DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2023 Páx. 68642

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 4 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR945C).

BDNS (Identif.): 731811.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas (liña I), así como os núcleos de adestramento deportivo especializados (liña II) xestionados por algunha das entidades anteriores, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

No caso dos núcleos de adestramento deportivo especializados, deberán estar recoñecidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria do ano 2024 de subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actividades deportivas (código de procedemento PR945C).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións son as aprobadas a través da Orde do 4 de decembro de 2023, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR945C).

Cuarto. Importe

Para conceder estas subvencións destinaranse 2.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.441A.481.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, en función das seguintes liñas de actuación subvencionables:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe

Liña I: desenvolvemento de actividades deportivas

05.02.441A.481.0 (modalidade 1010)

1.790.007 €

Liña II: núcleos de adestramento deportivo especializado

05.02.441A.481.0 (modalidade 1010)

209.993 €

Para a liña de actuación I establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 10.000 €.

Para a liña de actuación II establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 29.999 €.

Quinto. Actuacións subvencionables e compatibilidade

5.1. Na liña de actuación I, serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial en 2023.

5.2. Na liña de actuación II, serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial e os gastos correntes do núcleo de adestramento deportivo especializado no período comprendido entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.

5.3. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, incluídas as axudas ás sociedades anónimas suxeitas ao réxime de minimis, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto realizado pola entidade beneficiaria. Esta circunstancia deberá ser acreditada pola entidade beneficiaria conforme o establecido no artigo 15 destas bases.

5.4. As axudas desta orde reguladas nas liñas I e II son compatibles entre si, polo que unha mesma entidade poderá optar á subvención pola participación en competicións de carácter oficial e, de ser o caso, como núcleo de adestramento deportivo especializado.

Sexto. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de
Presidencia, Xustiza e Deportes