DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2023 Páx. 70395

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 12 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, e se convocan para o ano 2024, destinadas ás entidades locais (código de procedemento MT804B).

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, creou o Catálogo galego de árbores senlleiras, regulado polo Decreto 67/2007, do 22 de marzo, como rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal están incluídos aqueles exemplares que, polos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos, requiren da súa conservación. Considérase, ademais, que este tipo de árbores constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.

Así, ben por iniciativa da Administración ou das persoas propietarias das árbores ou de asociacións, entidades públicas ou privadas ou centros de investigacións, desde a creación deste catálogo fóronse incorporando nel aqueles elementos que foron valorados seguindo criterios básicos e métodos obxectivos, como merecentes de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, regula no seu artigo 112 o Catálogo galego de árbores senlleiras e confirma o seu carácter de rexistro público en que se inclúen e se incluirán aqueles exemplares ou formacións dos cales, polos seus valores ou intereses natural, cultural, científico, educativo, estético ou paisaxístico, sexa necesario asegurar a súa conservación.

O Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, prevé no seu artigo 10.1 a posibilidade de que a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poida establecer un réxime de axudas económicas encamiñadas á súa conservación, protección e mellora ou, se é o caso, para realizar tratamentos fitosanitarios ou silvícolas de mantemento.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de Autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, regulado polo Decreto 67/2007, do 22 de marzo, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT804B), destinadas ás entidades locais.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actividades subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas as destinadas á:

a) Realización de podas e actuacións de formación e control da copa. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de podas e actuacións de formación e control da copa que se consideren precisas para a conservación e mellora dos elementos catalogados. As características das podas e actuacións de formación e control da copa deberán ser validadas polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente ao seu desenvolvemento.

b) Aplicación de tratamentos fitosanitarios. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa adquisición e aplicación de productos fitosanitarios, e posterior xestión dos residuos con xestores autorizados. As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico, que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.

c) Accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa conservación e mellora das inmediacións dos elementos catalogados, incluíndo, entre outros, descompactación ou fertilización do terreo, retirada ou modificación de elementos prexudiciais para os elementos catalogados por cuestións sanitarias ou estéticas, ou plantación de novos exemplares (só no caso de formacións senlleiras). As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico, que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.

d) Accións de divulgación e sinalización. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa difusión da información da condición de árbores e formacións senlleiras, incluíndo, entre outros, deseño e impresión dos materiais. Tamén serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa información ao lado dos elementos catalogados da súa condición de árbores e formacións senlleiras, incluíndo, entre outros, sinais, soportes e gastos de colocación. O formato, o contido e as demais características dos materiais divulgativos e/ou de sinalización deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente á edición dos materiais e/ou á execución dos traballos.

e) Realización de estudos. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de estudos fitosanitarios, biomecánicos e calquera outro que se considere precisos para a conservación e mellora dos elementos catalogados, incluíndo a elaboración de plans de xestión encamiñados á conservación, restauración e mellora dos elementos catalogados.

2. Non será obxecto de subvención:

a) O imposto do valor engadido (IVE).

b) Aquelas actuacións ou actividades que poñan ou poidan pór en perigo os valores que xustificaron a inclusión da árbore ou formación no Catálogo galego de árbores senlleiras.

c) As actuacións que se iniciasen antes da certificación de non inicio ou sen contar coa validación previa á súa realización por parte do Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente, cando esta fose precisa.

3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Artigo 3. Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que sexan realizados desde a certificación de non inicio ata o 30 de setembro de 2024.

En ningún caso se poderán ter iniciado as actividades antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. É condición indispensable que, con anterioridade ao comezo das actuacións, o Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente expida unha certificación de non inicio, para todas as actuacións subvencionables incluídas no artigo 2, agás as descritas na letra e), que será realizada de oficio a partir do momento da recepción da solicitude da axuda.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais, propietarias de elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras na data de publicación desta orde. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades locais (agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar).

2. Só se admitirá unha única solicitude por entidade solicitante. Cando unha mesma entidade solicitante sexa propietaria de máis dunha árbore e/ou formación senlleira, deberá presentar unha única solicitude, que abranguerá todas as árbores e/ou formacións para as cales se solicita a axuda.

Artigo 5. Requisitos exixibles ás entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e non estar incursas en ningunha das circunstancias recollidas no seu artigo 10. Igualmente, deben cumprir coa obriga prevista no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que teñan sancións firmes na vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Artigo 6. Contía da axuda

1. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables, e fíxase un importe máximo de 4.500 euros de axuda por árbore e 8.000 euros de axuda por formación.

2. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias, poderán axustarse as contías á pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 7. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se corresponde con anexo I desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

3. A solicitude da axuda, segundo o anexo I desta orde (código de procedemento MT804B), inclúe as seguintes declaracións da persoa ou entidade solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nin en ningunha das situacións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Declaración responsable de non ter sancións firmes na vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade.

4. A solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunhas das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude por calquera medio válido en dereito.

b) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación da persoa ou entidade titular para a súa dispoñibilidade.

c) Memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar e para as cales se solicita a axuda, coa correspondente previsión de gastos e unha descrición das actividades proxectadas, segundo o anexo II desta orde.

d) Memoria ou proxecto asinado por persoal técnico cualificado para as actuacións subvencionables descritas no artigo 2, nas letras a), b) e c).

e) Factura pro forma ou oferta económica correspondentes á previsión de gastos das actividades que se pretenden realizar.

f) Documentación que acredite a remisión das contas ao Consello de Contas pola entidade.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Non ter sancións firmes na vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade.

g) Concesións de subvencións e axudas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Criterios de valoración

Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas recollidas no artigo 2 serán os seguintes:

a) Nivel de prioridade das actuacións: máximo 60 puntos, de acordo co seguinte:

i. Prioridade 1: 60 puntos.

ii. Prioridade 2: 40 puntos.

iii. Prioridade 3: 20 puntos.

iv. Prioridade 4: 10 puntos.

O nivel de prioridade das actuacións considerado para cada elemento do Catálogo galego de árbores senlleiras en función da avaliación máis recente dispoñible recóllese no anexo VI.

b) Localización do elemento: máximo 20 puntos, de acordo co seguinte:

i. Elemento localizado nun espazo da Rede galega de espazos protexidos: 20 puntos.

ii. Elemento incorporado nun ben de interese cultural: 16 puntos.

iii. Elemento incorporado nun ben catalogado no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia: 10 puntos.

c) Non ter recibido axudas polo mesmo concepto na convocatoria inmediatamente anterior: 10 puntos.

d) Elemento incorporado na Ruta dos xardíns da camelia: 10 puntos.

Cando a solicitude sexa presentada por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula, como agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, engadirásenlle 20 puntos á puntuación total obtida da aplicación dos criterios anteriores.

Cando unha entidade solicite axuda para máis dunha árbore e/ou formación senlleira, a puntuación asignada á súa solicitude corresponderase coa media aritmética da puntuación asignada a cada árbore e/ou formación.

En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase tendo en conta a valoración no criterio da letra a). De persistir o empate, atenderase á cualificación no criterio da letra b). Se así é todo continúa a igualdade, dirimirase o empate a favor da entidade solicitante que obteña a maior puntuación na letras c) e d), por esta orde. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 15. Tramitación

1. As solicitudes remitiránselle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda examinarán e revisarán a documentación acompañante que se especifica no artigo 10 desta orde.

2. No caso de que se detectasen erros ou omisións, os servizos de Patrimonio Natural requirirán a persoa e/ou entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderase requirir a entidade para que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Os servizos de Patrimonio Natural emitirán informes sobre a valoración das solicitudes presentadas á Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.

5. Unha vez recibidos os informes dos servizos de Patrimonio Natural, a Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, como órgano instrutor, realizará as propostas de resolución das solicitudes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto. Non obstante, no caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias, poderán axustarse as contías á pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada, con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de dous meses, contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as entidades poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

4. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

5. A resolución de concesión da axuda levará implícita a autorización para realizar as actuacións incluídas na solicitude, coas limitacións que nela se indiquen.

Artigo 17. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado polas persoas ou entidades interesadas que sexan propostas como beneficiarias no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa ou entidade beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=Axudas.html&sub=Especies_ameazadas/).

Artigo 20. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

2. As entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

3. A solicitude para ser entidade beneficiaria das axudas incluídas nesta orde levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BNDS). A BNDS daralle traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 21. Xustificación dos gastos realizados

1. O pagamento da cantidade adxudicada a cada entidade beneficiaria queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención.

2. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos realizados rematará o día 16 de outubro de 2024. As entidades beneficiarias deberán presentar, da forma indicada no artigo 9 desta orde, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento, segundo o anexo III desta orde, que inclúe unha declaración complementaria relativa á obtención doutras subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate, de acordo co formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

b) Para xustificar os gastos das axudas reguladas nesta orde:

1º. Memoria xustificativa de actuacións realizadas e relación de gastos e investimentos segundo os anexos IV e V desta orde, respectivamente.

2º. Copia das facturas que en todo caso virán acompañadas da xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que se incorreu, a través da copia da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento.

3. De acordo co artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou a entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

4. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas ou entidades beneficiarias poderán subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Non obstante, non se poderán subcontratar as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.

5. Os servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para a concesión da axuda.

6. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitiráselle, xunto cunha proposta, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Artigo 22. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da axuda aprobada e debidamente xustificada. Non obstante, excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, poderá subvencionarse só unha parte das actuacións aprobadas, sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente.

2. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. De acordo co establecido no artigo 11, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as citadas certificacións.

3. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 23. Crédito orzamentario

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2024 no momento da resolución.

2. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 30.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541B-760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, mediante concorrencia competitiva.

3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para os efectos. En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución da concesión.

4. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince días hábiles de anticipación á súa realización.

Artigo 25. Control das actividades subvencionadas

1. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realicen as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como poderán solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que sexan obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. No caso das solicitudes de axudas para elaborar materiais divulgativos, o formato, o contido e as demais características deses materiais deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente, previamente á edición dos materiais.

3. No caso das solicitudes de axudas para sinalización, o formato, a situación e as demais características dos sinais deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente, previamente á execución dos traballos.

Artigo 26. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

O procedemento para declarar a perda do dereito e o cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior será o establecido no título II da Lei 9/2017, do 13 de xuño.

5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos casos e termos previstos no seu artigo 33.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda

MT804Bg.pdf
MT804Bg.pdf
MT804Bg.pdf
MT804Bg.pdf
MT804B anexos g.pdf
MT804B anexos g.pdf
MT804B anexos g.pdf

ANEXO VI

Niveis de prioridade considerados para os elementos do Catálogo galego de
árbores senlleiras para os efectos da aplicación dos criterios de valoración
(artigo 15.a)

Código

Nome

Nivel de prioridade

1A

«Perona» do Paseo da Ferradura

3

2A

Pradairo da Igrexa de Vilarpandín

2

3A

«Pravia» de Vilalba

2

5A

Ameneiro do Pazo de Maside

4

6A

Araucaria do Brasil do Parque de Caldas de Reis

1

7A

Araucaria araucana do Castelo de Soutomaior

1

9A

Érbedo do Pazo de Mariñán

3

10A

Calocedro do Pazo de Torrecedeira

4

11A

Camelia «Pantalóns» do Pazo de Lens

4

12A

Camelia do Pazo de Santa Cruz

3

13A

Camelias do Pazo de Torres Agrelo

3

14A

Matusalén de camelias do Pazo de Castrelos

3

15A

Camelia reticulada do Pazo de Oca

1

16A

Camelia sasanqua do Pazo de Torres Agrelo

2

18A

Castiñeiro da Capela

1

19A

Castiñeiro do Val da Fonte

3

22A

Castiñeiro da Ribeira

4

23A

Castiñeiro do Souto da Ramigoa

2

25A

Castiñeiros de Peninvello

1

26A

Casuarinas da Alameda da Praza de Compostela

3

27A

Cedros do Himalaia dos Xardíns de Vicenti

2

28A

Cedro do Líbano do Pazo de Lourizán

1

29A

«Coroa de Cristo» do Xardín Histórico de Padrón

2

30A

Camecíparis de Lawson da «Casa da Puebla»

3

32A

Alcanforeiros do Pazo de Rubiáns

4

33A

Laranxo «Obsceno» do Pazo de Brandariz

3

34A

Criptomeria do Pazo de Santa Cruz

3

35A

Criptomeria do Castelo de Soutomaior

2

36A

Criptomeria Elegante do Pazo de Oca

4

37A

Cunninghamia do Pazo de Gondomar

2

38A

Cunninghamia do Parque-Xardín de Caldas de Reis

3

39A

Ciprés de California da Misericordia

3

40A

Ciprés de California do Pazo de Quintás

3

41A

Ciprés mediterráneo da Capela do Salvador

3

42A

Eucaliptos do Pazo de Mariñán

2

43A

Eucalipto da Casa de Reimunde

3

45A

Eucaliptos do Paseo da Ferradura

1

46A

Eucaliptos do Pazo de Castrelos

2

47A

Eucalipto do Maná da Casa de Ordax

3

48A

Faias do Pazo de Castrelos

3

49A

Figueira do Meco

4

50A

Figueira da Casa-Museo de Rosalía de Castro

3

51A

Freixo de folla estreita de Montepando

1

52A

Freixo de Porta

4

53A

Xinkgos do Pazo de Fonseca

2

54A

Acivro do Pazo de Casanova

3

55A

Coqueiro de Chile do Pazo de Meirás

3

56A

Tulipeiros de Virxinia do Pazo de Santa Cruz

3

57A

Tulipeiros de Virxinia do Pazo de Castrelos

1

58A

Magnolia grandiflora de Santa Rita

3

59A

Magnolias grandifloras do Pazo de Rubiáns

3

61A

Metasequoia do Pazo de Lourizán

1

62A

Metrosideros Excelso do Xardín da Torre de Andrade

1

63A

Metrosideros Excelso do Xardín da Policía da Coruña

3

64A

Oliveira do Paseo de Alfonso XII

3

65A

Oliveiras do Cemiterio de Adina

1

66A

Palmeira datileira do Mosterio de Herbón

3

67A

Ombú do Centro Cultural de Santa Cruz

2

68A

Ombú do Pazo de Santa Cruz

3

69A

Piñeiro bravo de Leiro

3

71A

Piñeiro insigne do Castelo de Santa Cruz

2

72A

Plátano de sombra do Pazo de Dompiñor

4

73A

Douglasia verde do Pazo de Casanova

3

76A

Rebolo do Pazo da Pena

3

77A

Carballo do Pazo de Vilardefrancos

1

78A

Carballo de Ramos

4

79A

Carballo do Viño ou Carballo de Pelete

3

80A

Carballo da Capela de Santa Margarida

3

81A

Carballa da Rocha

2

82A

Carballo do Pazo de Cartelos

3

83A

Carballo grande de Bustelo de Abaixo

3

84A

Carballo da Casa do Herdeiro

4

85A

Carballos do Campo de Golf

3

86A

Carballo de Mede

3

87A

Carballo da Casa Grande

4

88A

Carballo grande do Mestre

3

89A

Carballo grande de Reboreda

4

90A

Carballo fastixiado do Pazo de Santa Cruz

3

91A

Carballo fastixiado do Xardín Histórico de Padrón

3

92A

Aciñeira de Covas

3

94A

Sobreira do Pazo de Valiñas

3

95A

Sobreira do Cristo de Arriba

2

96A

Sobreira da Casa do Tristo

4

97A

Sequoias vermellas do Xardín Histórico de Padrón

1

98A

Sequoia vermella do Castelo de Soutomaior

3

99A

Sequoia xigante do Pazo do Casal

2

100A

Taxodios do Xardín de Artime

4

101A

Teixo do Pazo de Baldomir

2

102A

Teixo da Igrexa de Córneas

2

104A

Tuia xigante do Pazo de Torres Agrelo

3

105A

Tileiro prateado da Alameda do Campo da Estrela

2

106A

Washingtonias robustas do Pazo de Santa Cruz

3

107A

Abeto branco de Carballal

2

108A

Araucaria de Carballeira

2

110A

Castiñeiro de Pexeiros

3

111A

Castiñeiro de Cerdedelo

3

112A

Castiñeiro de Trambolosríos

1

113A

Castiñeiro de Santa Eufemia

3

114A

Castiñeiro de Cádavos

4

115A

Castiñeiro do Prado da Ponte

4

116A

Castiñeiro de Placín

3

117A

Abeleira do Pazo de Lourizán

3

118A

Criptomeria xaponesa do Pazo de Lourizán

3

119A

Dicksonia do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla

4

120A

Freixo de folla estreita de Albarín

3

121A

Ginkgo de Vilaboa

3

123A

Magnolia de Oural

3

124A

Metrosideros da Finca de Besada

4

125A

Moreira negra de Cangas de Foz

2

126A

Piñeiro de Alxán

3

128A

Carballo da Portela

3

129A

Carballo de Portacal

3

130A

Carballo de Freán

2

131A

Carballo de Vilatuxe

2

132A

Carballo de Soutolongo

3

133A

Pai dos Rebolos

4

134A

Carballo de Luxís

2

137A

Sobreira de Loña

3

138A

Sobreira de Siador

2

140A

Salgueiro da Braña de Xafardán

3

141A

Sequoia vermella do Pazo de Lourizán

3

142A

Sófora xaponesa do Pazo de Lourizán

1

143A

Teixo de Cereixido

3

144A

Teixo de Carballido

1

145A

Teixo de Fontaneira

1

146A

Teixo de Balmonte

3

150A

Castiñeiro de Soutogrande

4

151A

Piñeiro manso do Pazo do Cabido

2

152A

Carballo de Bermés

1

153A

Sequoia da Alameda do Campo da Estrela

1

154A

Cerquiño de Queguas

4

155A

Castiñeiro do Oreal

3

156A

Falso ciprés de Silvouta

4

157A

Magnolia grandiflora da Casa da Picota

4

158A

Sobreira da Peneda

4

159A

Castiñeiro Casa Fragueiro

4

160A

Castiñeira de Ramil

4

161A

Magnolio de Tabagón

4

162A

Nogueira do Camiño Vello

4

163A

Criptomeria xaponesa do palco da música do Xardín Histórico de Mondariz Balneario

4

164A

Alciprestes de Portugal do Xardín Histórico de Mondariz Balneario

4

165A

Sequoia vermella do Xirimbao I

4

166A

Sequoia vermella do Xirimbao II

4

167A

Sobreira de Outeda

4

168A

Sobreiras da necrópole da Capela dos Mártires

4

1F

Buxal da Casa da Botana

1

2F

Buxal do Pazo de Santa Cruz

2

3F

Buxal do Pazo de Oca

2

4F

Castiñeiros xaponeses e chineses do Pazo de Lourizán

2

7F

Carreira de eucaliptos do Pazo de Barrantes

3

8F

Eucaliptos do Pazo de Rubiáns

4

10F

Cipreses de California do Xardín do Malecón

3

11F

Mirtos do Pazo de Mariñán

1

12F

Retícula de oliveiras do Pazo de Santa Cruz

2

13F

Palmeiral canario dos Xardíns de Méndez Núñez

3

14F

Palmeira do Senegal do Xardín Artístico de Padrón

3

15F

Plátanos de sombra do Pazo de Mariñán

3

16F

Plátanos de sombra do Paseo do Espolón de Padrón

1

17F

Carballeira de Caldas de Reis

3

18F

Carballeira de San Lourenzo de Trasouto

1

19F

Teixedal de Casaio

4

20F

Carreira dos Tileiros do Pazo de Oca

2

21F

Olmos do Xardín de San Carlos

1

22F

Carreira de araucarias de Noia

4

23F

Bidueiral de Xares

1

26F

Castiñeiros dos Blancos

3

27F

Devesa de Cartelos

4

28F

Carballos da praza do Campo de Bande

3

29F

Sobreiral de Magán

2

30F

Tileiras prateadas da Igrexa de San Domingos

1

32F

Faias de San Xoán de Lagostelle

4

33F

Sobreiras do Faro

3

34F

Araucarias de Cambados

2

35F

Carballeira de Muimenta

1

36F

Piñeiros mansos do Rosal

2

37F

Souto da Rubial

4

38F

Olmos de Santiago de Reinante

4

39F

Carreira de buxos do Pazo de Quinteiro da Cruz

4

40F

Sobreiras da Magdalena

4

41F

Carballeira de Baio

4

42F

Bosque de camelios e Paseo das Noivas e Fondo do Prado

4

43F

Sobreira de San Roque

4