DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71884

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422L e IN422M).

O 9 de novembro de 2021, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou a Resolución do 28 de outubro de 2021 (DOG núm. 215, do 9 de novembro) pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422L e IN422M), aprobado polo Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, modificado polo Real decreto 377/2022, do 17 de maio, polo que se amplía a tipoloxía de beneficiarios do Real decreto 477/2021 e do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro (BOE núm. 118, do 18 de maio).

A citada Resolución do 28 de outubro de 2021 foi modificada pola Resolución do 9 de febreiro de 2022 (DOG núm. 33, do 17 de febreiro) e pola Resolución do 21 de xullo de 2022 (DOG núm. 145, do 1 de agosto).

O 28 de decembro de 2023, publícase no BOE o real decreto polo que se modifica o Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, ampliando a vixencia do programa de incentivos ata o 31 de xullo de 2024.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 28 do Estatuto de autonomía, das facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422L e IN422M) nos seguintes termos:

Única. O punto 3 do artigo 6 queda redactado como segue:

«3. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará o día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente convocatoria e finalizará o 31 de decembro de 2023.

Para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I)».

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia