o xustifique.

– Ditar ordes de cumprimento manifestamente imposible.

– Realizar condutas explícitas ou implícitas dirixidas a tomar decisións restritivas ou limitativas sobre o acceso da persoa ao emprego ou a este, á formación profesional, ás retribucións ou calquera outra materia relacionada coas condicións de traballo.

– Asignar un traballo de responsabilidade inferior á súa capacidade ou categoría profesional.

– Atribuír tarefas sen sentido, manifestamente imposibles de lograr ou con prazos irracionais.

– Impedir deliberadamente o seu acceso aos medios adecuados para realizar o seu traballo (información, documentos, equipamento, etc.).

– Denegarlle arbitrariamente permisos ou licenzas a que ten dereito.

– Represaliar a persoa traballadora polo feito de ter formuladas denuncias, demandas ou queixas contra a Administración.

– Insultar ou menosprezar reiteradamente unha persoa traballadora.

– Reprender reiteradamente unha persoa traballadora en público.

– Difundir rumores falsos sobre a imaxe, o traballo ou a vida privada.

– Danar de forma deliberada os utensilios de traballo ou os obxectos e pertenzas persoais.

– Medidas de illamento social: por exemplo, impedir as relacións persoais con outros/as compañeiros/as de traballo, non lles dirixir a palabra, etc.

F) Acoso discriminatorio:

– Xulgar o desempeño do posto de traballo de xeito ofensivo.

– Burlarse das discapacidades da persoa traballadora.

– Atacar as crenzas políticas ou relixiosas da persoa traballadora.

– Atacar a nacionalidade, orixe ou etnia da persoa traballadora.

– Ataques por motivos sindicais.

– Ataques pola idade ou estado civil.

– Modificacións substanciais de condicións de traballo sen causa e sen seguir o procedemento legalmente establecido.

– Condutas despóticas dirixidas indiscriminadamente a varios/as traballadores/as.

– Ofensas puntuais e sucesivas dirixidas por varios suxeitos sen coordinación entre eles cunha orixe nas súas características persoais.

– Amoestacións con descualificación por non realizar ben o seu traballo.

missing image file
missing image file