DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70240

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 11 de decembro de 2023 pola que se regula o Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024 de mellora de camiños municipais de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR101L).

BDNS (Identif.): 733888.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poden ser concellos beneficiarios todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter, dentro dos seus límites, zonas de reestruturación ou concentración parcelaria rematadas.

b) Conter un mínimo de 10 quilómetros de camiños nas ditas zonas.

c) Ter unha porcentaxe do uso da terra, segundo a definición do artigo 2, superior ao 39 %.

d) Ter remitido ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 18 desta orde.

2. Non poderán ter a condición de concellos beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é:

a) Establecer as normas de xestión do procedemento para a concesión das axudas que se outorguen ao abeiro do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024 de mellora de camiños municipais de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas.

b) Aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas para o ano 2024.

c) Aprobar os importes máximos para cada concello.

d) Aprobar os formularios para a xestión do procedemento.

e) Aprobar o modelo de resolución de concesión da axuda.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 11 de decembro de 2023 pola que se regula o Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024 de mellora de camiños municipais de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR101L).

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2024, de seis millóns de euros (6.000.000,00 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo IV dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural