DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 991

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.

O Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais para o desenvolvemento dun complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral, equivalente ao sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia para o persoal funcionario, contou co voto a favor das organizacións sindicais CC.OO. e UGT na Comisión Superior de Persoal do 22 de decembro de 2023 e foi asinado polas partes.

O acordo implantaba un novo complemento a través dun sistema voluntario e consolidable de carácter ordinario e extraordinario. Así mesmo, este sistema transitorio configúrase como unha retribución adicional ao complemento de destino.

Con base nese acordo convocouse o grao extraordinario I e II mediante acordo asinado polas partes.

Posteriormente, negóciase o presente acordo para unha nova convocatoria de acceso aos graos I e II deste sistema, para darlle a oportunidade ao persoal que foi ingresando en anos pasados e non contaba na anterior convocatoria cos 5 anos de servizo exixidos ou ben xa tiña a antigüidade pero non cumpría outros requisitos como a formación, e posibilítase que nesta convocatoria lle conten os cursos realizados nos últimos anos. Tamén se lle dá acceso a aquel persoal con máis de 11 anos de servizo que, polo mesmo motivo comentado anteriormente, non tivo oportunidade de acadar o grao II na anterior convocatoria feita no ano 2022.

Este acordo contou co voto a favor das organizacións sindicais CC.OO. e UGT na Comisión Superior de Persoal do 22 de decembro de 2023 e foi asinado polas partes.

Por proposta desta consellería, este acordo foi expresa e formalmente aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 28 de decembro de 2023, polo que procede, neste momento, a súa publicación.

De conformidade co que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único

Publícase, para xeral coñecemento e efectividade, o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral, asinado polas partes, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día 28 de decembro de 2023, negociado na Mesa Xeral de Empregados Públicos e aprobado na Comisión Superior de Persoal da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT
polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II
do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral

O presente acordo ten por finalidade a convocatoria de carácter extraordinario dos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia destinado a aquel persoal non incluído nos anteriores acordos e convocatorias referidos ao ano 2022 por non cumprir os requisitos.

Así, trátase de que o persoal da Xunta de Galicia que foi ingresando en anos pasados e en día de hoxe ten xa máis de 5 anos de servizo poida acceder tamén ao complemento de desempeño. Porén, tamén se lles dá a posibilidade a aquelas persoas que xa tiñan esa antigüidade pero non cumprían outros requisitos como a formación, e posibilítase que nesta convocatoria lle conten os cursos realizados nos últimos anos.

Tamén se lle dá acceso a aquel persoal con máis de 11 anos de servizo que, polo mesmo motivo comentado anteriormente, ou por non ter realizado a correspondente solicitude por diversas causas, non tivo a oportunidade de acadar o grao II na anterior convocatoria.

Este acordo divídese en tres seccións e consta de 17 artigos, catro cláusulas adicionais e unha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica de «Disposicións xerais», consta de once artigos e regula o obxecto, o ámbito subxectivo, os supostos de desistencia, renuncia e cambio de grupo ou vínculo, así como a forma de acreditación dos requisitos exixidos e o procedemento.

As seccións segunda e terceira regulan, respectivamente, os criterios de acceso ao grao I e ao grao II.

Por todo iso, en virtude do disposto no artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, e do disposto no artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, as partes

ACORDAN:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este acordo ten por obxecto regular o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario dos graos I e II do sistema transitorio do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral que non cumpría os requisitos nas convocatorias de 2019 e 2022. Este complemento de carácter fixo será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial do persoal laboral.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

1. O sistema transitorio do complemento de desempeño do posto do persoal laboral será de aplicación:

a) A todo o persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que estea en servizo activo ou en calquera outra situación que supoña reserva de praza ou dun concreto posto de traballo.

b) Ao persoal laboral doutras administracións públicas que, mediante os sistemas de concurso, permuta, libre designación ou adscrición temporal, preste servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. O persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que cumpre os requisitos para a súa funcionarización de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2015, do 29 de abril, e do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, deberá asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización que se convoque.

3. O persoal laboral fixo pertencente ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deberá asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización que se convoque.

Artigo 3. Exclusións

Queda excluído do acceso a este réxime extraordinario:

1. O persoal laboral que desempeñe as súas funcións nos entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico e que, ademais, non se trate de persoal integrado como persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, de conformidade co procedemento establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

2. Persoal que xa tivese recoñecido algún grao de complemento de desempeño na convocatoria de 2022.

3. O persoal laboral propio da Axencia Galega de Innovación (Gain) por ter a súa propia convocatoria de carreira.

4. Calquera outro persoal laboral que non se encontre dentro do ámbito de xestión da consellería competente en materia de función pública.

Artigo 4. Desistencia e renuncia

1. O persoal laboral da Xunta de Galicia poderá desistir da súa solicitude de recoñecemento do grao do complemento de desempeño antes da súa resolución ou ben renunciar ao grao unha vez recoñecido.

2. Tanto a desistencia como a renuncia comunicaránselle por escrito á persoa titular da consellería competente en materia de función pública. A Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia e ditará resolución en que declare finalizado o procedemento de recoñecemento do grao no sistema de complemento de desempeño.

3. Os efectos da comunicación de desistencia produciranse desde a data de recepción desta. A renuncia implicará a perda permanente do grao que tivese recoñecido e os dereitos económicos asociados a el desde o mes seguinte á data da resolución.

Artigo 5. Progresión de graos

O grao extraordinario adquírese no grupo de pertenza ou nomeamento en que estea prestando servizos en 31.12.2023. A progresión nos distintos graos para cada grupo será consecutiva e irreversible.

Artigo 6. Cambio de grupo ou subgrupo ou vínculo

1. O persoal laboral que acceda a outro grupo ou subgrupo e que teña recoñecido un grao de complemento de desempeño deberá reiniciar o complemento no novo grupo ou subgrupo.

Este cambio non afectará o grao xa recoñecido. Polo tanto, continuará percibindo o complemento de desempeño no grupo ou subgrupo de orixe, ao cal se lle irán sumando as novas retribucións ata o límite de catro graos. Cando o persoal laboral teña recoñecido máis de catro graos, percibirá o complemento de desempeño correspondente aos catro graos de maior contía.

Porén, daráselle por recoñecido o grao inicial. No caso da promoción interna vertical, o tempo prestado no anterior grupo ou subgrupo computarase como prestado no novo grupo ou subgrupo.

2. Aplicarase idéntico criterio no caso do personal laboral que acceda a corpos e escalas de persoal funcionario ou ben se trate de procesos de integración de persoal laboral en corpos e escalas de persoal funcionario.

3. O desempeño de funcións de categoría superior en ningún caso consolidará as cantidades nin o grao superior do complemento de desempeño.

Artigo 7. Homologación de graos recoñecidos noutras administracións públicas

1. O persoal laboral procedente doutra Administración pública que pase a desempeñar postos nesta Administración poderá homologar os graos de complemento de desempeño recoñecidos noutras administracións públicas, sempre que se subscribise un convenio de conferencia sectorial ou outros instrumentos de colaboración coa Administración de orixe.

2. A solicitude de homologación deberá ir dirixida á Dirección Xeral da Función Pública e deberase achegar a documentación que se considere oportuna.

Artigo 8. Efectos económicos

En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de destino correspondente ao grao I ou ao grao II recoñecido producirase de maneira progresiva en 3 anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a seguir:

– En 2024 o 33 %.

– En 2025 o 66 %.

– En 2026 o 100 %.

A retribución percibirase sempre que se estea prestando servizos dentro do ámbito de xestión da consellería competente en materia de función pública.

O persoal laboral que se encontre de permiso por parto, paternidade ou adopción e acollemento ou en incapacidade temporal poderá solicitar o recoñecemento igualmente, pero os efectos económicos produciranse a partir da finalización do permiso ou incapacidade.

Nestes supostos do parágrafo anterior tamén se poderá solicitar o recoñecemento do grao I ou do grao II, segundo lle corresponda, durante o mes seguinte á finalización do permiso ou da incapacidade.

No caso de cesamento do persoal laboral temporal ou de xubilación de calquera empregado público durante o ano 2024, os efectos económicos da solicitude serán desde o 1.1.2024 ata o momento do cesamento ou xubilación.

Artigo 9. Procedemento

Os empregados públicos poderán acceder ao formulario de solicitude a través do portal web da función pública desde a sección «Funcionarización e carreira profesional» https://www.xunta.gal/funcion-publica/carreira-profesional ou no enderezo http://fides.xunta.gal

• Se accede desde dentro da rede corporativa terá habilitado o acceso mediante usuario e clave ou certificado dixital.

• Se accede desde fóra da rede corporativa poderá acceder con Chave365 ou certificado dixital.

Pode consultar a listaxe de certificados admitidos na propia páxina de entrada no sistema.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Na páxina web da Función Pública https://www.xunta.gal/funcion-publica/carreira-profesional haberá á disposición dos/das empregados/as públicos documentación de axuda con instrucións sobre o acceso e o proceso de solicitude da carreira administrativa e complemento de desempeño.

A solicitude conterá os datos precargados coa información obtida das aplicacións corporativas da Dirección Xeral da Función Pública. A solicitude tramitarase integramente desde o sistema Fides e deberá ser asinada e presentada electronicamente.

Só se admitirá unha solicitude por participante. Polo tanto, non se pode solicitar máis dun grao, sexa con efectos económicos ou con efectos administrativos. Se alguén presenta máis dunha solicitude co mesmo nome darase como válida a primeira presentada.

En ningún caso ningunha persoa poderá ter recoñecidos máis de dous graos de complemento de desempeño.

O prazo para presentar as solicitudes iniciarase o mesmo día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de 3 meses.

Artigo 10. Valoración dos criterios

Segundo os datos que consten no rexistro central de persoal, o sistema avaliará os criterios que consten no expediente e, se cumpren algún dos requisitos exixidos na convocatoria, estimarase a súa solicitude.

No caso de que non cumpra os requisitos, a persoa será posteriormente requirida para que, no prazo de 10 días hábiles, acredite o cumprimento dalgún dos criterios. Non se permite a actualización do expediente para os efectos de solicitar o recoñecemento do grao de complemento de desempeño.

Artigo 11. Resolución

1. O prazo máximo para resolver as solicitudes será de 6 meses, contados desde a presentación da solicitude. De non ditarse resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.

2. As resolucións estimatorias de recoñecemento do grao terán efectos desde o 1 de xaneiro de 2024.

3. As resolucións estimatorias ou desestimatorias do recoñecemento extraordinario do grao de complemento de desempeño serán publicadas no Diario Oficial de Galicia de xeito que queda garantida a protección dos datos persoais das persoas interesadas ou ben notificadas individualmente cando a aplicación informática o permita.

4. Contra a resolución estimatoria ou desestimatoria do recoñecemento extraordinario do grao do complemento de desempeño as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de notificación da correspondente resolución, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán presentar recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, contado desde o día seguinte ao da notificación da correspondente resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección 2ª. Acceso ao grao I

Artigo 12. Requisitos específicos para o acceso ao grao I

1. Para acceder ao grao I o persoal laboral debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral nesta Administración en 31.12.2023 e cunha antigüidade, en calquera Administración, de polos menos cinco anos en 31.12.2023.

b) No caso do persoal laboral fixo das epígrafes 2 e 3 do artigo 2, deberase asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización que se convoque.

c) Cumprir un dos criterios de avaliación establecidos no artigo 14 en 31.12.2023.

2. O grao extraordinario adquírese no grupo ou subgrupo en que se estea en activo en 31.12.2023.

Artigo 13. Cómputo da antigüidade

Será computable toda a antigüidade noutras administracións públicas, servizos como estatutario do persoal do Servizo Galego de Saúde, servizos como persoal funcionario na Administración de xustiza, universidades, concellos e entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Artigo 14. Criterios de avaliación do grao I

Establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

– Recibida: valoraranse os cursos de formación convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que estean homologados pola EGAP; cursos impartidos polo Inem; cursos dunha consellería da Xunta de Galicia; cursos impartidos en entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais, cabidos).

A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.

Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos da lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo no correspondente corpo, escala ou categoría profesional. Para estes efectos, os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 10 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente. Para o persoal laboral funcionarizado que tras a funcionarización pasa a ocupar o mesmo posto pero con nivel, enténdese que a ocupación dese posto con nivel é anterior á conversión do posto de laboral en funcionario, polo que o nivel lle computaría desde que desempeña ese posto como laboral ou funcionario e sempre que se trate do mesmo posto. Dado que existen postos de xefatura de sección de nivel 22, considérase que cumpren con este criterio aquelas persoas empregadas públicas que desempeñen postos de nivel 22 ou superior durante os anos requiridos.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

g) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as, convocado pola Axencia Galega de Innovación.

Sección 3ª. Acceso ao grao II

Artigo 15. Requisitos específicos do grao II

1. Para acceder ao grao II o persoal laboral debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral nesta Administración en 31.12.2023 e cunha antigüidade, en calquera Administración, de polos menos once anos en 31.12.2023.

b) Ter recoñecido o grao I no correspondente grupo en que solicita o grao II en 31.12.2021.

c) No caso do persoal laboral fixo das epígrafes 2 e 3 do artigo 2, deberá asinar o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización que se convoque.

d) Cumprir algún dos criterios de avaliación establecidos no artigo 17 en 31.12.2023.

2. O grao extraordinario adquírese no grupo en que se estea ocupando un posto de traballo en 31.12.2023.

3. Non se terán en conta para o recoñecemento do grao II os méritos que determinaron o cumprimento do criterio de avaliación empregado para o recoñecemento do grao I (por exemplo: non se terán en conta as 40 horas que determinaron o recoñecemento do grao I).

Artigo 16. Cómputo da antigüidade

Será computable toda a antigüidade noutras administracións públicas, servizos como estatutario do persoal do Servizo Galego de Saúde, servizos como persoal funcionario na Administración de xustiza, universidades, concellos e entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Artigo 17. Criterios de avaliación do grao II

Establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

a) Formación:

– Recibida: valoraranse os cursos de formación convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que estean homologados pola EGAP; cursos impartidos polo Inem; cursos dunha consellería da Xunta de Galicia; cursos impartidos en entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais, cabidos).

A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valorarán módulos separados dun determinado curso.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 10 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente. Para o persoal laboral funcionarizado que, tras a funcionarización, pasa a ocupar o mesmo posto pero con nivel enténdese que a ocupación dese posto con nivel é anterior á conversión do posto de laboral en funcionario, polo que o nivel lle computaría desde que desempeña ese posto como laboral ou funcionario e sempre que se trate do mesmo posto. Dado que existen postos de xefatura de sección de nivel 22, considérase que cumpren con este criterios aquelas persoas empregadas públicas que desempeñen postos de nivel 22 ou superior durante os anos requiridos.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos.

g) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación.

Cláusula adicional primeira. Recoñecemento de solicitudes do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

En relación co persoal incluído na epígrafe terceira do artigo segundo, as referencias á Dirección Xeral da Función Pública e, se é o caso, á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública deberán entenderse como referidas ao órgano competente en materia de persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por corresponderlle a este o recoñecemento e pagamento do complemento de desempeño do dito persoal.

Cláusula adicional segunda. Recoñecemento de grao mediante sentenza xudicial

Aquelas persoas que ao se iniciar o prazo de presentación de solicitudes non teñan recoñecido ningún grao de complemento de desempeño realizarán a solicitude de recoñecemento do grao I. Se con posterioridade a ese prazo obteñen sentenza xudicial firme de recoñecemento do grao I do complemento de desempeño poderán solicitar o recoñecemento do grao II no prazo dun mes desde a firmeza da sentenza, sempre que cumpran o resto dos requisitos exixidos. O prazo iniciarase desde a notificación do decreto de declaración da firmeza da sentenza.

Neste suposto, deberá presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia unha solicitude mediante o modelo PR004 (presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado) dirixida á Dirección Xeral da Función Pública en que aleguen o que consideren necesario.

En ningún caso ningunha persoa poderá ter recoñecidos máis de dous graos de complemento de desempeño.

Cláusula adicional terceira. Comisión de Seguimento

Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control do presente acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes ou adheridas a el, e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa en que esta delegue e será secretario/a un/unha funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto. Ás ditas reunións poderá asistir o persoal que, de ser o caso, determine cada unha das partes integrantes, con voz pero sen voto.

Cláusula adicional cuarta. Disposición en materia de protección de datos

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos seranlles comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas poderán ser publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Procedemento de acreditación de méritos

Criterio

Forma de acreditación

a) Formación

Recibida: acreditarase mediante copia auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue o programa formativo.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable.

Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa coas datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos nin as materias que sexan parte dunha titulación de formación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Soamente se valorará formación impartida a persoal empregado público.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Formación universitaria de posgrao

Acreditarase mediante copia auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante.

No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia auténtica do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

c) Publicacións de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública

Acreditarase mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

Libros/capítulos de libro editados en papel: deberá achegarse copia auténtica das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, a editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, o lugar e o ano de publicación e o índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico: acreditarase mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente:

Acreditarase mediante certificación dos servizos prestados en que conste a data de inicio e de fin da prestación dos servizos e as funcións realizadas.

Dado que existen postos de xefatura de sección de nivel 22, considérase que cumpren con este criterios aquelas persoas empregadas públicas que desempeñen postos de nivel 22 ou superior durante os catro anos requiridos.

e) Situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou outra situación en que, exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo

Excedencia por coidado de familiares: acreditarase mediante certificación en que conste a data de inicio e a data final desta situación.

Resto de casos: acreditarase mediante certificación expedida polo órgano, organismo ou organización en que conste o período de duración e as funcións desenvolvidas.

f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos

Acreditarase mediante certificación expedida polo órgano convocante do correspondente proceso de selección ou provisión.

g) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores convocado pola Axencia Galega de Innovación

Acreditarase mediante certificación expedida pola Axencia Galega de Innovación.

ANEXO II

Categorías profesionais non susceptibles de funcionarizar

Grupo

Categoría

Denominación

Grupo I

I-07

Titulado/a superior dentista

I-15

Titulado/a superior rehabilitador/a. Médico/a rehabilitador/a

I-26

Titulado/superior neurólogo/a

I-32

Técnico/a superior en centros de arte

I-36

Profesor/a de música

I-39

Licenciado/a en Ciencias do Mar

Grupo II

II-03

Estimulador/a. Psicomotricista

II-04

Mestre/a instrutor/a. Instrutor/a. Mestre/a de taller da C. de Educación. Monitor/a de actividades docentes. Monitor/a (titulado/a medio/a)

II-05

Profesor/a. Profesor/a titular. Profesor/a de EXB. Mestre/a. Profesor/a de educación física. Profesor/a de matemáticas

II-09

Axudante/a de desenvolvemento rural

II-15

Asesor/a de prensa

II-16

Capelán

II-22

Monitor de capacitación agraria

II-25

Divulgador/a

II-30

Técnico/a en animación sociocultural

II-33

Profesor/a de danza clásica

II-33bis

Fotógrafo/a artístico/a

II-35

Pianista

II-38

Perito/a xudicial diplomado/a

II-42

Xestor/a de documentación

Grupo III

III-03

Controlador/a pecuario/a. Axudante/a técnico/a pecuario/a

III-09

Encargado/a de unidade

III-12

Mestre/a de taller

III-15

Experto/a en exposicións

III-18

Marcador de metais preciosos

III-20

Mestre/a industrial

III-22

Encargado/a da Sección de Enerxía da Consellería de Industria

III-24

Encargado/a de rede estatística

III-25

Capataz coordinador de pesca

III-27

Mestre/a sondista

III-28

Mecánico/a naval de 1ª

III-34

Especialista de oficios (debuxante)

III-36

Experto/a en audiovisuais

III-37

Técnico/a de son

III-39

Rexedor/a de escena

III-43

Encargado/a de estrutura escénica. Encargado/a de taller de escenografía. Técnico/a de máquinas IGAEM

III-45

Técnico/a de luces

III-51

Perito/a xudicial. BVP

III-52

Tradutor/a. Intérprete da Administración de xustiza

III-53

Técnico/a en restauración cinematográfica

III-54

Técnico/a especialista en radioloxía

III-54 BIS

Hixienista dental

III-55

Patrón de embarcación

III-66

Axudante/a de taller

III-71

Oficial/a 1ª xardineiro/a

III-74

Oficial/a de primeira albanel/a

III-76

Oficial/a de primeira electricista

III-84

Oficial/a de primeira calefactor/a

III-88

Capataz de explotacións marisqueiras

III-92

Capataz forestal

III-93

Técnico/a auxiliar en electrónica de comunicacións

III-94

Técnico/a en imaxe e son

III-95

Práctico/a de topografía

III-97

Auxiliar de son

III-98

Auxiliar de luces

III-101

Proxeccionista

III-102

Encadernador/a

III-103

Entrevistador/a. Enquisador/a

III-104

Intérprete de linguaxe de signos

III-105

Mestre/a en música tradicional

Grupo IV

IV-02

Auxiliar mecánico/a. Oficial 2ª mecánico/a. Mecánico/a de reparación de obras

IV-07

Garda xuramentado/a fluvial. Garda de explotación

IV-08

Oficial/a 2ª topógrafo/a. Axudante/a de topografía

IV-13

Auxiliar especialista en farmacia

IV-21

Oficial/a 2ª carpinteiro/a, auxiliar de carpintaría

IV-23

Mestre/a gaiteiro/a

IV-24

Xastre/a

IV-25

Cargador/a tremoísta

IV-29

Mariñeiro/a

IV-31

Legoeiro/a

IV-34

Axudante/a de restauración produción cinematográfica

IV-37

Oficial/a 2ª mecánico/a de defensa contra incendios forestais

IV-39

Auxiliar de autopsia

IV-41

Oficial/a de defensa contra incendios

Grupo V

V-05

Perruqueiro/a. Barbeiro/a

V-10A

Vixilante móbil defensa contra incendios forestais

V-10 D

Socorrista