DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 943

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 5 de xaneiro de 2024 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros dependentes da Xunta de Galicia durante a folga convocada polas centrais sindicais, Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.), no sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Ourense, os días 9 e 10 de xaneiro de 2024.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

Os representantes das centrais sindicais, Confederación Intersindical Galega (CIG), a Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) comunicaron á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a convocatoria da folga que terá lugar desde as 22.00 horas do día 9 de xaneiro de 2024 ata as 22.00 horas do día 10 de xaneiro de 2024. A folga afectará todas as persoas traballadoras das empresas encadradas no Convenio provincial de edificios e locais da provincia de Ourense.

A este respecto, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá adoptar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Deste xeito, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.

A xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfán dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo, de acordo cos seguintes criterios:

a) Proporcionalidade entre os sacrificios que se impoñan aos folguistas e os que padezan os usuarios dos servizos.

b) Equilibrio entre os dereitos e intereses dos traballadores en folga e dos cidadáns afectados.

c) Suficiencia na realización do traballo necesario que permita a cobertura mínima do servizo, aínda sen alcanzar os niveis normais de prestación.

Neste contexto, estímase necesario o establecemento duns servizos mínimos de limpeza que garantan unhas adecuadas condicións de limpeza para o desenvolvemento dos servizos públicos.

De xeito máis concreto, respecto da Oficina de Turismo de Ourense, propóñense os servizos mínimos indispensables para garantir a salubridade e as condicións de hixiene mínimas, coa limpeza de baños e retirada de lixo, xa que é un lugar de grande afluencia de público.

En canto aos edificios xudiciais, a fixación desta porcentaxe de servizos mínimos nos xulgados da provincia de Ourense, vén xustificada pola necesidade de garantir unhas mínimas condicións de hixiene que permitan asegurar diariamente a retirada de lixo, limpeza de baños, e outras necesidades urxentes e inaprazables, con especial atención ás zonas de uso común.

Polo que respecta aos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, habida conta de que o exercicio do dereito á folga debe conciliarse co resto dos dereitos de carácter fundamental da cidadanía, resulta imprescindible adoptar as medidas oportunas para asegurar o mantemento dos servizos de educación, dado o seu carácter de servizo esencial da comunidade.

O artigo 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o punto 2 dese artigo sinala que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Se ben isto é común para toda a cidadanía, a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Nenos, ratificada polo Reino de España por Instrumento do 30 de novembro de 1990, recolle, no seu artigo 24, o dereito de que as nenas e nenos gocen do máis alto nivel posible de saúde, sendo elementos fundamentais para iso a hixiene, o saneamento ambiental e as medidas preventivas de accidentes.

Garantir o dereito á saúde do alumnado e tamén dos traballadores non afectados pola folga implica fixar uns servizos mínimos que, sen alcanzar os niveis normais de actividade, resultan necesarios nun contexto de edificios, os centros educativos, no que acoden numerosas persoas todos os días. Entre elas, atópase o alumnado menor de idade que permanece neses centros durante un tempo prolongado, o que xera un uso intenso das instalacións hixiénico sanitarias, como baños e aseos, e xera tamén residuos orgánicos, cuxa retirada é ineludible para evitar pragas, focos de infección e propagación de xermes. Desde logo, non fixar servizos mínimos suporía poñer en perigo a saúde e mesmo, nalgúns casos, a vida dos usuarios dos centros educativos.

Polo que se refire aos centros dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude, a folga afecta a empresas adxudicatarias dos servizos de limpeza en diversos centros e unidades da consellería na provincia de Ourense.

O servizo público de asistencia social non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

A paralización dos servizos de limpeza pode provocar nos centros e unidades afectadas graves problemas de salubridade con consecuencias imprevisibles se non se mantén o mínimo de actividade que garanta a prestación dos servizos públicos nos ditos centros e unidades, polo que se establecen os servizos esenciais para a comunidade ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Todo o persoal cuxa presenza se cuantifica como esencial para o mantemento dos servizos mínimos é absolutamente necesario e indispensable xa que a limpeza constitúe unha das exixencias máis relevantes nos nosos centros e unidades.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, en virtude das facultades que me confire o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga efectuada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), a Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) que terá lugar desde as 22.00 horas do día 9 de xaneiro de 2024 ata as 22.00 horas do día 10 de xaneiro de 2024. A folga afectará a todas as persoas traballadoras das empresas encadradas no Convenio provincial de edificios e locais da provincia de Ourense, e deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

2. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan no anexo á presente orde.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada polos empregadores e notificada ao persoal designado.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

– Servizos mínimos da Presidencia da Xunta de Galicia.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Oficina de turismo de Ourense (rúa Concello, 4, Ourense)

2 horas

50 %

Limpador/a

Xornada partida

– Servizos mínimos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Centro

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Edificios xudiciais da provincia de Ourense

30 %
(mínimo 1 persoa)

Limpador/a

Quenda de tarde: retirada de lixo, limpeza de baños e outras necesidades urxentes e inaprazables con especial atención ás zonas de uso común

– Servizos mínimos da Consellería Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Centro

Servizos mínimos

Posto

Centros educativos de educación especial de titularidade pública ou de titularidade privada

20 %
(mínimo 1 persoa)

Limpador/a

Centro residencial docente de Ourense

20 %
(mínimo 1 persoa)

Limpador/a

– Servizos mínimos da Consellería de Política Social e Xuventude.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Serv. Dependencia-Serv. Prestacións

1

1

Limpador/a

Tarde

Serv. Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

1

1

Limpador/a

Tarde

Serv. Xuventude-Espazo Xove

3

1

Limpador/a

Mañá

Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas

3

2

Limpador/a

Mañá

Residencia de Tempo Libre do Carballiño

1

1

Limpador/a

Tarde

Centro sociocomunitario de Ourense

1

1

Limpador/a

Mañá

Centro sociocomunitario do Carballiño

2

1

Limpador/a

Tarde

Centro sociocomunitario de Celanova

1

1

Limpador/a

Mañá

Centro sociocomunitario de Maceda

1

1

Limpador/a

Mañá

Centro sociocomunitario de Ribadavia

1

1

Limpador/a

Mañá

Centro sociocomunitario de Viana do Bolo

1

1

Limpador/a

Mañá

Centro sociocomunitario de Xinzo de Limia

2

1

Limpador/a

Tarde