DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 981

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2013, que regula a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, no relativo á flexibilidade horaria por conciliación.

A Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, dedica o seu título II ás políticas públicas para o impulso demográfico, núcleo central da lei. No capítulo terceiro aborda a conciliación da vida familiar, laboral e persoal que, baixo o principio da asunción equilibrada das responsabilidades domésticas e de coidados e a superación dos roles e estereotipos de xénero, pretende impulsar e consolidar o desenvolvemento de políticas efectivas para que homes e mulleres poidan harmonizar as súas responsabilidades laborais e familiares en condicións de igualdade.

Os artigos 51 a 54 da citada Lei 5/2021, do 2 de febreiro, regulan a conciliación no mesmo ámbito establecendo que «o sector público autonómico garantirá, no ámbito das súas competencias, que a maternidade e a paternidade e o coidado de persoas dependentes non sexan obstáculo para o desenvolvemento profesional en igualdade de condicións». Así mesmo, a Administración autonómica promoverá a ampliación da posibilidade de acollerse á flexibilidade horaria a todo o persoal do sector público autonómico que se encontre nalgunha das situacións previstas na propia lei: fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de idade ou fillos ou fillas maiores de idade respecto dos cales se establecesen xudicialmente medidas de apoio atribuídas aos seus proxenitores; familiares que precisen asistencia ou persoas con discapacidade a cargo ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade; e empregadas públicas vítimas de violencia de xénero.

Así mesmo, o artigo 106.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, na redacción dada pola disposición derradeira sexta da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, establece o dereito dos funcionarios públicos á flexibilidade horaria da súa xornada de traballo por motivos de conciliación familiar, nos termos que regulamentariamente se determinen.

A Orde do 15 de xaneiro de 2019, pola que se publica o Acordo de concertación do emprego público de Galicia, publicada no DOG número 19, do 28 de xaneiro, recolle na súa cláusula sexta unha serie de medidas en materia de xornada de traballo e de conciliación do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e recolle a posibilidade de que a Administración dite as instrucións precisas para a implantación e a xestión da flexibilidade horaria.

Por outra banda, a Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, modifica o Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, co fin de introducir diversos dereitos laborais para vítimas de violencias sexuais na liña do previsto na normativa actual para as vítimas da violencia de xénero.

Polo tanto, correspóndelle á Administración autonómica promover as condicións que permitan que o persoal ao seu servizo que se encontre nalgunha das situacións previstas na referida Lei 5/2021, do 2 de febreiro, se poida acoller ao réxime de flexibilidade horaria por motivos de conciliación familiar que nela se prevé, e establecerá os recursos precisos para que a conciliación da vida familiar, laboral e persoal sexa unha realidade.

Co obxecto de adaptar a regulación actual á Lei 5/2021, do 2 de febreiro, a presente norma ten por obxecto modificar a Orde do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, no relativo á flexibilidade horaria por conciliación das persoas empregadas públicas que prestan servizos no sector público incluído no seu ámbito de aplicación, e darlles unha nova redacción aos artigos 6.3.1.a) e 6.3.2.

Co obxecto de garantir a flexibilidade horaria por conciliación e a correcta prestación dos servizos, incorpóranse á nova regulación unha serie de criterios de prioridade no acceso á flexibilidade horaria, tendo en conta os diversos graos de atención que se requiren con carácter xeral nas distintas etapas que abrangue a minoría de idade.

Así mesmo, introdúcese un artigo 6.bis para regular a adaptación da xornada de traballo das persoas empregadas públicas que finalicen tratamentos médicos, co obxecto de favorecer a plena recuperación funcional da persoa ou evitar situacións de especial dificultade ou penosidade no desenvolvemento do seu traballo, e poderase ampliar o período durante o cal se aplique a redución da xornada cando sexa preciso para favorecer a reincorporación nas mellores facultades posibles.

Como consecuencia das referidas modificacións na Orde do 20 de decembro de 2013, queda sen efecto a instrución cuarta 1º («Flexibilidade por conciliación da vida familiar e laboral») da Resolución conxunta do 8 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública, nas seguintes epígrafes: supostos legais, horario diario de referencia, solicitude e resolución, unicamente no relativo ás causas que darán lugar ao cesamento da flexibilidade.

A presente norma responde aos principios de boa regulación previstos no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; as medidas que nela se prevén atenden á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, entre os cales cabe destacar a publicación do texto para alegacións no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia e a emisión dos informes preceptivos.

En consecuencia, no exercicio das competencias conferidas polo artigo 14 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase a Orde do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, do seguinte xeito:

Un. Dáse unha nova redacción ao artigo 6.3.1.a), que queda redactado como segue:

«a) Horario flexible por razóns de conciliación da vida familiar e laboral.

1. Poderán acollerse á flexibilidade horaria por conciliación de horas as persoas empregadas públicas que se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Ter fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de idade. No suposto de que o cumprimento da maioría de idade se produza antes da finalización do curso escolar, a persoa interesada poderá solicitar a súa prórroga con motivación da súa petición.

b) Ter fillos ou fillas maiores de idade respecto dos cales se establecesen xudicialmente medidas de apoio atribuídas aos seus proxenitores.

c) Convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten asistencia.

d) Ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.

e) Empregadas públicas vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual.

f) Atoparse nun proceso de nulidade, separación ou divorcio, desde a interposición da demanda xudicial ou desde a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou solicitude.

As persoas empregadas públicas que teñan autorizada a flexibilidade horaria por fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de 13 anos poderán ampliar a flexibilidade ata a maioría de idade dos menores presentando unha nova solicitude adaptada aos requisitos recollidos nesta orde.

2. Na flexibilidade por conciliación o marco horario en que a persoa empregada pública poderá desenvolver a súa xornada laboral será o seguinte:

a) Unidades que desenvolvan tarefas de carácter administrativo:

O marco horario estará comprendido entre as 7.30 e as 20.00 horas.

Dentro deste marco horario, a persoa interesada solicitará ante a unidade de xestión de persoal un horario diario de referencia, que será o que desenvolva con carácter xeral cada día. O persoal empregado público deberá cumprir a súa xornada laboral en cómputo mensual.

No suposto de que a solicitude da persoa interesada non resulte compatible coas necesidades do servizo, antes de denegar a petición realizarase un trámite de modificación ou mellora voluntaria da solicitude, de conformidade co artigo 68.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para tal efecto, indicaránselle á persoa solicitante as horas en que se require a prestación de servizos e intentarase na medida do posible compatibilizar as necesidades do servizo coa súa petición. No caso de que aquela acepte a proposta realizada pola Administración, deixarase constancia por escrito e concederase a flexibilidade horaria nos termos acordados.

Para evitar alteracións na organización e planificación do traballo do órgano administrativo onde preste servizos a persoa interesada, o gozo da flexibilidade horaria non poderá supor a súa ausencia durante unha xornada laboral completa.

b) Unidades que desenvolvan tarefas de carácter asistencial, atención ao público ou similares que exixan a elaboración dun calendario de persoal para garantir o funcionamento do servizo continuado:

Cada secretaría xeral/secretaría xeral técnica ou órgano competente en materia de persoal, no caso das entidades instrumentais, poderá establecer un marco horario propio axustado ás peculiaridades do servizo.

3. Cando non se poidan estimar todas as solicitudes presentadas ante un órgano ou centro dependente, por afectar as necesidades do servizo, aplicaranse os seguintes criterios de prioridade no acceso á flexibilidade horaria:

1º. Ter fillos ou fillas que teñan recoñecido algún grao de discapacidade.

2º. Concorrer na persoa interesada máis dun suposto que a habilite para solicitar a flexibilidade por conciliación.

3º. Ter unha redución da xornada laboral por razón de conciliación familiar.

4º. Ter fillos ou fillas ou persoas acollidas con idades comprendidas entre os 0 e 13 anos.

5º. Ter fillos ou fillas ou persoas acollidas con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos.

4. O modelo de solicitude de flexibilidade horaria por conciliación estará dispoñible na intranet da Xunta de Galicia, no Portal do persoal empregado público (Portax).

No caso das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que non teñan acceso ao Portax, empregarase o modelo que figura como anexo.

Coa solicitude xuntarase a documentación que acredite que a persoa interesada se encontra nalgún dos supostos previstos no número 1 do artigo 6.3.1.a) da presente orde:

a) Fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de idade:

1º. O grao de parentesco e a relación familiar acreditarase co libro de familia ou documento que o substitúa, certificación do Rexistro Civil ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

2º. Resolución administrativa ou xudicial de acollemento familiar.

b) Fillos ou fillas maiores de idade respecto dos cales se estableceran xudicialmente medidas de apoio atribuídas aos seus proxenitores:

1º. O grao de parentesco e a relación familiar acreditaranse co libro de familia ou documento que o substitúa, certificación do Rexistro Civil ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

2º. Copia da sentenza xudicial pola cal se adopte a medida de apoio.

c) Convivencia con familiares que precisen asistencia:

1º. O grao de parentesco e a relación familiar acreditaranse co libro de familia ou documento que o substitúa, certificación do Rexistro Civil ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

2º. Certificado municipal que acredite a convivencia.

3º. Documento oficial que acredite a necesidade de asistencia do familiar: certificado médico, certificado expedido pola consellería competente en materia de servizos sociais ou, na súa falta, informe social dos servizos sociais comunitarios municipais.

d) Estar a cargo de persoas con discapacidade ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade:

1º. O grao de parentesco e a relación familiar acreditaranse co libro de familia ou documento que o substitúa, certificación do Rexistro Civil ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

2º. Certificado de discapacidade emitido pola consellería competente en materia de discapacidade.

e) Empregadas públicas vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual:

Calquera dos documentos referidos no artigo 5 da Lei 11/2017, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, así como no artigo 37 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, ou na normativa que as substitúa.

f) Procesos de nulidade, separación ou divorcio:

1º. Certificado do Rexistro Civil acreditativo do matrimonio.

2º. Copia da solicitude de medidas provisionais previas ou copia da demanda xudicial correspondente.

5. A autorización da flexibilidade horaria por conciliación familiar quedará sen efecto mediante a correspondente resolución pola concorrencia dalgunha das seguintes causas:

a) Por pedimento da persoa empregada pública.

b) Por finalización do prazo de autorización, se estaba suxeita a termo.

c) Por necesidades de servizo debidamente acreditadas.

d) Por desaparición das causas polas cales se solicitou.

6. A persoa empregada pública manterá a flexibilidade horaria por conciliación familiar aínda que cambie de posto de traballo, sempre que o permitan as necesidades do servizo do novo posto».

Dous. Dáse unha nova redacción ao artigo 6.3.2, que queda redactado como segue:

«6.3.2. A Administración comunicaralles ás organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galicia a relación de solicitudes de flexibilidade concedidas e denegadas, as suspensións temporais e o cesamento da prestación do servizo en horario flexible, así como a súa motivación».

Tres. Engádese un novo artigo 6.bis, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 6.bis. Adaptación da xornada de traballo por finalización de tratamentos médicos

De acordo co establecido no punto sexto do Acordo de concertación do emprego público de Galicia, publicado pola Orde do 15 de xaneiro de 2019, o persoal empregado público que se reincorpore ao servizo efectivo ao rematar un tratamento de quimioterapia, radioterapia ou outros tratamentos de especial gravidade poderá reducir nos trinta días seguintes a súa xornada nunha porcentaxe do 50 % da duración da xornada diaria, preferentemente na súa parte flexible, que considerará como tempo de traballo efectivo, e poderá ampliarse noutros trinta días, logo de valoración polo órgano competente.

Coa solicitude xuntarase a documentación que acredite a existencia desta situación e a Administración deberá resolver nun prazo de tres (3) días, sen prexuízo de que, para comprobar a procedencia desta redución, se poidan solicitar os informes do servizo competente en materia de prevención de riscos laborais ou de calquera outro órgano que se considere oportuno sobre o tratamento recibido».

Disposición derrogatoria única

Coa entrada en vigor desta orde quedan derrogados os artigos 6.3.1.a) e 6.3.2 da Orde do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file