DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 1120

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se procede á segunda convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2024 (código de procedemento TR301P).

BDNS (Identif.): 737206.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A orde ten por obxecto proceder, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, á segunda convocatoria de subvencións de accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas con compromiso de contratación para o exercicio 2024 (código de procedemento TR301P).

Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.

2. As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 13 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023.

Segundo. Finalidade

1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.

Terceiro. Réxime de concesión

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, mediante concesión directa.

Cuarto. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas ao que se refire esta orde.

Entenderase por agrupación temporal de empresas, para os efectos desta orde, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases, as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

Quinto. Accións formativas

1. Serán subvencionables ao abeiro do disposto nesta orde, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia, que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

2. De non existiren, por non estaren dadas de alta no catálogo, especialidades formativas que respondan ás necesidades específicas de formación, as empresas poderán solicitar impartir especialidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, non estean incluídas nel.

3. Non serán obxecto de subvención as ofertas formativas do Sistema de formación profesional reguladas pola Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.

Sexto. Persoas destinatarias da formación

As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data da súa incorporación á acción formativa.

Non será precisa a inscrición como demandante de emprego cando unha norma específica así o determine e, en particular, no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Sétimo. Compromiso de contratación da segunda convocatoria

Cada acción formativa incluirá un compromiso de contratación dun mínimo do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado en contratos cunha duración mínima de 6 meses, ou dun mínimo do 40 % se a contratación é por un período igual ou superior aos 12 meses.

Non se poderán combinar ambos tipos de contratos nunha mesma acción formativa.

Oitavo. Financiamento da segunda convocatoria

Destínase á segunda convocatoria, correspondente á anualidade 2024, un crédito por importe total de oito millóns de euros (8.000.000,00 de €), que se imputarán con cargo á aplicación orzamentaria 13.50.323A.471.0, ou aquelas que a substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00545. Esta aplicación está financiada con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Noveno. Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Décimo. Prazo de presentación das solicitudes da segunda convocatoria

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día de entrada en vigor da orde ata o día 30 de setembro de 2024.

Décimo primeiro. Prazo de execución das accións formativas da segunda convocatoria

As accións formativas non poderán comezar ata transcorrido un mínimo de cinco días hábiles desde a aceptación da resolución pola beneficiaria da resolución de concesión.

A data límite para o remate das accións formativas será o 29 de novembro de 2024.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade