Mediante a Resolución do 19 de decembro de 2023 modifícase e prorrógase a encomenda ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a execución dun servizo de transporte aos centros públicos competencia da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude.
Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o contido mínimo da dita resolución:
– Actividade: servizo consistente no traslado das persoas usuarias do Centro de Día de Alzhéimer de Volta do Castro en Santiago de Compostela, Centro de Día das Gándaras de Lugo e Centro de Día de Burela en Lugo, para o desenvolvemento das actividades propias dos centros.
O servizo consistente na modalidade de carácter regular (dez desprazamentos por semana ida e volta, de luns a venres, que supoñen un total de 250 desprazamentos anuais) das persoas usuarias do Centro de Día de Alzhéimer de Volta do Castro en Santiago de Compostela, Centro de Día das Gándaras de Lugo e Centro de Día de Burela en Lugo, aboarase en función do prezo por vehículo/día.
– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar ten natureza intersubxectiva. Consonte o previsto polos artigos 47 e 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 6.3 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Consellería de Política Social e Xuventude.
– Prazo de vixencia: a prórroga comeza o 1 de xaneiro de 2024 e rematará o 31 de decembro de 2024.
– Finalización anticipada: esta encomenda resolverase anticipadamente nos seguintes casos:
• Cumprimento do seu obxecto antes da data establecida para a súa finalización.
• Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.
• Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.
• Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.
• As demais previstas na lexislación vixente.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023
A conselleira de Política Social e Xuventude
P.D. (Orde do 3.3.2016; DOG nº 54, do 18 de marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude