DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2024 Páx. 1565

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da instalación de valados fixos como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809F).

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de conservación da natureza.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, segundo o establecido no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A prevención está considerada como unha ferramenta imprescindible para compatibilizar a gandaría coa presenza e a conservación do lobo en Galicia. A escala local, o lobo pode causar importantes perdas entre o gando, é necesario, polo tanto, manter un equilibrio entre os obxectivos de conservación da especie e a actividade económica das poboacións rurais.

Desde a Administración autonómica considérase importante o apoio a medidas, como a instalación de cercados de protección que permitan optimizar os esforzos e maximizar a eficacia na procura desta coexistencia.

Os valados fixos caracterízanse pola solidez dos seus materiais, o que se traduce nun menor custo de mantemento e nunha mellor relación custo/beneficio. Así mesmo, e dependendo do tipo de gando e das necesidades da explotación, existen distintos tipos de valados metálicos electrificados que constitúen un método de protección eficaz contra os ataques do lobo.

A presente orde ten como finalidade o fomento da aplicación de medidas de protección, para o que se incentivase a adquisición e instalación de distintos tipos de valados fixos co fin de prever e evitar na medida do posible a afección das producións gandeiras.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques de lobo, coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentiva a adquisición de elementos preventivos (valados fixos) dos danos que poida ocasionar esta especie, e realizar a súa convocatoria para o ano 2024 (procedemento MT809F).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta orde, subvencionarase a adquisición e instalación de valados fixos cuxa adquisición se faga, en todos os casos, con posterioridade á publicación desta orde.

2. Non será obxecto de subvención:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

b) O transporte dos materiais, a man de obra para a instalación dos valados fixos e todos aqueles que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da actuación subvencionable.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 4. Adquisición e instalación de valados fixos

1. Valados fixos electrificados.

Os valados fixos electrificados terán que cumprir as especificacións que figuran no anexo I de especificacións técnicas desta orde.

Subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 15 e 30 reses de gando menor ou de entre 5 e 10 reses de gando maior e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número de ditas reses.

O importe máximo da axuda será de 3,5 € por metro lineal, ata un máximo de 1.750 € por valado, IVE excluído.

2. Valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica.

Os valados fixos con malla gandeira ou cinexética terán que cumprir as especificacións que figuran no anexo I de especificacións técnicas desta orde.

Subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 25 e 50 reses de gando menor ou entre 10 e 20 reses de gando maior, e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número das ditas reses.

O importe máximo da axuda será de 4,5 € por metro lineal, ata un máximo de 4.500 € por valado, IVE excluído.

3. O Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que corresponda, en función do territorio, realizará a inspección previa en campo, levantará a acta de non inicio, antes do inicio da instalación do valado, e certificará o remate dos traballos conforme os requisitos establecidos nesta orde e na memoria xustificativa presentada pola persoa solicitante.

4. No caso dos valados situados en espazos da Rede Natura 2000, xunto coa acta de inspección previa, os servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiranlle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural un informe relativo a cada unha das solicitudes asinado por un/unha técnico/a competente desta Vicepresidencia Segunda e Consellería conforme a actuación solicitada é respectuosa coas finalidades e obxectivos da Rede Natura 2000 e que non pon en perigo os valores que xustifican a protección destes espazos, ademais de constituír un uso permitido ou autorizable conforme o Decreto 37/2014, do 27 de marzo. O informe incorporará, de ser o caso, as condicións de execución que se deban ter en conta e será trasladado á persoa solicitante para que, se procede, poida realizar as modificacións oportunas no investimento solicitado.

5. A persoa beneficiaria deberá contar no momento do inicio dos traballos coas licenzas e autorizacións preceptivas que exixan as diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas, ao abeiro da normativa sectorial que poida resultar de aplicación.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. A solicitude de axuda segundo o anexo II desta orde (procedemento MT809F) inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración de conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de ter solicitado as licenzas e autorizacións preceptivas que resulten de aplicación ou ter efectuado as comunicacións previas preceptivas segundo o réxime de autorización aplicable.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta co acordo dos/das partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común, o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da secretaría.

• Deberá acreditarse a dispoñibilidade sobre os terreos onde se pretendan realizar as actuacións a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

• Deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto ou anteproxecto que desenvolva os puntos enumerados no anexo VI.

• No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

a) Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

b) Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en qué momento e ante qué órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) Consulta do NIF da entidade representante.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

g) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Consulta da inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (Rega).

i) Consulta do censo gandeiro da explotación referido a unha data posterior á da entrada en vigor desta orde de axudas, obtido da base de datos da aplicación informática da Consellería do Medio Rural.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase esta segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por estes medios, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 12. Criterios para a concesión da axuda

1. Para conceder as axudas para a adquisición e instalación de valados fixos establécense os seguintes criterios de valoración, por orde de preferencia:

a) Titulares de explotacións gandeiras que non recibiron axudas polos mesmos conceptos en convocatorias de anos anteriores: 10 puntos.

b) Existencia de danos ocasionados polo lobo na explotación gandeira entre o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2023 que fosen avaliados favorablemente pola Comisión de Valoración establecida na orde anual pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos por esta especie: 20 puntos; incrementaranse en 0,5 puntos por cada un dos danos sufridos neste período, ata un máximo de 5 puntos.

c) Número de cabezas de gando:

1º. Gando maior:

– Máis de 10 cabezas: 4 puntos.

– Máis de 20 cabezas: 10 puntos.

– Máis de 50 cabezas: 20 puntos.

2º. Gando menor:

– Máis de 30 cabezas: 6 puntos.

– Máis de 60 cabezas: 12 puntos.

– Máis de 100 cabezas: 25 puntos.

No caso de explotacións mixtas de gando maior e menor, a puntuación resultante será o sumatorio dos puntos obtidos polo número de cabezas de gando maior e menor.

d) Titulares de explotacións gandeiras que teñan contratada unha liña de aseguramento gandeiro que inclúa como riscos asegurables os ataques ao gando por animais silvestres: 5 puntos.

2. A concesión das axudas para a adquisición e instalación de valados fixos realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo cos criterios de valoración anteditos, e adxudicarase, cos límites fixados na convocatoria dentro do crédito dispoñible, a aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios, ata esgotar o dito crédito.

3. En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase tendo en conta a valoración no criterio a) de persistir o empate, atenderase á cualificación no criterio b) e se continúa a igualdade, dirimirase o empate segundo a orde de rexistro de entrada das solicitudes.

Artigo 13. Tramitación

1. As solicitudes remitiránselle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O Servizo de Caza e Pesca Fluvial examinará e revisará a documentación acompañante que se especifica no artigo 9 desta orde.

2. No caso de que se detecten erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 42, 43, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

4. Sen prexuízo do disposto no número 2, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

5. O Servizo de Caza e Pesca Fluvial emitirá informes á Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.

6. Unha vez recibidos os informes do Servizo de Caza e Pesca Fluvial, a Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, como órgano instrutor, realizará as propostas de resolución das solicitudes realizadas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada, con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde que se esgote o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 16. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 18. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince (15) días hábiles de anticipación á súa realización.

Artigo 19. Xustificación do gasto

1. O pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención.

2. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 11 de outubro de 2024. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa física ou xurídica interesada realizada antes da finalización do prazo establecido, sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas, que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto.

3. Para a xustificación do investimento obxecto da axuda, a persoa física ou xurídica beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo III desta orde (procedemento MT809F), que inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

b) Licenzas e autorizacións preceptivas que resulten de aplicación ou acreditación de ter efectuado as comunicacións previas preceptivas segundo o réxime de autorización aplicable.

c) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase ao modelo do anexo IV.

d) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo V.

e) Copia das facturas dos gastos emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio e a data límite de xustificación, xunto cos extractos de contas ou documento bancario debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, de xeito que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

4. Vista a documentación presentada, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural fará, de ser o caso, proposta de pagamento da subvención concedida.

Artigo 20. Pagamento

1. O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

2. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos nos artigos 10 e 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo cal se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2024 no momento da resolución.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun importe total de cincocentos mil euros (500.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541.B.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

3. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 22. Control das actividades subvencionadas

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Especificacións técnicas dos valados fixos

Valados fixos:

a) Valados fixos de cable ou de malla electrificada para a protección de explotacións de gando.

Este sistema consiste en engadir ao propio curro ou valado presente na explotación de forma habitual unha protección suplementaria, consistente na colocación dun valado de cables electrificados ou malla electrificada ao redor do anterior.

• Valado de cable (cable de arame de aproximadamente 2 mm de diámetro): neste método colócase un valo (de altura de 1,80 a 2 metros) formado por entre 6 e 8 cables, suxeitados con postes. Os cables débense colocar máis xuntos preto do chan, cunha separación de menor a maior desde o primeiro (o máis próximo ao chan) ata o último.

• Valado de malla: (malla de cor rechamante, laranxa). As medidas da luz da malla deben ser de 50 × 100 mm, aproximadamente. Neste método colócase unha malla de altura 1,80 a 2 metros, con postes de suxeición incorporados a ela.

A electrificación obtense utilizando un enerxizador con batería recargada con panel fotovoltaico cunha voltaxe de saída media de 9,2 kV.

b) Valado fixo cunha altura efectiva sobre o terreo mínima de 1,7 m, constituído por unha malla gandeira ou cinexética metálica e postes, dotada de dous fíos electrificados na parte superior da malla. A malla terá unha altura mínima de 148 cm, cunha separación entre os fíos verticais de 15 cm e espazamento progresivo dos arames horizontais. Os fíos electrificados da parte superior situaranse, o primeiro, a 10 cm do bordo superior da malla e o segundo e máis elevado, disposto a outros 10 cm do fío anterior. Cando se empreguen mallas de altura superior a 170 cm, os fíos electrificados poderanse dispor por diante do pano da malla, no exterior do cercado, paralelamente a este na súa parte superior. Tamén contará cun fío electrificado na parte inferior da malla, normalmente pola parte exterior e situado a uns 25 cm sobre o chan. Poderase empregar a malla como toma de terra do cercado.

A malla gandeira ou cinexética instalarase debidamente tensada sobre postes dispostos cada 3-4 m, en función das condicións topográficas. Cada 100 m, ou nos cambios de sentido do peche, colocaranse esteos para reforzar en ángulo formando un cadro de tres postes, un deles en horizontal, e un arame tensado sobre unha ou ambas diagonais do cadro segundo estea nun extremo ou no medio do cercado, coa finalidade de que o conxunto soporte as tensións aplicadas á tea. Reforzarase a zona inferior da tea mediante o soterramento dos primeiros arames ou poderanse espetar picos metálicos de sección angular ou circular, de lonxitude e calibre variables (normalmente 30 cm e 40 mm, respectivamente). Cando non se soterren os primeiros arames, o arame inferior da malla deberá quedar o máis próximo posible ao chan, e non poderá separarse máis de 5 cm deste en ningún punto do cercado.

Cando os cercados se sitúen dentro de espazos que formen parte da Rede Natura 2000, os postes empregados serán preferentemente de madeira e a separación mínima entre os dous primeiros arames horizontais da malla será de 15 cm. Neste ámbito admitiranse mallas con separacións entre os arames verticais de 30 cm.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Memoria técnica e valorada, onde deberá figurar como mínimo o seguinte:

a) Datos do solicitante.

b) Datos dos terreos en que se localizarán as actuacións.

c) Estado legal do predio obxecto da solicitude de axuda: coordenadas xeográficas, superficie, localización, lindeiros, accesos e parcela SIXPAC.

d) Descrición das actuacións que se van levar a cabo, con indicación dos diferentes conceptos, unidades e cantidades que se deberán empregar.

e) Prego de condicións técnicas do xeito de executar as actuacións.

f) Indicación dos terreos incluídos na Rede Natura 2000, en zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, que regula o Decreto 232/2008, do 2 de outubro.

g) Indicación e sinalización na cartografía das zonas con restricións establecidas pola autoridade competente en materia de augas que deberán respectarse.

h) Orzamento detallado e orzamento total.

i) Cartografía: a planimetría das actuacións presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ao datum ETRS89, e terá que presentarse en soporte dixital en formato vectorial, en formato shapefile (shp), obtida a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. Indicará claramente o ano do SIXPAC respecto do cal se toman os datos.