DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2023 Páx. 68587

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Xuventude

DECRETO 149/2023, do 7 de decembro, polo que se modifica o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

O 8 de xullo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

A maior novidade organizativa recollida no dito decreto consistiu nunha nova distribución competencial entre a atención destinada ás persoas maiores e a atención ás persoas con discapacidade a través de dous órganos directivos, a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Maiores e Asistencia Sociosanitaria, e atribuíronselle á Secretaría Xeral Técnica as competencias en materia de valoración do grao de discapacidade e dependencia, motivo polo cal se adscribiu a ese órgano directivo a Subdirección Xeral de Valoración da Dependencia e da Discapacidade, anteriormente adscrita á dirección xeral con competencias en materia de persoas maiores.

Co exposto, na actualidade cómpre reforzar e modificar a estrutura organizativa da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, e a través do presente decreto modificativo opéranse os seguintes cambios:

Na Subdirección Xeral de Contratación e Control resulta necesario dar una nova redacción ás funcións da Subdirección e dos servizos que a integran co obxecto de recoller con maior precisión as súas funcións. Por outra banda, modifícase a denominación do Servizo de Contratación e Control Económico Contractual eliminando a referencia ao control económico contractual por resultar esta nova denominación máis acorde coas funcións do servizo.

Na área de proxectos cómpre modificar a denominación da subdirección, que pasa a denominarse Subdirección Xeral de Proxectos e Informes Técnicos Sectoriais e recóllense con maior precisión as funcións da Subdirección.

Por último, co obxecto de acadar unha maior especialización e eficiencia na xestión, dótase a Subdirección Xeral de Valoración da Dependencia e da Discapacidade dun servizo de valoración específico para a discapacidade, o que obriga a modificar a denominación do Servizo de Valoración da Dependencia e da Discapacidade e limitar as súas funcións a área de valoración de dependencia.

Resulta necesaria, polo tanto, a modificación dos artigos 6, 10, 12 e 13 do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, que establecen a organización da ditas subdireccións xerais, para crear os novos servizos e establecer unha nova distribución de funcións entre os órganos que integran as subdireccións xerais.

A presente modificación da norma organizativa tramitouse de conformidade co artigo 40 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Política Social e Xuventude, de acordo co artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no exercicio da facultade outorgada no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo do órgano de dirección con competencias en materia de avaliación, reforma e simplificación administrativa e os informes dos órganos de dirección competentes en materia de función pública e da análise orzamentaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de decembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude

O Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, queda modificado como segue:

Un. O artigo 6 queda redactado como segue:

«Artigo 6. Estrutura

1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

c) Subdirección Xeral de Persoal.

d) Subdirección Xeral de Contratación e Control.

e) Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

f) Subdirección Xeral de Proxectos e Informes Técnicos Sectoriais.

g) Subdirección Xeral de Valoración da Dependencia e da Discapacidade.

2. De conformidade co disposto no artigo 29.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral:

a) A Intervención Delegada da Consellería, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

b) A Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. Dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Esta asesoría xurídica desempeñará as funcións do artigo 13.2 do mencionado Decreto 343/2003, do 11 de xullo, no seu correspondente ámbito funcional».

Dous. O artigo 10 queda redactado como segue:

«Artigo 10. Subdirección Xeral de Contratación e Control

1. Á Subdirección Xeral de Contratación e Control, como órgano de dirección, corresponderalle:

a) A elaboración do plan de necesidades en materia de obras, equipamentos e contratacións centralizadas.

b) A planificación e o desenvolvemento da súa execución tanto no referido a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia como aos fondos europeos e finalistas destinados a investimentos nos centros dependentes da Consellería.

c) A xestión económico-administrativa, a tramitación e a realización de propostas de resolución de todos aqueles expedientes de contratación que lle asigne a Secretaría Xeral Técnica.

d) A coordinación e o seguimento da execución dos investimentos, xunto coas xefaturas territoriais e outros órganos e centros dependentes da Consellería.

e) Aqueloutras de contido contractual que lle atribúa a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Obras.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa da Consellería, cando se trate de obras, equipamentos, servizos relacionados coas obras ou calquera outra figura contractual, que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

b) A programación da execución dos fondos europeos e finalistas destinados a investimentos nos centros dependentes da Consellería e a súa xestión económico-administrativa.

c) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

d) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nas xefaturas territoriais en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

e) O seguimento e control da execución dos contratos do seu ámbito.

f) O apoio á Subdirección na planificación de investimentos en materia de obras e equipamentos.

g) O apoio ao Servizo de Contratación e Control cando, en atención á carga de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica ou pola Subdirección Xeral de Contratación e Control.

