DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 1074

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 4 de xaneiro de 2024 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos nos centros educativos durante a folga indefinida na empresa Jardincelas, S.L., convocada a partir do día 8 de xaneiro de 2024.

A organización sindical UGT FeSMC A Coruña comunicou a convocatoria dunha folga indefinida a partir do 8 de xaneiro de 2024 que afectará o persoal da empresa Jardincelas S.L., empresa que realiza as tarefas de limpeza en varios centros educativos sitos nos concellos de Cambre e Culleredo.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde respecto dos centros educativos do ámbito de competencias desta consellería.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito debe conciliarse co resto dos dereitos de carácter fundamental da cidadanía, polo que resulta imprescindible adoptar as medidas oportunas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade, entre os cales se encontra o da educación, e está obrigada esta Administración, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, conforme o previsto no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais no caso de folga (DOG do 20 de xuño). O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos e o persoal preciso para prestalos.

A natureza, características e extensión da folga de limpeza imposibilitan a previsión da súa incidencia no servizo esencial á educación na hipótese dunha folga prolongada, polo que esta orde busca atender aquelas necesidades inminentes e concilialas co dereito de folga, sen prexuízo dunha eventual modificación posterior se as circunstancias o demandasen.

O artigo 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o número 2 dese artigo sinala que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Se isto é común para toda a cidadanía, a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Nenos, ratificada polo Reino de España mediante Instrumento do 30 de novembro de 1990, recolle, no seu artigo 24, o dereito de que as nenas e nenos gocen do máis alto nivel posible de saúde, e son elementos fundamentais para iso a hixiene, o saneamento ambiental e as medidas preventivas de accidentes.

Garantir o dereito á saúde do alumnado e tamén dos traballadores non afectados pola folga implica fixar uns servizos mínimos que, sen alcanzar os niveis normais de actividade, resultan necesarios nun contexto de edificios, os centros educativos, aos cales acoden numerosas persoas todos os días, entre as cales hai alumnado menor de idade, que permanecen neses centros durante un tempo prolongado, o que xera un uso intenso das instalacións hixiénico-sanitarias como baños e aseos, e tamén residuos orgánicos, cuxa retirada é ineludible para evitar pragas, focos de infección e propagación de xermes. Desde logo, non fixar servizos mínimos suporía pór en perigo a saúde e mesmo, nalgúns casos, a vida das persoas usuarias dos centros educativos.

De conformidade coa normativa citada e cos argumentos expostos, e de acordo co Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal de limpeza da empresa Jardincela, S.L., que presta servizos nos centros educativos sitos nos termos municipais de Cambre e de Culleredo, a limpeza en días alternos dos baños e aseos, así como a retirada de residuos orgánicos, e a limpeza en días alternos dos comedores (se esta actividade a realiza o persoal afectado pola folga). Estas tarefas realizaraas o 30 % do persoal asignado a cada centro (mínimo 1 persoa), durante o tempo mínimo imprescindible para iso e sen que en ningún caso comporte unha xornada superior á habitual diaria.

Artigo 2

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo anterior farana os responsables da empresa Jardincela, S.L., que llo notificarán ao persoal designado, e realizarase a súa publicación no taboleiro de anuncios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades