DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2024 Páx. 401

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG421A).

BDNS (Identif.): 734264.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia.

Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas -que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia- que participen directamente nas accións subvencionadas e ás cales se lles imputará a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais, mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG421A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7810 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 1.000.000 € con cargo ao ano 2024 e 300.000 € con cargo ao ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo de un mes.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica