DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 4 de xaneiro de 2024 Páx. 595

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade á Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se encomenda á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a erradicación e control de especies pirófitas e invasoras, reforestación do dominio público viario adxacente ás estradas autonómicas e elaboración dun plan de prevención en materia de incendios, actuación piloto nas VAC do Morrazo. Clave GA/24/011.02 (AT/028/2023).

De conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á seguinte encomenda coas seguintes características:

Resolución do 26 de decembro de 2023, da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se encarga ao medio propio, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a erradicación e control de especies pirófitas e invasoras, reforestación do dominio público viario adxacente ás estradas autonómicas e elaboración dun plan de prevención en materia de incendios, actuación piloto nas VAC do Morrazo.

– Actividade: eliminación das especies exóticas invasoras mediante combinación de métodos mecánicos e químicos: destocamento, arrincado de raíces e aplicación de produtos químicos. Rápida implantación e estabilización dunha cuberta vexetal de herbáceas (pode incluír algunha arbustiva) mediante hidrosementeira, para cubrir rapidamente o chan e impedir repuntas e xerminación das especias invasoras. Tamén se pode prever a posibilidade de cubrir determinadas superficies con mantas antiherbas (compatible con plantación). Plantacións ou reforestación con especies arbóreas de frondosas autóctonas, co obxectivo de formar unha masa consolidada a medio prazo que impida o establecemento das especies invasoras. Traballos de mantemento e consolidación, durante o primeiro ano, que inclúen rozas, eliminación de repuntas, reposición de plantas, etc.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medio propio, ao ter a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a consideración de medio propio e de servizo técnico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao abeiro do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia: vinte e catro (24) meses.

– Modalidade de financiamento: esta encomenda tramítase como expediente anticipado de gasto con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas para o ano 2024, aplicación orzamentaria 08.A1.512B.610.1.

– Orzamento: 1.556.923,05 €.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas