DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71695

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar o día 18 de febreiro de 2024.

O Decreto 150/2023, do 25 de decembro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións (DOG núm. 243, do 26 de decembro), no seu artigo 2, establece a convocatoria dos ditos comicios para o próximo 18 de febreiro de 2024.

A Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, establece, no seu artigo 14, os conceptos que se consideran como gastos electorais, así como o período que se considerará. Seguidamente, o artigo 15 sinala os límites dos gastos electorais ao Parlamento de Galicia, establecendo unha fórmula consistente en multiplicar unha cantidade polo número de habitantes correspondentes á poboación de dereito da circunscripción en que presente as súas candidaturas cada formación política.

Pola súa banda, os artigos 16 a 20 da dita lei están referidos ás subvencións da Comunidade Autónoma para gastos electorais. No artigo 19 fíxanse unhas contías por escano, por voto e polo envío directo e persoal ás persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral, sempre que a candidatura de referencia obteña algún escano.

En relación coas cantidades sinaladas nos artigos 15 e 19, a disposición adicional segunda da lei dispón que, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de facenda, se fixarán as contías actualizadas nos cinco días seguintes ao da convocatoria das eleccións.

Por tanto, para fixar a actualización dos importes para estas eleccións ao Parlamento de Galicia tense que partir das contías fixadas nos indicados artigos 15 e 19 da Lei 9/2015, actualizadas pola Orde do 11 de febreiro de 2020 para as eleccións anteriores.

Tendo en conta a heteroxeneidade dos custos financiables recollidos no artigo 14 da dita Lei 9/2015, así como a posibilidade de diferentes intensidades de cada un, optouse por empregar como factor de actualización o deflactor do PIB de Galicia, todo isto na medida en que a referida subvención trata de financiar unha parte dos custos de concorrencia ás eleccións autonómicas e que o artigo 5 da Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, permite, no que atinxe ás revisións non periódicas de valores monetarios realizadas polo sector público, o emprego excepcional de índices específicos de prezos que mellor reflictan a evolución dos custos.

Por iso, unha vez consultado o Instituto Galego de Estatística, os deflactores aplicados son 0,9 %, 3,0 %, 4,6 % a partir dos datos máis actuais dispoñibles para os anos 2020, 2021 e 2022, respectivamente. Polo tanto, o resultado supón unha variación do 8,5 %, índice que se aplicará ás contías dos anteditos artigos 15 e 19, actualizadas pola Orde do 11 de febreiro de 2020 para as anteriores eleccións autonómicas.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único

As cantidades a que se refiren os artigos 15 e 19 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, unha vez actualizadas, serán as seguintes:

1. Subvención de vinte e tres mil cincocentos oitenta e cinco euros (23.585 €), por cada escano obtido.

2. Subvención de oitenta e sete céntimos de euro (0,87 €), por cada un dos votos conseguidos por cada candidatura se, polo menos, un dos membros dela obtivo escano de deputado.

3. Ademais das subvencións a que se refiren os números anteriores, a Comunidade Autónoma subvencionará os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral, a razón de vinte e cinco céntimos de euro (0,25 €) por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

4. O límite dos gastos electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por setenta e un céntimos de euro (0,71 €) o número de habitantes correspondentes á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Para o cálculo do dito límite non se incluirán as contías subvencionadas de acordo co disposto no número 3 anterior.

Disposición derradeira

A presente orde terá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública