DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2023 Páx. 70390

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 150/2023, do 25 de decembro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.

De acordo co previsto na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de decembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Queda disolto o Parlamento de Galicia elixido o día doce de xullo de dous mil vinte.

Artigo 2

Convócanse eleccións ao Parlamento de Galicia, que terán lugar o dezaoito de febreiro de dous mil vinte e catro.

Artigo 3

En aplicación do artigo 9 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, o número de deputados correspondente a cada circunscrición é o seguinte:

A Coruña: vinte e cinco.

Lugo: catorce.

Ourense: catorce.

Pontevedra: vinte e dous.

Artigo 4

A campaña electoral durará quince días; comezará ás cero horas do día dous de febreiro de dous mil vinte e catro e finalizará ás vinte e catro horas do día dezaseis de febreiro de dous mil vinte e catro.

Artigo 5

Celebradas as eleccións convocadas por este decreto, a Cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o día dezaoito de marzo de dous mil vinte e catro, ás once horas.

Artigo 6

As eleccións convocadas por este decreto rexeranse pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e a normativa de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente