DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71882

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422N).

O 31 de marzo de 2022, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou a Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía (código de procedemento IN422N) (DOG núm. 63, do 31 de marzo), aprobado polo Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, modificado polo Real decreto 377/2022, do 17 de maio, polo que se amplía a tipoloxía de beneficiarios do Real decreto 477/2021 e do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro (BOE núm. 118, do 18 de maio de 2022).

A citada Resolución do 21 de marzo de 2022 foi modificada pola Resolución do 8 de agosto de 2022 (DOG núm. 158, do 22 de agosto) e pola Resolución do 5 de xuño de 2023 (DOG núm. 111, do 13 de xuño).

O 28 de decembro de 2023 publícase no BOE o Real decreto polo que se modifica o Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, e amplíase a data do prazo de solicitudes e a vixencia do programa de incentivos ata o 31 de xullo de 2024.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 28 do Estatuto de autonomía, coas facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422N), nos seguintes termos:

Única. O número 2 do artigo 5 queda redactado como segue:

«2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 20 de abril de 2022 e rematará o 31 de xullo de 2024».

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia