DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2024 Páx. 1716

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIII Manuel María de literatura dramática infantil e XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2024 (código de procedemento CT214A).

Segundo establece o artigo 1.2 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Agadic é unha axencia pública autonómica, regulada na disposición adicional quinta do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con personalidade xurídica e patrimonio propios e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións.

A Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables.

Segundo establece o artigo 5 da Lei 4/2008, a Agadic exercerá, entre outras, as seguintes funcións: estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbanse as bases e a convocatoria pública para a concesión dos premios de literatura dramática da Axencia Galega das Industrias Culturais para o exercicio 2024, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria para o ano 2024, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXVII edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da XIII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e da XVI edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades, para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos (código de procedemento CT214A).

A concesión dos premios rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións; pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais; pola Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e pola demais normativa que sexa de aplicación.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

Existirá un único galardoado por premio e, no caso do premio Barriga Verde, un por cada modalidade, coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 8.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024 con cargo á aplicación orzamentaria da Axencia Galega das Industrias Culturais 10.A1.432B.480.0, e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2023 poderase chegar, como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Coa finalidade de difusión cultural que lle compete á Axencia, a Agadic, poderá editar os textos premiados nas súas coleccións e reserva para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a resolución desta convocatoria.

Terceira. Requisitos de participación

– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten, de forma individual, textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados noutros concursos ou convocatorias anteriormente nin mentres dure este procedemento.

– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.

– Non se poderán presentar textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

– Os gañadores da edición inmediatamente anterior non se poderán presentar ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) en que resultaron galardoados.

– Non se poderá presentar o persoal da Agadic.

– Non poderán acceder a estes premios os participantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Durante a tramitación do procedemento de concesión desta convocatoria, as persoas participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña o texto presentado, ou se foi representado, en canto esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Cuarta. Forma e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo comezará o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2024.

De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a solicitude e/ou o texto non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete ou emende no prazo de dez (10) días, coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se considerará por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.

Quinta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) o texto.

Na portada do texto indicarase exclusivamente o título e/ou lema e o premio a que se opta, e no caso do Barriga Verde debe especificarse, ademais, a modalidade: rapaces ou adultos. Nos textos, en calquera dos formatos presentados, non figurará ningún dato que poida identificar o participante para garantir o anonimato. O incumprimento deste aspecto suporá a exclusión do proceso.

2. O texto presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar o texto presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

A presentación presencial poderá facerse en formato papel ou en soporte dixital. Os textos presentados en papel entregaranse en tamaño A-4, paxinados, sen grampar nin encadernar. Os textos presentados en soporte dixital deberán entregarse en formato pdf.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexta. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Oitava. Instrución do procedemento

A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus departamentos xestores, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a proposta de concesión dos premios.

En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes e orixinais presentados a instrución e o requirimento ás persoas solicitantes da emenda ou achega de documentación.

Para a adxudicación dos premios teranse en consideración os criterios e as puntuacións que se recollen na base décima desta resolución.

Novena. Xurado

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da Agadic.

Os membros do xurado serán designados pola Dirección da Agadic, que nomeará tamén, de entre eles, o seu presidente. O presidente dirimirá co seu voto de calidade os empates, en caso de producirse. A composición do xurado farase pública no momento da publicación do ditame.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada polo presidente e o secretario.

Os membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Os premios poderán ser declarados desertos se así o considera o xurado.

Os textos recibidos serán entregados aos membros do xurado garantindo en todo momento a confidencialidade e o anonimato dos autores.

O xurado deberá actuar de conformidade co sinalado para os órganos colexiados na lexislación vixente.

Décima. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: proposta de adxudicación do xurado

1. O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: 15 puntos.

b) Calidade dramática: 15 puntos.

c) Potencialidade escénica: 10 puntos.

d) Coidado da lingua: 15 puntos.

e) Adecuación á especificidade de cada premio: 5 puntos.

2. Na sesión de constitución do xurado, este acordará as cuestións que se deberán ter en conta en cada criterio de puntuación para a súa aplicación obxectiva, do cal se deixará constancia na acta correspondente.

3. Os membros do xurado elaborarán un informe motivado, onde se indicará a puntuación de cada un dos criterios dos textos avaliados. O xurado fará unha proposta de adxudicación que conterá a relación de solicitudes presentadas por orde de prelación e a proposta de textos premiados.

A Dirección da Agadic, á vista do dito informe, elaborará a proposta de resolución motivada e elevara á Presidencia do Consello Reitor da Axencia, indicando o título dos textos premiados, o seu autor e o importe económico do premio correspondente.

Décimo primeira. Resolución, comunicación, aceptación e recursos

1. O órgano competente para resolver é a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, que emitirá resolución definitiva no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución.

2. En todo caso, a dita resolución será notificada antes do 10 de decembro de 2024 e, ademais, darase a coñecer a través dos medios de comunicación ou ben en acto público, sen prexuízo da súa publicación na páxina web da Agadic. Unha vez transcorrida esa data sen que se notifique a resolución de concesión, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude, para os efectos oportunos.

3. A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Décimo segunda. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceira. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo cuarta. Pagamento dos premios

Os premios outorgados por estas bases serán aboados no exercicio económico 2024, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Non será necesario que se presente ningunha outra documentación complementaria.

Décimo quinta. Información e control

As persoas beneficiarias dos premios quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementarias que considere precisas para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

Décimo sexta. Modificación da adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Décimo sétima. Supostos de reintegro

Procederá o reintegro total do premio concedido e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento por parte das persoas beneficiarias dos premios das condicións establecidas para a súa concesión ou, de ser o caso, os supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei de subvencións de Galicia, aprobada pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo oitava. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude e do texto implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Décimo novena. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a Presidencia do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira. Disposicións de desenvolvemento e execución

Autorízase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file