DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71682

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 154/2023, do 28 de decembro, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán as persoas que integran a Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, os/as xuíces/zas de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, así como o persoal da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024.

De conformidade co disposto nos artigos 13.2 e 22.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, o Consello da Xunta de Galicia será quen deba fixar as compensacións económicas que lles correspondan ás persoas que integran a Xunta Electoral de Galicia e das xuntas electorais provinciais e de zona para as eleccións ao Parlamento de Galicia 2024.

Por outra banda, e tal e como preceptúa o articulado anterior, é tamén obriga do Consello da Xunta de Galicia facilitarlles ás xuntas electorais provinciais e de zona que poidan dispor dos medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das súas funcións.

Neste sentido, e co obxecto de acadar unha adecuada integración entre os principios regulados polo Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e a normativa electoral autonómica, á hora de fixar estas compensacións consideráronse as funcións que lle corresponden á Administración electoral no marco fixado pola lexislación vixente e valoráronse os precedentes dos procesos electorais que aconteceron desde as últimas eleccións autonómicas.

Polo tanto, para un mellor desenvolvemento do proceso electoral autonómico e co obxecto de dar obrigado cumprimento ás prescricións legais contidas na Lei orgánica do réxime electoral xeral, e evitar, desta forma, as disfuncións que a dispersión da norma poida provocar, cómpre regular, sen ningunha demora, as gratificacións e indemnizacións anteriormente citadas.

Na súa virtude, facendo uso da habilitación que lle confire a disposición adicional primeira da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, que faculta a Xunta de Galicia para ditar as disposicións precisas para o seu cumprimento e execución, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e oito de decembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Xunta Electoral de Galicia

1. As persoas que integran a Xunta Electoral de Galicia terán dereito, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024, ás gratificacións fixas que a seguir se detallan:

Presidente/a:

4.085 €

Vicepresidente/a:

1.995 €

Secretario/a:

3.230 €

Vogais:

1.805 €

2. O resto das indemnizacións e a súa forma de pagamento serán acordadas polo Parlamento de Galicia.

Artigo 2. Xuntas electorais provinciais e de zona

1. As persoas que integran as xuntas electorais provinciais teñen dereito, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024, ás gratificacións fixas que a continuación se detallan:

a) Xuntas electorais provinciais da Coruña e Pontevedra.

Presidente/a

3.230 €

Secretario/a:

3.040 €

Vogais xudiciais:

1.425 €

Vogais non xudiciais:

807,50 €

Delegado/a da Oficina do Censo Electoral:

1.425 €

b) Xuntas electorais provinciais de Lugo e Ourense.

Presidente/a:

2.945 €

Secretario/a:

2.755 €

Vogais xudiciais:

1.330 €

Vogais non xudiciais:

712,50 €

Delegado/a da Oficina do Censo Electoral:

1.330 €

c) O dereito ás gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento en que se tome posesión do cargo correspondente e enténdese referido á totalidade do tempo en que as xuntas electorais provinciais cumpran as súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo 15.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

No suposto de que o período de desempeño do cargo por algunha das persoas integrantes sexa inferior ao mandato legal anteriormente mencionado, terá dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ao tempo efectivo do desempeño do cargo.

2. As persoas que integran todas as xuntas electorais de zona percibirán, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024, as gratificacións fixas que a continuación se detallan:

Presidente/a:

2.422,50 €

Secretario/a:

2.232,50 €

Vogais xudiciais:

1.007 €

Vogais non xudiciais:

617,50 €

O dereito á percepción das gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento en que se tome posesión do cargo correspondente e enténdese referido á totalidade do tempo en que as xuntas electorais de zona cumpran as súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo 15.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

No suposto de que o período de desempeño do cargo dalgunha das persoas integrantes sexa inferior ao mandato legal anteriormente mencionado, terá dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ao tempo efectivo do desempeño do cargo.

3. Para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador das xuntas electorais provinciais e de zona asignarase a cantidade de 47,50 euros por cada unha das mesas que efectivamente se constitúan na respectiva provincia máis unha achega adicional de 4.465 euros ás provincias de Lugo e Ourense.

Neste sentido, para poder participar como persoal colaborador das xuntas electorais provinciais e de zona será precisa a súa pertenza como funcionario ou laboral a calquera das administracións públicas. O importe resultante no ámbito provincial terá carácter limitativo e será repartido pola Xunta Electoral Provincial entre todas as xuntas electorais existentes na provincia.

4. Cando as persoas que integran as xuntas electorais provinciais e de zona, para asistiren ás reunións regulamentariamente convocadas, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual, seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizan o seu vehículo particular, aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,26 euros.

Se ao efectuar o desprazamento se fai todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

5. A Xunta de Galicia, co obxecto de dar obrigado cumprimento ao preceptuado na normativa electoral vixente, porá ao dispor das xuntas electorais provinciais e de zona os medios materiais necesarios para o exercicio das súas funcións.

Neste sentido, e con cargo a este punto, sufragaranse todos aqueles gastos de natureza material que resulte necesario efectuar para o correcto funcionamento das administracións electorais especificadas no punto anterior.

Artigo 3. Delegados/as das xuntas electorais de zona

1. Os/as secretarios/as dos concellos, pola súa condición de delegados/as das xuntas electorais de zona, percibirán unhas cantidades fixas que virán determinadas polo número total de mesas electorais que efectivamente se constitúan no municipio ou municipios en que actúen como tales, con independencia da natureza dos agrupados ou acumulados que teñan aqueles con relación ao titular da Secretaría.

Os importes que se lles aboarán aos/ás delegados/as das xuntas electorais de zona serán os seguintes:

Número de

mesas electorais

Número non superior

a 10 mesas

Número comprendido

entre 11 e 50 mesas

Número superior a

50 mesas

Importe que percibirán os/as

secretarios/as

807,50 €

902,50 €

1.045,00 €

O dereito á percepción das gratificacións anteriores enténdese referido á totalidade do proceso electoral autonómico. No suposto de que permaneza no cargo por un tempo inferior, terá dereito a unha cantidade proporcional ao tempo que permaneza nel.

No suposto de que o titular dunha secretaría sexa adscrito a un novo concello durante a realización do proceso electoral autonómico, percibirá, se é o caso, ademais, a diferenza que lle corresponda co xa percibido, se o concello de destino está comprendido nun tramo distinto ao de orixe.

2. Cando os/as secretarios/as dos concellos, como integrantes das xuntas electorais de zona, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual para asistiren ás reunións regulamentariamente convocadas por estas, seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizan o seu vehículo particular, aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,26 euros.

Se ao efectuar o desprazamento se fai todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

3. Para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador dos concellos asignaranse, por cada mesa electoral efectivamente constituída no respectivo municipio e con carácter limitativo, as seguintes cantidades:

– Por tarefas administrativas, 39,90 €.

– Para a adecuación e o acondicionamento dos locais onde se sitúen os colexios electorais, 36,00 €.

– Para a montaxe, desmontaxe e transporte de urnas e cabinas, 43,20 €.

Artigo 4. Persoas que integran as mesas electorais

1. Quen sexa nomeado presidente/a e vogal das mesas electorais de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, percibirá 70 euros en concepto de indemnización. Só terán dereito á indemnización antes mencionada aqueles que teñan a condición de titulares e os suplentes unicamente cando adquiran tal condición. Así mesmo, o dereito a ela será no seu importe íntegro, con independencia do tempo da xornada electoral en que se estea desempeñando o cargo.

2. Co obxecto de facilitar o cumprimento do preceptuado no artigo 101.1 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, cada un dos presidentes das mesas electorais, únicos integrantes delas que teñen a obriga de entregar a documentación electoral pertinente na sede do xulgado de primeira instancia ou de paz, percibirá 8 euros en concepto de indemnización por desprazamento.

A cantidade fixada no parágrafo anterior é por conta da Xunta de Galicia e establécese con base no previsto no artigo 101.1 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, sen que isto menoscabe a obriga que pesa sobre a forza pública e que se encontra establecida no citado precepto.

3. Os/as presidentes/as, vogais e suplentes das mesas electorais que resulten nomeados de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, quedarán protexidos polo sistema da Seguridade Social fronte ás continxencias e situacións que poidan derivar da súa participación nas eleccións.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, as referidas persoas integrantes das mesas electorais considéranse, durante o exercicio da súa función, como asimilados aos traballadores por conta allea do réxime xeral da Seguridade Social para a continxencia de accidentes de traballo.

Neste sentido, a Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, farase cargo da cotización correspondente á cobertura de riscos fronte ás continxencias e situacións que poidan derivar da participación dos presidentes, vogais e suplentes das mesas electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024.

Artigo 5. Xuíces/zas de primeira instancia ou de paz

1. Pola realización das actividades estipuladas polo artigo 101 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, os/as xuíces/zas de primeira instancia ou de paz, se é o caso, que fosen nomeados/as para a súa execución, percibirán a cantidade de 58,90 euros.

2. Sen prexuízo do estipulado no punto anterior, polo traslado da documentación electoral a que fai referencia o artigo 101.3 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, aos/ás xuíces/zas de primeira instancia ou de paz seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizan o seu vehículo particular, aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,26 euros.

Se ao efectuar o desprazamento se fai todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

Artigo 6. Representantes da Administración autonómica nas mesas electorais e representantes coordinadores/as

Os/as representantes da Administración autonómica nas mesas electorais que atendan unha mesa electoral percibirán unha indemnización individual de 100 euros, os/as que atendan dúas mesas electorais, 105 euros, e aqueles/as que atendan tres ou máis mesas, 110 euros, en compensación polas funcións que deberán levar a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024.

Os/as representantes coordinadores/as percibirán unha indemnización individual de 125 euros en compensación polas tarefas de apoio que deberán levar a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia 2024.

Entenderanse incluídos nas devanditas indemnizacións todos aqueles gastos de transporte en que incorran os representantes da Administración e os/as representantes coordinadores/as durante os días en que deban prestar os seus servizos nos vindeiros comicios autonómicos.

Artigo 7. Persoal colaborador das delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral

Dada a multitude de tarefas que se deberán levar a cabo como consecuencia das peculiaridades propias deste proceso electoral, para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador das delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral que, en calquera caso, se considerarán prestados fóra da súa xornada normal de traballo, asígnanse as cantidades que a continuación se fixan:

Provincia

A Coruña

Lugo

Ourense

Pontevedra

Importe asignado ao persoal colaborador

9.120 €

4.940 €

6.080 €

7.315 €

A repartición destas cantidades, que terán carácter limitativo, levarase a cabo de acordo coa certificación que o/a delegado/a da oficina do censo electoral correspondente emita en cada caso.

Artigo 8. Persoal colaborador da Xunta de Galicia

1. O persoal colaborador da Xunta de Galicia poderá ser gratificado polos traballos extraordinarios que realice en compensación polas funcións que leve a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Cando o persoal colaborador da Xunta de Galicia, para realizar funcións relacionadas co proceso electoral, teña que desprazarse fóra do municipio do lugar de traballo, terá dereito a ser indemnizado por razón do servizo nas circunstancias, condicións e límites contidos na normativa vixente sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

2. O establecido no parágrafo anterior non será de aplicación aos titulares dos órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou do sector público autonómico que teñan a consideración de altos cargos.

Disposición adicional

Para o aboamento das cantidades establecidas neste decreto deberán observarse, en todos os seus termos, as instrucións económico-administrativas que dite a Xunta de Galicia para a execución dos orzamentos de gastos electorais co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 14/2020, do 10 de febreiro, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, os/as xuíces/zas de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, así como o persoal da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes