DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2023 Páx. 70481

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 15 de decembro de 2023 pola que se conceden os Premios Galicia de Acción Voluntaria, convocados pola Orde do 18 de outubro de 2023 (código de procedemento BS508D), publicada no Diario Oficial de Galicia número 206, do 30 de outubro de 2023.

O 30 de outubro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 206 a Orde do 18 de outubro de 2023 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2023 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508D).

De conformidade co artigo 15 da citada orde, o órgano competente para resolver será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Así mesmo, o seu artigo 18 establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 15 de decembro de 2023, de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 18 de outubro de 2023 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2023 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508D), que se incorpora como anexo.

Segundo. Comunicar que a Resolución do 15 de decembro de 2023 esgota a vía administrativa e contra ela pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, poderá interporse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

ANEXO

Resolución do 15 de decembro de 2023 dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ditada no procedemento BS508D, ao abeiro da Orde do 18 de outubro de 2023 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2023 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

A Orde da Consellería de Política Social e Xuventude, do 18 de outubro de 2023, pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2023 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG núm. 206, do 30 de outubro), establece as bases reguladoras polas cales se rexe a concesión dos indicados Premios Galicia de Acción Voluntaria.

O artigo 2 da orde sinala que os Premios Galicia de Acción Voluntaria constan de 3 modalidades:

a) Premio persoa voluntaria do ano na modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano na modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano, que corresponderá a aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa Comunidade Autónoma.

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade, de conformidade co artigo 3 da orde de convocatoria.

Consonte o establecido nos artigos 7 e 8 da orde de convocatoria, presentáronse un total de 19 solicitudes de participación, distribuídas do seguinte xeito:

• Na modalidade individual para persoas físicas: 2 solicitudes.

• Na modalidade colectiva para entidades de acción voluntaria: 11 solicitudes.

• Na modalidade de mellor proxecto de acción voluntaria do ano: 6 solicitudes.

O artigo 13 da orde de convocatoria prevé a constitución dun xurado para o exame e valoración dos expedientes, designado para o efecto mediante resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado, que será quen desempeñe a súa presidencia.

O artigo 12 da orde sinala que o órgano instrutor do procedemento será o órgano competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado. De acordo co citado artigo, unha vez completos os expedientes, o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, remitiulle ao xurado as candidaturas en cada unha das modalidades para a súa valoración, conforme os criterios recollidos no artigo 14.

O día 13 de decembro de 2023, o xurado emitiu o informe co resultado da valoración das candidaturas para cada unha das modalidades, de acordo co prescrito no artigo 14 da orde reguladora.

Con base no anterior e conforme o sinalado no artigo 15 da orde, á vista do expediente e da valoración do xurado, o día 13 de decembro de 2023 o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, propuxo que se resolvese a cuarta convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2023, nos termos do informe de valoración emitido polo xurado.

Consonte a proposta de resolución, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias e atribuída a competencia para resolver, por delegación da conselleira de Política Social e Xuventude, segundo o disposto no artigo 15 e na disposición derradeira primeira da orde de convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder os premios da cuarta convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria ás seguintes candidaturas, dado que obtiveron en cada modalidade a maior puntuación por parte do xurado, consonte os criterios recollidos no artigo 14 da orde de convocatoria:

• Premio persoa voluntaria do ano na modalidade individual para as persoas físicas, cunha puntuación de 85 puntos e dotado de 4.000 euros, para Isabel Rubinos Fernández, co NIF **8208***, dada a súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado.

• Premio entidade de acción voluntaria do ano, na modalidade colectiva, cunha puntuación de 55 puntos e dotado de 4.000 euros, á Asociación Gallega de Afectados por Trasplantes Medulares, Asotrame, co CIF G70370713, pola súa consolidada traxectoria na área sociosanitaria e de atención psicosocial.

• Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano, pola súa plenitude e completa estruturación, cunha puntuación de 95 puntos e dotado de 4.000 euros, a Solidaridad Intergeneracional, co CIFG49225980, polo seu proxecto CuentAconMigo, cuxo enfoque está centrado na atención a persoas maiores no medio rural.

Segundo. As persoas físicas e xurídicas premiadas deberán cumprir coas obrigas previstas no artigo 17 da Orde do 18 de outubro de 2023.

Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Non obstante, poderá interporse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. A publicación desta resolución producirá os efectos de notificación, nos termos establecidos no artigo 18 da Orde do 18 de outubro de 2023 e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.D. (Artigo 15.2 e disposición derradeira primeira da Orde do 18 de outubro de 2023; DOG núm. 206, do 30 de outubro)
Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado