DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71690

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ramón Vázquez Conde.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ramón Vázquez Conde, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 14 de setembro de 2023, Óscar Vázquez Álvarez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ramón Vázquez Conde constituíuna a entidade Adelanta Corporación, S.A., representada por Óscar Vázquez Álvarez mediante escritura pública outorgada o 11 de setembro de 2023, co número de protocolo 1.682, ante o notario de Ourense Fernando Martínez-Gil Fluxá.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto principal o desenvolvemento do medio rural en Galicia, contribuíndo a fixar poboación no territorio e as comunidades rurais de Galicia. Promoverase o desenvolvemento sustentable das comunidades rurais a través da acción social, o fomento do deporte e a atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas, económicas, culturais ou xeográficas.

Así mesmo, a Fundación ten por obxecto a defensa do ambiente a través de medidas de conservación in situ, tales como a protección de ecosistemas e hábitats, a promoción do desenvolvemento sustentable, o impulso da economía circular, así como a rehabilitación de ecosistemas degradados. A dita defensa abarca tamén aspectos culturais, científicos, sociais, ambientais, histórico-artísticos, antropolóxicos, etnolóxicos, sociolóxicos, económicos, xurídicos e calquera outro relacionado coa conservación e o uso sustentable dos recursos naturais.

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os seus estatutos, e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Óscar Vázquez Álvarez, como presidente; Eva Vázquez Docarme, como vicepresidenta, e David Vázquez Sampedro, como secretario.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, proposta de clasificación como mixta da Fundación Ramón Vázquez Conde, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

8. De conformidade con esta proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 27 de novembro de 2023, clasificouse como mixta a Fundación Ramón Vázquez Conde e adscribiuse a esta mesma vicepresidencia para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, correspóndelle a esta vicepresidencia a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ramón Vázquez Conde, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ramón Vázquez Conde, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Ramón Vázquez Conde.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades; a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos; así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Elena Muñoz Fonteriz
Secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Primeira
e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes