DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2024 Páx. 1563

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 22 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega (código de procedemento PR911A).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderá solicitar estas axudas a cidadanía galega residente no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias e desfrutasen desta bolsa en anteriores convocatorias.

3. Así mesmo, quedan excluídas aquelas persoas que resultasen beneficiarias desta bolsa en anteriores convocatorias e que causasen baixa ou renunciasen a ela, sempre que o fixesen despois do 15 de setembro do ano da correspondente convocatoria.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión e proceder á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade pública galega, condicionada aos límites de financiamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega (código de procedemento PR911A).

Cuarto. Importe

1. Esta convocatoria terá carácter plurianual e para a concesión destas subvencións destinaranse un total de 2.550.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.3 –bolsas excelencia mocidade exterior– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2024 e 2025, por importe de 1.500.000 € para a anualidade 2024 e 1.050.000 € para a anualidade 2025. A concesión destas subvencións quedará condicionada aos ditos límites orzamentarios.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de abril de 2024 ás 23.59 horas (hora peninsular española).

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración