DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2023 Páx. 68595

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR945C).

As actuacións de fomento do deporte teñen na concesión de subvencións ás entidades deportivas unha das súas principais e máis eficaces manifestacións. Estas actuacións, realizadas conforme baremos públicos e obxectivos, véñense realizando nos últimos anos de forma que as entidades deportivas poidan acometer as actividades obxecto de subvención, da forma máis operativa e garantindo sempre a finalidade última de toda política de fomento deportivo na Comunidade Autónoma, que é o crecemento e o fortalecemento da actividade desenvolvida polos axentes deportivos de Galicia.

Segundo o disposto no artigo 39 do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia, enténdese por núcleo de adestramento deportivo especializado o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha federación deportiva, club deportivo ou sociedade anónima deportiva inscrito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia que teña por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo, e que serán recoñecidos por resolución expresa da persoa titular do órgano superior con competencias en materia de deporte da Administración xeral da Comunidade Autónoma, segundo o procedemento establecido nos artigos 41 e seguintes, tendo en conta o interese deportivo estratéxico para Galicia e consonte os requisitos establecidos nesta sección.

De conformidade cos parámetros de actuación establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e segundo ás atribucións que lle son conferidas polo Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en consonancia co establecido na disposición transitoria do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes establece as presentes bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.

Xunto á experiencia acumulada nos anos anteriores, as presentes bases teñen en conta as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, especialmente no disposto en ambos os textos en relación coas bases reguladoras das subvencións.

No que respecta ás axudas ás sociedades anónimas deportivas para a realización das actividades que lles son propias e para o desenvolvemento da súa programación deportiva, quedan suxeitas ao réxime de axudas de minimis, polo cal non poderán exceder o límite cuantitativo de 200.000 € nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE nº L352/1, do 24 de decembro).

Esta orde dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de outubro de 2023, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 65/2023, do 14 de xuño, polo que se nomea vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas (código de procedemento PR945C).

2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024.

3. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2024, crédito por importe total de dous millóns de euros (2.000.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.441A.481.0, en función das seguintes liñas de actuación subvencionables:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe

Liña I: desenvolvemento de actividades deportivas

05.02.441A.481.0 (modalidade 1010)

1.790.007 €

Liña II: núcleos de adestramento deportivo especializado

05.02.441A.481.0 (modalidade 1010)

209.993 €

Para a liña de actuación I establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 10.000 €.

Para a liña de actuación II establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 29.999 €.

No caso de que o crédito dunha das liñas de actuación non se esgote, a cantidade resultante incrementará o orzamento destinado á outra liña de actuación.

4. Este total poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 3 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2024 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberase presentar unha solicitude dirixida aos servizos provinciais de Deportes da provincia onde teñan o seu domicilio social, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Criterios de valoración e determinación do importe da subvención

No caso da liña de actuación I, estes criterios compóñense de méritos deportivo-competitivos (certificados polas respectivas federacións galegas, e que son os recollidos no artigo 8.2 das bases reguladoras, alíneas A, B, C, D, E e F) e outros non deportivos achegados pola propia entidade nos anexos correspondentes (recollidos no artigo 8.2 das bases reguladoras, alíneas G, H, I, e J). No que se refire exclusivamente aos méritos deportivos que se van avaliar, os criterios de valoración referiranse, en función da modalidade deportiva, aos méritos da tempada 2023 ou 2022/23.

No caso da liña de actuación II, atenderase aos recoñecementos vixentes de núcleos de adestramento deportivo ata o último día de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Xustificación da subvención

As entidades que, tras a valoración das solicitudes resulten finalmente beneficiarias, deberán presentar o anexo VIII e demais documentación xustificativa recollida no artigo 15 das bases; no caso da liña I, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución coa listaxe definitiva das axudas concedidas, e no caso da liña II este prazo esténdese ata o 30 de novembro de 2024.

Prevese a realización de pagamentos anticipados, nos termos previstos no artigo 14 das bases reguladoras.

Os gastos que se subvencionen con relación á liña de actuación I corresponderán ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023, debendo terse efectuado e pagado nese período.

Os gastos que se subvencionen con relación á liña de actuación II corresponderán ao período comprendido entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024, debendo terse efectuado e pagado nese período.

Artigo 6. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializados de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas (código de procedemento PR945C)

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1.1. O obxecto destas bases é establecer o réxime das axudas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas (liña I), e núcleos de adestramento deportivo especializados (liña II) de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.

1.2. O réxime xurídico das subvencións contidas na presente norma está constituído pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e as bases aprobadas pola presente orde. No que respecta ás sociedades anónimas deportivas, este réxime de axudas queda suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE nº L352/1, do 24 de decembro).

1.3. As subvencións concedidas conforme as presentes bases outorgaranse polo procedemento de concorrencia competitiva, conforme o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

2.1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas, así como os núcleos de adestramento deportivo especializados xestionados por algunha das entidades anteriores, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

No caso dos núcleos de adestramento deportivo especializados, deberán estar recoñecidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

2.2. De igual forma, para ser persoa beneficiaria destas axudas, é necesario que a entidade estea dada de alta como xestor externo nas seguintes aplicacións tecnolóxicas de «promoción dunha vida activa e saudable» vinculadas co plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia:

– Galicia Activa: aplicación de recursos, servizos e instalacións deportivas en Galicia (http://galiciactiva.xunta.es/xestor.php).

– Plataforma de xestión de plans, programas, actividades e eventos de Galicia Saudable (https://galiciasaudable.xunta.es/actividades/).

2.3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións:

a) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia nos cales concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que fosen sancionados pola federación deportiva correspondente no ano anterior á convocatoria, cando a sanción teña a súa orixe en condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas espectadoras e asistentes.

c) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que discriminen nos premios ou recoñecementos que outorguen as persoas deportistas por razón de xénero.

d) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que non teñan adaptados os seus estatutos á Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no momento da solicitude.

e) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que non teñan actualizados os datos da súa xunta directiva no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, no momento da solicitude.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e compatibilidade

3.1. Na liña de actuación I serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial en 2023.

3.2. Na liña de actuación II serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial e os gastos correntes do núcleo de adestramento deportivo especializado no período comprendido entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.

3.3. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, incluídas as axudas ás sociedades anónimas suxeitas ao réxime de minimis, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto realizado pola entidade beneficiaria. Esta circunstancia deberá ser acreditada pola entidade beneficiaria conforme o establecido no artigo 15 destas bases.

3.4. As axudas desta orde reguladas nas liñas I e II son compatibles entre si, polo que unha mesma entidade poderá optar á subvención pola participación en competicións de carácter oficial e, de ser o caso, como núcleo de adestramento deportivo especializado.

Artigo 4. Documentación complementaria

4.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a. Todas as solicitudes deberán de presentar (obrigatorio):

– Declaración de adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte (anexo III).

– Poder de representación, no caso de que non sexa a persoa presidenta da entidade quen actúe como persoa representante na tramitación deste procedemento.

b. Liña de actuación I (achegarase só de ser o caso):

– Declaración de actuacións desenvolvidas a prol da igualdade de xénero e contra a violencia machista, de ser o caso (anexo IV).

– Certificado acreditativo de que a presidencia, vicepresidencia, secretaría xeral ou tesouraría da entidade está ocupada por unha muller, de ser o caso (anexo V).

– Certificación de participación na actividade «Coñece o meu club» no ano 2023 (programa Xogade) (anexo VI).

– Certificado acreditativo de que a entidade non ten a sede social nunha instalación ou edificio de titularidade pública, ou estando localizado nelas, devindiquen un canon ou prestación económica pola súa ocupación, se é o caso (anexo VII).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse
novamente á persoa interesada a súa achega.

4.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

5.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

5.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Órganos competentes e instrución do procedemento

6.1. A persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas será o órgano instrutor do procedemento. A Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para formular a proposta de resolución que elevará, conforme todo o actuado, á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes será o órgano competente para a resolución do procedemento para a concesión da subvención.

6.2. Unha vez recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polos servizos provinciais de deportes co obxecto de comprobar que se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. Xunto con esta análise, comprobarase se o solicitante acredita o cumprimento dos requisitos establecido no artigo 2.

6.3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Este requirimento realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e terá os efectos de notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015. Esta lista tamén será publicada nos taboleiros de anuncios da Secretaría Xeral para o Deporte e dos servizos provinciais de deportes, así como na páxina web http://deporte.xunta.gal/. Poderá tamén requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, en calquera fase del.

Nesta publicación, e con efectos unicamente de publicidade, relacionaranse tamén as solicitudes admitidas que non están suxeitas a emenda e as inadmitidas.

6.4. No caso da liña de actuación I, presentadas as solicitudes, e ao mesmo tempo que se procede á súa revisión, o órgano instrutor remitirá a cada federación deportiva galega unha lista coas solicitudes correspondentes a cada unha delas, para que o/a secretario/a da federación certifique, co visto e prace do/da presidente/a, os datos deportivos requiridos para a avaliación dos méritos deportivos a que se refire o artigo 8.1 e 8.2 destas bases.

6.5. No caso de solicitudes de entidades de modalidades deportivas recoñecidas das cales non exista unha federación deportiva galega, o órgano instrutor poderá solicitar a certificación destes datos á federación deportiva española correspondente. No caso de non existir unha federación deportiva española, solicitarase por esta orde de prelación á asociación galega de clubs ou á asociación española de clubs correspondente á modalidade deportiva indicada na solicitude.

6.6. Recibidas polo órgano instrutor as certificacións sinaladas no punto anterior, este publicaraas na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.gal/) para os efectos de que as persoas interesadas poidan presentar alegacións aos datos contidos nas referidas certificacións, nun prazo improrrogable de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación. Rematado o prazo de alegacións, o órgano instrutor remitirá ás correspondentes federacións as alegacións que puidesen afectar a puntuación dos méritos das entidades para, de ser o caso, modificar as certificacións emitidas en primeira instancia, nun prazo non superior a tres (3) días, contados desde a data de recepción da notificación.

Artigo 7. Da Comisión de Valoración

7.1. Recibidas polo órgano instrutor as certificacións definitivas sinaladas no punto anterior, este remitirallas, xunto coa documentación que cumpra as exixencias contidas nas presentes bases, á Comisión de Valoración encargada de aplicar os criterios de valoración para a determinación do importe da subvención establecidos no artigo seguinte.

7.2. A Comisión estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa en quen delegue. Actuarán como vogais as persoas titulares das xefaturas dos servizos provinciais de deportes e un/unha técnico/a deportivo/a da mesma secretaría xeral designado pola persoa presidenta da Comisión. Será secretario/a da Comisión a persoa titular da xefatura do Servizo de Fomento e Xestión Deportiva ou persoa que a substitúa.

7.3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na convocatoria ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para os efectos de ditar a correspondente resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

7.4. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao seu arquivamento, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 8. Criterios de valoración para a determinación do importe da subvención

8.1. Liña de actuación I: aspectos xerais a ter en conta á hora de valorar os méritos deportivos das entidades solicitantes que serán certificados polas federacións:

a. En relación coa valoración do número de deportistas con licenza federativa, unicamente se valorarán as licenzas que habiliten para a participación en competicións oficiais e teñan validez para toda a tempada de competición. Non se terán en conta as licenzas expedidas para a participación en cursos de promoción ou para actividades puntuais que non constitúan a actividade deportiva habitual e preferente de cada modalidade deportiva, nin as de categoría de veteranos, grupos de idade ou similares.

b. Respecto á categoría absoluta, entenderase que é aquela categoría de idade en que se desenvolve a competición deportiva de máis alto nivel da modalidade.

c. Nalgún dos criterios a baremación diferenza entre entidades que participan en competicións cuxo formato principal é de tipo liga, e entidades que participan en competicións cun formato principal de tipo concentrado ou probas puntuais:

– Competición principal por ligas: afectará as entidades das modalidades/especialidades deportivas onde a competición máis relevante se desenvolve, na categoría absoluta e na previa á absoluta, entre equipos formados por máis dun xogador que participan de forma simultánea dándose entre eles situacións de cooperación, en diferentes encontros deportivos, en sistema de liga regular á cal se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría e cun volume de desprazamentos frecuente.

Non poderán incluírse neste grupo as entidades de modalidades/especialidades deportivas onde na categoría absoluta non exista, polo menos, unha liga de ámbito supraautonómico.

– Competición principal por concentracións ou probas puntuais: afectará as entidades de modalidades/especialidades deportivas onde a competición máis relevante non se adecúa ao definido na epígrafe anterior.

d. A tempada deportiva que se vai valorar será a mesma para todas as entidades da mesma modalidade/especialidade deportiva (2023 ou 2022/23).

e. Considéranse competicións deportivas oficiais as cualificadas como tales polas respectivas federacións deportivas ou pola correspondente Administración deportiva dentro do seu ámbito competencial.

f. Non se valorarán os equipos das entidades que participen en ligas profesionais.

g. Os méritos deportivos-competitivos que se certifican pola federación son os recollidos no artigo 8.2, alíneas A, B, C, D, E e F, cuxa puntuación se sumará aos outros méritos achegados polas propias entidades solicitantes, recollidos nas alíneas G, H, I e J do mesmo artigo.

8.2. Liña de actuación I: criterios de valoración.

A. Relevancia da actuación deportiva da entidade: ata 40 puntos.

Para a determinación dos grupos de puntuación atenderase aos seguintes criterios:

a) No caso dos clubs, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de competición principal por ligas, tanto no caso das ligas masculinas como nas femininas, para a adxudicación dos puntos atenderase, en cada caso, ao nivel da liga (1º = división de honra, 2º = división de prata, ou equivalentes, etc.) en que participou na categoría absoluta e na categoría previa á absoluta (xuvenil/júnior), á participación da entidade en competicións europeas oficiais, ao número de ligas de diferente nivel existentes na modalidade/especialidade (división de honra, división de prata, ou equivalentes, etc.), na categoría absoluta e na categoría previa á absoluta e ao número de licenzas da modalidade/especialidade en España.

As entidades que conten á vez con equipo masculino e feminino susceptible de puntuación por este criterio obterán a puntuación correspondente á suma obtida por cada un dos equipos, ata o límite máximo dos 40 puntos. Poderase valorar ata un equipo por cada categoría das indicadas anteriormente e xénero.

Grupo 1: 40 puntos.

Nivel liga absoluta da entidade

Nº ligas da modalidade

>2

>2

>4

>7

>7

Nº licenzas da modalidade

>15.000

>25.000

>50.000

>400.000

>500.000

Grupo 2: 30 puntos.

Nivel liga absoluta da entidade

Nº ligas da modalidade

>2

>4

>6

Nº licenzas da modalidade

>2.000

>15.000

>200.000

Grupo 3: 20 puntos.

Nivel liga absoluta da entidade

Nº ligas da modalidade

>3

>2

>4

Nº licenzas da modalidade

>5.000

>20.000

>15.000

Grupo 4: 10 puntos.

Nivel liga absoluta da entidade

Nº ligas da modalidade

>1

>6

>4

>6

>7

Nº licenzas da modalidade

>10.000

>5.000

>10.000

>200.000

>500.000

Grupo 5: 5 puntos.

Nivel liga absoluta da entidade

Nº ligas da modalidade

>1

>2

>3

>6

>6

Nº licenzas da modalidade

>1.000

>10.000

>5.000

>5.000

>150.000

Grupo 6: 2 puntos.

Nivel liga absoluta da entidade

Nº ligas da modalidade

>2

>2

Nº licenzas da modalidade

>1.000

>1.000

Debido ás especiais características do deporte practicado por persoas con algunha discapacidade, nestes casos, as entidades que participen na liga nacional do máximo nivel obterán a puntuación do grupo 1, as que participen na liga nacional do segundo máximo nivel obterán a puntuación do grupo 2 e as que participen na liga nacional do terceiro máximo nivel obterán a puntuación do grupo 3.

As entidades con participación en competicións europeas oficiais obterán a puntuación do grupo 1.

As entidades que conten con equipos de categoría previa á absoluta puntúan do seguinte xeito:

– Clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de modalidade deportiva con máis de 500.000 licenzas en España, con equipo en categoría previa á absoluta participante na liga do máximo nivel da dita categoría, acadará a puntuación do grupo 3 (20 puntos). No caso de obter unha puntuación igual ou maior por un equipo en categoría absoluta, obterá a puntuación seguinte á correspondente á da obtida polo dito equipo, co tope máximo dos 40 puntos do grupo 1.

– Clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de modalidade deportiva con máis de 500.000 licenzas en España, con equipo en categoría previa á absoluta participante na liga do segundo máximo nivel da dita categoría, acadará a puntuación do grupo 4 (10 puntos). No caso de obter unha puntuación igual ou maior por un equipo en categoría absoluta, obterá a puntuación seguinte á correspondente á da obtida polo dito equipo, co tope máximo dos 40 puntos do grupo 1.

– Clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de modalidade deportiva con máis de 200.000 licenzas en España, con equipo en categoría previa á absoluta participante na liga do máximo nivel da dita categoría, acadará a puntuación do grupo 4 (10 puntos). No caso de obter unha puntuación igual ou maior por un equipo en categoría absoluta, obterá a puntuación seguinte á correspondente á da obtida polo dito equipo, co tope máximo dos 40 puntos do grupo 1.

b) No caso dos clubs, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de competición principal por concentracións ou probas puntuais, para a adxudicación dos puntos atenderase ao número de podios acadados polos deportistas da entidade na clasificación final dos campionatos de España oficiais das diferentes modalidades/especialidades deportivas de categoría absoluta.

Grupo 1: 40 puntos: 8 e máis.

Grupo 2: 35 puntos: 7.

Grupo 3: 30 puntos: 6.

Grupo 4: 25 puntos: 5.

Grupo 5: 20 puntos: 4.

Grupo 6: 15 puntos: 3.

Grupo 7: 10 puntos: 2.

Grupo 8: 5 puntos: 1.

No caso de modalidades/especialidades en que para unha mesma proba en concreto se celebren varios campionatos de España en función do nivel dos/das participantes (1ª categoría/división, 2ª categoría/división, ou similar, etc.), só se terá en conta o de máis alto nivel.

Respecto da aplicación obxectiva do baremo da anterior alínea b), realízanse dúas atencións singulares:

– Atletismo: esta modalidade ten, á marxe das competicións oficiais de tipo concentrado, outra competición de características similares ás definidas nestas bases para as competicións tipo liga, que é de gran relevancia nesta modalidade deportiva e na cal participan as mellores entidades deportivas de España. Así, as entidades deportivas que, ademais de participar en competicións de tipo concentrado tamén participasen na liga do 1º nivel de ámbito nacional, obterán a puntuación do grupo 1, e as que participasen na liga do 2º nivel de ámbito nacional obterán a puntuación do grupo 3, salvo no caso de que obtivesen unha puntuación superior por podios nos campionatos de España de categoría absoluta. No caso de que unha entidade tivese equipos nas dúas ligas, obterá a puntuación do grupo superior.

– Remo: esta modalidade ten, á marxe das competicións oficiais de tipo concentrado, outra competición de características similares ás definidas nestas bases para as competicións tipo liga, que é de gran relevancia nesta modalidade deportiva e na cal participan as mellores entidades deportivas de España. Así, as entidades deportivas que, ademais de participaren en competicións de tipo concentrado, tamén participasen na liga do máximo nivel de ámbito nacional, puntuaranse no grupo 1 no caso de que a competición tivese 12 ou máis xornadas, e no grupo 3 se tivese menos, salvo no caso de que obtivesen unha puntuación superior por podios nos campionatos de España de categoría absoluta. No caso de que unha entidade tivese equipos nas dúas ligas, obterá a puntuación do grupo superior. Nesta mesma modalidade, a participación nas ligas de ámbito autonómico suporá obter a puntuación do grupo 8, e poderán puntuar tanto polo equipo masculino como polo feminino ou por ambos, puntuación que se poderá sumar aos posibles puntos obtidos polos podios indicados ao inicio desta alínea b), e ata o máximo de 40 puntos establecido para este criterio.

B. Número de deportistas da entidade con licenza federativa nas categorías previas á absoluta, na absoluta e femininas, así como número de licenzas de adestradores da entidade tramitadas: ata 30 puntos.

– Categorías previas á absoluta: ata 18 puntos.

Grupo 1: 18 puntos: 170 e máis.

Grupo 2: 15 puntos: 100 a 169.

Grupo 3: 10 puntos: 50 a 99.

Grupo 4: 5 puntos: 20 a 49.

Grupo 5: 2 puntos: 10 a 19.

– Categoría absoluta: ata 5 puntos.

Grupo 1: 5 puntos: 80 e máis.

Grupo 2: 4 puntos: 60 a 79.

Grupo 3: 3 puntos: 40 a 59.

Grupo 4: 2 puntos: 20 a 39.

Grupo 5: 1 punto: 10 a 19.

– Femininas: ata 3 puntos.

Grupo 1: 3 puntos: 50 e máis.

Grupo 2: 2 puntos: 35 a 49.

Grupo 3: 1 punto: 10 a 34.

– Adestradores: ata 4 puntos.

Grupo 1: 4 puntos: 11 e máis.

Grupo 2: 3 puntos: 6 a 10.

Grupo 3: 2 puntos: 3 a 5.

Grupo 4: 1 punto: 1 a 2.

C. Número de equipos da entidade participantes nas ligas A dos deportes colectivos da campaña de deporte escolar da Secretaría Xeral para o Deporte nas especialidades de fútbol sala, voleibol, balonmán e baloncesto: ata 12 puntos.

Grupo 1: 12 puntos: 4 equipos ou máis.

Grupo 2: 10 puntos: 3 equipos.

Grupo 3: 7 puntos: 2 equipos.

Grupo 4: 4 puntos: 1 equipo.

D. Participación nas principais competicións oficiais de ámbito nacional: ata 10 puntos.

Dada a maior relevancia deportiva dos deportes olímpicos/paralímpicos, valoraranse de forma diferenciada as entidades que, nas principais competicións oficiais de ámbito nacional, participasen, nalgún caso, en probas de tipo olímpico/paralímpico.

Igualmente, valoraranse de forma diferenciada, dadas as súas especiais necesidades loxísticas, as entidades dos deportes náuticos olímpicos/paralímpicos de piragüismo, remo e vela, e que tamén nas principais competicións oficiais de ámbito nacional participasen, nalgún caso, en probas de tipo olímpico/paralímpico.

Así, establécense os seguintes grupos de puntuación, en función do número de deportistas da entidade participantes nas principais competicións oficiais de ámbito nacional:

– En probas deportivas de tipo olímpico/paralímpico das modalidades/especialidades náuticas olímpicas/paralímpicas de piragüismo, remo e vela.

Grupo 1: 10 puntos: 50 e máis.

Grupo 2: 8 puntos: 30 a 49.

Grupo 3: 6 puntos: 20 a 29.

Grupo 4: 4 puntos: 10 a 19.

Grupo 5: 2 puntos: 4 a 9.

– Resto de probas deportivas de tipo olímpico/paralímpico.

Grupo 1: 10 puntos: 60 e máis.

Grupo 2: 8 puntos: 40 a 59.

Grupo 3: 6 puntos: 20 a 39.

Grupo 4: 4 puntos: 15 a 19.

Grupo 5: 2 puntos: 11 a 14.

– En probas de tipo non olímpico/paralímpico.

Grupo 1: 10 puntos: 70 e máis.

Grupo 2: 8 puntos: 60 a 69.

Grupo 3: 6 puntos: 40 a 59.

Grupo 4: 4 puntos: 20 a 39.

Grupo 5: 2 puntos: 15 a 19.

a) No caso dos clubs, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de competición principal por ligas, para a adxudicación dos puntos atenderase ao número de equipos e deportistas da entidade que participasen en ligas de categoría nacional de ámbito supraautonómico de categoría absoluta e ao número de equipos e deportistas que participasen na fase final do Campionato de España de clubs en calquera das categorías previas á absoluta.

b) No caso dos clubs, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de competición principal por concentracións ou probas puntuais, para a adxudicación dos puntos atenderase ao número de deportistas da entidade participantes en calquera das dúas competicións deportivas oficiais de ámbito nacional máis relevantes por especialidade, das cales unha será obrigatoriamente a fase final do Campionato de España e a outra pode ser a Copa do Rei/Raíña ou a Copa de España, ou, na súa falta, outra similar en canto ao nivel deportivo, en categoría absoluta e/ou inferiores.

E. Número de deportistas da entidade na categoría absoluta e/ou inferiores que participasen coa selección española correspondente en competicións oficiais de ámbito internacional: ata 5 puntos.

Grupo 1: 5 puntos: 9 e máis.

Grupo 2: 4 puntos: 7 a 8.

Grupo 3: 3 puntos: 5 a 6.

Grupo 4: 2 puntos: 3 a 4.

Grupo 5: 1 punto: 1 a 2.

F. Por encontros/xornadas disputados con motivo da participación, en categoría absoluta, en fases de ascenso a ligas regulares de categoría nacional de ámbito supraautonómico: ata 20 puntos.

Grupo 1: 20 puntos: 3 ou máis encontros/xornadas.

Grupo 2: 15 puntos: 2 encontros/xornadas.

Grupo 3: 10 puntos: 1 encontro/xornada.

G. Por actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista, segundo o disposto no anexo IV: ata 3 puntos.

Grupo 1: 3 puntos: 3 ou máis actuacións.

Grupo 2: 2 puntos: 2 actuacións.

Grupo 3: 1 punto: 1 actuación.

H. No caso de que sexa unha muller quen ocupe a presidencia, vicepresidencia, secretaría xeral ou tesouraría da entidade: 1 punto.

Este cargo deberá ser ocupado con anterioridade á data de publicación da convocatoria de subvencións e permanecer nel no momento de presentación da solicitude.

I. Pola participación da entidade na actividade denominada «Coñece o meu club», integrada dentro do programa Xogade do ano anterior á convocatoria: 1 punto.

J. Entidades cuxa sede social non se atope nunha instalación ou edificio de titularidade pública, ou estando localizado nelas, devindiquen un canon ou prestación económica pola súa ocupación: 1 punto.

Artigo 9. Contía da subvención

9.1. Liña de actuación I.

a. O importe das subvencións será o resultado aritmético da regra de tres simple de asignar, a puntuación máxima que se pode obter (123 puntos), o importe máximo que se pode conceder (10.000 €).

De conformidade co establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederase ao rateo proporcional dos importes inicialmente adxudicados ás distintas solicitudes, en aplicación do disposto no parágrafo anterior, no caso de que o crédito dispoñible resulte insuficiente para atendelas, coa finalidade de garantir un importe mínimo de 500 € ás entidades que obtivesen a puntuación mínima para ser beneficiaria, así como a aquelas outras que se atopen nos supostos excepcionais da alínea d) deste artigo e non alcancen a puntuación mínima de 7 puntos.

b. No caso dos clubs, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas con participación en competicións oficiais de máis dunha federación, a puntuación final será o resultado da suma de puntos acadado en cada caso, e a contía definitiva que lle corresponda non superará, en ningún caso, os 10.000 €. O mesmo sucederá no caso de entidades que, dentro dunha mesma federación, participen en especialidades que requiran unha valoración diferenciada para cada unha delas.

c. De ser o caso, para a determinación do importe das subvencións outorgadas ás sociedades anónimas deportivas, teranse en conta as axudas suxeitas ao réxime de minimis recibidas en calquera dos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

d. Todas as entidades que non obteñan unha puntuación mínima de 7 puntos non acadarán a condición de beneficiarias, excepto as entidades participantes nas competicións deportivas oficiais dirixidas a persoas con algunha discapacidade, para as cales se establece unha puntuación mínima de 5 puntos, e as entidades de nova creación e inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia nos últimos 12 meses anteriores á data de publicación no DOG desta convocatoria, para as cales non se establece unha puntuación mínima.

9.2. Liña de actuación II.

a. O importe máximo da subvención corresponderá a 29.999 € por entidade beneficiaria. Procederase á distribución proporcional do crédito asignado á liña II entre o número de solicitudes presentadas que teñan a condición de entidade beneficiaria, co límite indicado.

b. Atenderase aos recoñecementos vixentes de núcleos de adestramento deportivo na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 10. Resolución

10.1. Analizadas as solicitudes polo órgano instrutor, elevará o informe da Comisión á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte quen formulará a proposta motivada de resolución.

10.2. A resolución dos expedientes de axudas correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

10.3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os cinco meses, contado desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10.4. De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, con indicación neste caso da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas e inadmitidas con expresión dos motivos da desestimación e inadmisión.

10.5. No caso das sociedades anónimas deportivas, e con base no establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE nº L352/1, do 24 de decembro), informarase por escrito á posible entidade beneficiaria sobre o importe da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao regulamento citado.

10.6. A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, expresando persoa beneficiaria, finalidade, contía e aplicación orzamentaria.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer ben o recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 12. Modificación da resolución

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada. A renuncia á subvención será expresa e poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, o titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 14. Pagamento

1. No caso da liña I realizarase o pagamento do 80 % da contía da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado.

No caso da liña II realizarase o pagamento do 80 % da contía da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado cando esta non supere os 18.000 €. No caso das subvencións que superen a citada contía, realizarase o pagamento do 80 % da contía da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado correspondente aos primeiros 18.000 €, e se incrementará cun 10 % adicional sobre o importe que exceda da citada contía.

Os anticipos faranse efectivos unha vez resolta a solicitude da subvención. A renuncia ao anticipo efectuarase de forma expresa no momento da solicitude ou, en calquera caso, antes da notificación da resolución.

Conforme o artigo 65.4. f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias das subvencións.

2. O pagamento do 20 % restante, ou da totalidade da subvención no caso de renuncia ao anticipo, efectuarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención recollida no artigo 15. Os órganos competentes da Secretaría Xeral para o Deporte, antes de proceder ao pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase mediante transferencia bancaria ao número de conta designado polo beneficiario na súa solicitude de subvención e na cal debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.

As subvencións minoraranse ata o investimento xustificado, cando este sexa inferior á subvención concedida.

Artigo 15. Xustificación da subvención

15.1. A solicitude do aboamento restante da subvención concedida (anexo VIII) deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia; para a liña de actuación I, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución coa listaxe definitiva das axudas concedidas, e para a liña de actuación II, ata o 30 de novembro de 2024, debendo ir acompañada, en ambos os dous casos, da seguinte documentación xustificativa:

a) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, actualizada na data da xustificación (anexo IX).

b) De conformidade co disposto no artigo 51 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias presentarán unha conta xustificativa simplificada que conterá a seguinte documentación:

1. Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos (anexo X).

2. Relación clasificada dos gastos efectuados e pagados por un importe equivalente, polo menos, ao da subvención concedida. Esta relación deberá conter a identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (anexo XI).

As actuacións posteriores á publicación da convocatoria de axudas deberán contar con:

– Solicitude de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso da contratación de servizos e subministracións por valor superior a 14.999 €.

– Que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

Os gastos referiranse aos seguintes conceptos:

a) Licenzas federativas aboadas.

b) Seguros deportivos aboados e outros seguros contratados, relacionados coa actividade deportiva, que non fosen obxecto doutras axudas, subvencións ou achegas desta ou doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Inscricións en competicións oficiais aboadas e outros gastos propios do calendario que asumirá o club por normativa de competición.

d) Gastos de arbitraxes.

e) Gastos de adestradores/as.

f) Gastos relacionados co transporte e medios de transporte utilizados para asistir a adestramentos e competicións.

g) Gastos de manutención e aloxamento para asistir ao calendario de competicións.

h) Material deportivo non inventariable (balóns, equipacións/roupa de xogo/adestramento, etc.).

i) Produtos básicos de farmacia/caixa de urxencias.

j) Gastos de ambulancias no desenvolvemento de eventos deportivos.

k) Alugamento de instalacións deportivas para o desenvolvemento de adestramentos ou competicións.

l) Gastos derivados da contratación de persoal, incluíndo salario, cotas da Seguridade Social e as retencións do IRPF efectuadas. En canto ás relacións de responsabilidade que deriven dese carácter contractual entre a entidade beneficiaria e o persoal contratado, serán de única e exclusiva responsabilidade da entidade beneficiaria.

m) Gastos derivados da adquisición de máscaras, luvas, xeles hidroalcohólicos, e outros produtos de limpeza e desinfección, da realización de test, ou de medidas de seguridade e prevención da COVID-19, como a marcaxe de zonas, a identificación de asentos ou sinalizacións.

n) Gastos por servizos de profesionais de apoio ao rendemento (médico, físicoterapéutica, nutricionista, psicólogo,...).

ñ) Só para o caso da liña II, ademais de todo o anterior, gastos correntes do núcleo de adestramento deportivo especializado.

15.2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidos da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

15.3. O órgano concedente comprobará, mediante a aplicación de técnicas de mostraxe, un número de expedientes significativo, coa finalidade de obter a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, para o cal poderá requirirlle á entidade beneficiaria a remisión da totalidade dos documentos xustificativos e, en todo caso, procederá a requirirlle a totalidade dos ditos documentos cando, das comprobacións realizadas, non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención. Para estes efectos, e consonte o artigo 42.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de importes inferiores a 1.000 €, a documentación acreditativa do gasto e do pagamento poderá consistir no correspondente xustificante de recepción do provedor.

15.4. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que considere oportunos.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

As entidades que resulten beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a cumprir o establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Incluír o logotipo da Xunta de Galicia, dispoñible para os efectos na páxina web https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal, nos medios de comunicación da entidade. Así mesmo, os clubs que compitan a nivel estatal deberán incluír no vestiario deportivo oficial o citado logotipo.

b) Colaborar nas actividades programadas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte e, especialmente, mediante a participación dos xogadores, adestradores e equipo técnico nas actividades, cursos, conferencias ou encontros dirixidos a deportistas de base e á comunidade educativa, agás nos casos de coincidencia de datas con campionatos oficias estatais ou internacionais, ou ben que a súa participación poida interferir de forma negativa na súa programación de adestramentos cara a unha proba concreta.

c) Facilitar a incorporación dos deportistas nas convocatorias das seleccións galegas para participar en torneos ou campionatos oficiais ou amigables, agás nos casos de coincidencia de datas con campionatos oficias estatais ou internacionais, ou ben que a súa participación poida interferir de forma negativa na súa programación de adestramentos cara a unha proba concreta.

d) Conservar, nos seguintes catro anos, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das actividades subvencionadas por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 17 destas bases.

h) A adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte (anexo III).

Artigo 17. Perda de dereito e reintegro da axuda

17.1. Procederá o reintegro ou perda de dereito, total ou parcial, das cantidades pendentes de percibir ou percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia da perda de dereito ou do reintegro, segundo o disposto no artigo 31 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impidan.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou a non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

17.2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro parcial no suposto de non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, o que suporá a perda dun 5 % do importe da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

17.3. Para facer efectiva a perda de dereito ou reintegro a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento, que se axustará ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

17.4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de mora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Control

As subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Notificacións

20.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, salvo naqueles casos que nas presentes bases se indican que serán practicadas a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Nestes casos e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

20.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

20.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

20.4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

20.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases rexerá a normativa xeral en materia de subvencións constituída pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da norma anteriormente citada; así como polos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, conxunto normativo en que se establecen os requisitos xerais das subvencións concedidas pola Administración autonómica, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

23.1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

23.2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

24.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

24.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file