2.2. Servizo de Contratación e Control.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación de servizos e subministracións e de contratación centralizada non atribuídos expresamente a outros órganos da Consellería.

b) O apoio á Subdirección Xeral na planificación, no impulso e na coordinación das necesidades en materia de contratación dos distintos centros dependentes da Consellería e das xefaturas territoriais.

c) A coordinación e a elaboración de instrucións e a fixación de criterios en materia de contratación.

d) A execución e o seguimento das contratacións centralizadas que se tramiten na Secretaría Xeral Técnica.

e) O control económico e a coordinación coas xefaturas territoriais da contratación centralizada e daqueloutras que asuman as propias xefaturas territoriais.

f) O impulso e o desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o uso xeral e compartido e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

g) O apoio ao Servizo de Obras cando, en atención á carga de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica ou pola Subdirección Xeral de Contratación e Control».

Tres. O artigo 12 queda redactado como segue:

«Artigo 12. Subdirección Xeral de Proxectos e Informes Técnicos Sectoriais

Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A planificación, a coordinación, a dirección e o control da redacción dos proxectos de obras en que participe a Consellería, de acordo co establecido na normativa técnica vixente.

b) O desenvolvemento das funcións das oficinas de supervisión dos proxectos coas funcións previstas na normativa de contratación pública respecto das obras que realice a Consellería.

c) O seguimento técnico da execución material das obras que realice a Consellería e das correspondentes aos convenios de investimento coas entidades locais.

d) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas para os contratos de obras e a realización dos informes técnicos de avaliación de ofertas dos contratos das obras que promova a Consellería nos procedementos de contratación.

e) A redacción dos proxectos e a dirección de obra e/ou dirección de execución das obras que se lle encomenden.

f) A emisión de informes técnicos previstos pola normativa relativos á autorización e inspección de centros de servizos sociais, logo da proposta do persoal competente da dita subdirección.

g) O asesoramento técnico en materia de requisitos arquitectónicos exixibles para autorización dos centros de servizos sociais.

h) A elaboración de informes e asesoramento técnico en materia de accesibilidade.

i) A elaboración de documentación técnica e en cantas materias relacionadas coas súas funcións lle sexan formuladas, garantindo o apoio técnico requirido polos outros órganos da Consellería».

Catro. O artigo 13 queda redactado como segue:

«Artigo 13. Subdirección Xeral de Valoración da Dependencia e da Discapacidade

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación e o apoio ás xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento de grao de dependencia e na elaboración dos correspondentes programas individuais de atención, en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, en coordinación co Sistema de servizos sociais establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro.

b) A coordinación e o apoio ás xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de discapacidade.

c) As propostas de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia no marco da cooperación interadministrativa no Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, e a avaliación e aplicación dos criterios adoptados no dito consello.

d) A coordinación cos demais órganos da Consellería e cos diferentes niveis de intervención social para as medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e discapacidade e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado, así como na proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

e) Promover a coordinación sociosanitaria na área da dependencia e discapacidade en colaboración cos distintos órganos do sistema de saúde.

f) Impulsar o deseño e a planificación do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia a través das entidades locais de Galicia, así como a coordinación e apoio ás xefaturas territoriais na xestión do financiamento ás entidades locais prestadoras do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

g) Impulsar o deseño das prestacións económicas do Sistema para a autonomía e atención á dependencia e á planificación, así como a coordinación e apoio ás xefaturas territoriais na xestión destas prestacións.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Valoración da Dependencia.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O apoio e coordinación das xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de dependencia e na elaboración dos correspondentes programas individuais de atención en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro; a coordinación da xestión das medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado, e o estudo da proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

b) O seguimento e a avaliación de prestacións de atención á dependencia, garantindo a calidade da dita atención.

c) O asesoramento técnico en materia de dependencia aos servizos sociais comunitarios e unidades de traballo social do sistema de saúde.

d) A elaboración da información precisa para a aplicación dos criterios de financiamento determinados na Lei 39/2006, do 14 de decembro, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

e) Calquera outro asunto que poida ser encomendado pola persoa titular da Subdirección no exercicio das competencias que lle sexan propias.

2.2. Servizo de Valoración da Discapacidade.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O apoio e coordinación das xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento do grao de discapacidade.

b) O seguimento e avaliación do procedemento de valoración da discapacidade e dos recursos sociais deste ámbito de intervención.

c) O asesoramento técnico en materia de discapacidade aos servizos sociais comunitarios e unidades de traballo social do sistema de saúde.

d) Calquera outro asunto que poida ser encomendado pola persoa titular da subdirección no exercicio das competencias que lle sexan propias».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude