DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2024 Páx. 1851

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca continental para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT808A).

O artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca fluvial e lacustre. Sobre a base desta competencia, promulgouse a Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, que ten como obxecto regular, protexer e fomentar o dereito ao exercicio da pesca continental das especies pescables que se relacionan no seu anexo II.

O Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, permanecerá vixente no que non se opoña á dita lei, mentres non se aprobe a súa normativa de desenvolvemento.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, segundo o establecido no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

As entidades colaboradoras están definidas no artigo 7 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, e considéranse como tales as que realicen actividades programadas de promoción e divulgación da pesca continental ou actividades ou investimentos a favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como da mellora da calidade das ditas augas, e que teñan recoñecida tal condición.

No capítulo VII do Decreto 130/1997, do 14 de maio, recóllense as actividades e investimentos en favor da riqueza piscícola, entre as cales se encontran o desenvolvemento de actividades relacionadas co ecosistema fluvial, incluíndo cursos, conferencias, coloquios e edicións de libros ou impresos divulgativos, a realización de campañas de difusión e formación dirixidas a pescadores ou escolares, en colexios públicos, con aulas da natureza ou con calquera outro organismo ou entidade relacionado coa protección e conservación do medio fluvial e calquera actividade ou investimento que repercuta en beneficio directo ou indirecto do hábitat ou riqueza piscícola continental.

Así mesmo, establécese que as entidades colaboradoras poderán optar á concesión das subvencións e axudas que estableza a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nas condicións que nas correspondentes ordes de convocatoria se determinen.

O réxime xeral das axudas e subvencións de Galicia establécese na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola e realizar a súa convocatoria para o ano 2024 (procedemento MT808A).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas xurídicas que teñan o nomeamento de entidade colaboradora de pesca continental, de conformidade co disposto na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Este nomeamento deberá estar en vigor tanto no momento de presentar a solicitude de axuda como no momento do pagamento desta.

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta orde, subvencionaranse:

a) A vixilancia de tramos de pesca continental.

b) A realización de actividades divulgativas ou formativas, encamiñadas a potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural como medida de fomento da actividade da pesca continental.

2. Non serán obxecto de subvención:

a) Os gastos de equipamento e material funxible destinados ao funcionamento común da entidade colaboradora.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

Artigo 4. Requisitos

1. Subliña de vixilancia de tramos de pesca continental.

A vixilancia para a cal se solicite axuda deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) A vixilancia exercerase sobre os tramos acoutados conveniados coas entidades colaboradoras de pesca continental beneficiarias.

b) Deberá ser exercida por persoas que exerzan as funcións de vixilancia privada de pesca fluvial conforme o establecido no artigo 70 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro. Mentres non se desenvolva regulamentariamente este artigo, estas persoas deberán ser nomeadas vixilantes xurados de pesca fluvial, de acordo co disposto nos artigos 85 e 86 do Decreto 130/1997, do 14 de maio.

c) Poderán acollerse a estas axudas os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2024 ata o 30 de setembro de 2024.

d) Será obxecto de axuda a vixilancia que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

e) Ao comezar ou ao finalizar o contrato, de non alcanzar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de vixilancia efectiva.

f) Deberanse indicar en todos os casos os tramos acoutados onde se van desenvolver as actividades para as cales se solicita a subvención.

g) Para os efectos do previsto no artigo 18 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, as entidades solicitantes deberán xustificar a súa implicación na sustentabilidade demográfica e na cohesión territorial de Galicia, de modo que, por exemplo, os horarios de vixilancia que se establezan favorezan a conciliación corresponsable e o apoio ás familias con persoas a cargo das persoas que exerzan as funcións de vixilancia privada de pesca continental.

2. Subliña para a realización de actividades divulgativas ou formativas.

As actividades divulgativas ou formativas para as cales se solicite axuda deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán ser organizadas por entidades colaboradoras de pesca continental.

b) Estas actividades consistirán en xornadas divulgativas ou formativas, charlas ou talleres, que poderán incorporar a elaboración de material gráfico e a adquisición de equipamento de apoio para a súa realización, de acordo co anexo III desta orde. As actividades poderán ser presenciais ou desenvolverse baixo a modalidade de formación telemática.

c) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados co fomento da pesca sen morte, o impulso do emprego das técnicas de pesca menos lesivas e a promoción, divulgación e fomento, especialmente entre o público máis novo, dos valores deportivos e ambientais asociados á práctica da pesca deportiva, tales como o coidado e respecto á natureza.

d) Os gastos previstos deberán describirse e figurar, desagregados e orzados individualmente, nunha memoria, que terá o contido especificado no anexo III. O pagamento da subvención non superará as cantidades orzadas para cada un dos gastos.

e) O formato, o contido e demais características dos materiais divulgativos deberán ser validados polo servizo de Patrimonio Natural correspondente, previamente á súa elaboración.

f) Para os efectos do previsto no artigo 18 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, as entidades solicitantes deberán xustificar a súa implicación na sustentabilidade demográfica e na cohesión territorial de Galicia, de modo que, por exemplo, os materiais e servizos que necesiten para a realización de actividades divulgativas ou formativas sexan adquiridos en establecementos próximos aos coutos conveniados con elas, de ser o caso.

Artigo 5. Importe das axudas

1. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 9.360 euros de axuda para a subliña de vixilancia de tramos de pesca continental e de 2.500 euros para a subliña de actividades divulgativas ou formativas, por entidade colaboradora.

2. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima para a subliña de vixilancia de tramos de pesca continental será de 1.040 euros por vixilante e mes de vixilancia a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 6 €/hora.

3. A axuda máxima para a subliña de actividades divulgativas ou formativas será de 2.500 euros e poderá comprender a realización dunha ou de varias xornadas formativas, charlas ou talleres, a elaboración do material divulgativo e a adquisición de equipamento de apoio necesario.

4. Se por causa xustificada o importe final dos gastos for menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

5. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

6. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude de axuda inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acordo do órgano competente polo que se aprobou a solicitude de axuda.

b) No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

1º. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

2º. Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

c) Copia dos contratos de vixilancia. En cada contrato deberá constar o obxecto do contrato, o período de duración, o tempo de dedicación e o ámbito xeográfico da vixilancia.

d) Resumo das actividades proxectadas na subliña de vixilancia de tramos de pesca continental a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

e) Memoria coa descrición das actividades que se van desenvolver na subliña de actividades divulgativas ou formativas, na cal figuren os gastos previstos, desagregados e orzados individualmente, segundo o modelo do anexo III.

f) Memoria xustificativa da implicación da entidade solicitante na sustentabilidade demográfica e na cohesión territorial de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Nomeamento de entidade colaboradora de pesca continental, en cumprimento do disposto no artigo 2 desta orde.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas

1. Subliña de vixilancia de tramos de pesca continental. As solicitudes presentadas puntuaranse conforme os seguintes criterios:

a) Persoas xurídicas que no ano anterior recibiron subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto a satisfacción da Administración, o que se apreciará con base na xustificación adecuada da dita subvención e na inexistencia de expediente de reintegro ou informe negativo da Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas: 10 puntos.

b) Tempo de funcionamento da persoa xurídica como entidade colaboradora:

1º. Menor ou igual a 3 anos: 5 puntos.

2º. De 4 a 5 anos: 10 puntos.

3º. Superior a 5 anos: 15 puntos.

c) Número de quilómetros de río dos coutos conveniados coa entidade colaboradora:

1º. Menor ou igual a 10 quilómetros: 5 puntos.

2º. Superior a 10 quilómetros: 10 puntos.

d) Condicións da prestación do servizo de vixilancia (dentro do período establecido no artigo 4.1.c):

1º. Contrato para a prestación do servizo de vixilancia a xornada completa: 20 puntos por cada mes de contrato a xornada completa, ata un máximo de 180 puntos.

No caso de duración inferior ao mes, aplicarase o criterio de valoración de maneira proporcional.

2º. Contratos para a prestación do servizo de vixilancia en réxime distinto á xornada completa: a razón de 0,1 puntos por hora, ata un máximo de 144 puntos.

2. Subliña de actividades divulgativas ou formativas. As solicitudes presentadas avaliaranse aplicando os seguintes criterios:

a) Número de persoas participantes na actividade:

1º. Menor ou igual a 10 persoas socias: 5 puntos.

2º. Superior a 10 persoas socias: 10 puntos.

b) Persoas obxectivo nas actividades divulgativas e formativas.

1º. Persoas pescadoras noveis que, para os efectos da presente orde, son aquelas persoas pescadoras menores de idade: 5 puntos por persoa participante.

2º. Persoas que, sendo maiores de idade, non teñan sido titulares máis dun ano dunha licenza de pesca continental expedida pola consellería competente en materia de pesca continental, nin en ningunha comunidade autónoma que teña en vigor a licenza interautonómica: 2 puntos por persoa participante.

3º. Outras persoas: 1 punto por persoa participante.

3. En cada subliña, a concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo cos criterios de valoración citados, e adxudicarase, cos límites fixados na convocatoria dentro do crédito dispoñible, a aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios, ata esgotar o dito crédito.

4. No suposto de empate, este resolverase tendo en conta a puntuación obtida en cada criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados; no caso de persistir o dito empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 14. Tramitación

1. As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da provincia onde se realicen as actividades subvencionables. Os servizos de Patrimonio Natural examinaranas e revisarán a documentación complementaria.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistido da súa petición, despois de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa interesada que achegue a información e documentación complementaria que se consideren convenientes para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. As solicitudes serán avaliadas polos servizos de Patrimonio Natural, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais.

5. Os servizos de Patrimonio Natural emitirán unha certificación co resultado da avaliación de cada solicitude, que lle remitirán á Dirección Xeral de Patrimonio Natural xunto coa documentación de cada unha delas. A avaliación incluirá os datos necesarios para aplicar os criterios de baremación do artigo 13.

6. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas formulará as propostas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeción ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 3 meses, contados a partir do día seguinte ao do final de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da axuda debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 17. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras axudas de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, coa condición de que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude levará implícita a autorización, no caso de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Con todo, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na liña d), do número 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 19. Xustificación do gasto

1. O prazo para a xustificación das actividades realizadas e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 11 de outubro de 2024.

2. Para percibir o importe da axuda, a persoa beneficiaria deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo V, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que inclúe a declaración complementaria da persoa solicitante do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo VI, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

c) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, respecto da subliña de vixilancia de tramos de pesca continental realizada por persoas con contrato laboral ou autónomas, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase aos modelos do anexo VII, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

d) Facturas no caso de que a actividade de vixilancia sexa exercida por unha persoa traballadora autónoma, xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, de forma que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

e) No caso de que a actividade de vixilancia sexa realizada mediante un contrato laboral entre a entidade solicitante e a persoa que exerza as funcións de vixilancia privada, deberá incluírse a presentación das nóminas (preferiblemente mensuais) e os extractos bancarios dos seus pagamentos, así como os correspondentes recibos de liquidación de cotizacións á Seguridade Social.

f) Unha memoria xustificativa das actuacións subvencionadas na subliña de actividades divulgativas ou formativas, co mesmo contido e estrutura que a presentada na solicitude (anexo III), pero con indicación dos resultados e custos finais.

g) No caso das actividades divulgativas ou formativas, deberán achegarse copias das facturas onde se detallen os importes correspondentes á adquisición de material gráfico e equipamento de apoio subvencionable para a realización de xornadas formativas ou divulgativas, emitidas a nome da entidade solicitante, xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, de forma que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

3. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Con todo, non poderán subcontratarse as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.

4. Os servizos provinciais de Patrimonio Natural comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para a concesión da axuda.

5. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase, xunto cunha proposta, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Artigo 20. Modificación nas actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, sempre que non estean reflectidas na resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, logo do informe favorable do servizo correspondente. O silencio neste suposto terá a consideración de denegatorio.

Artigo 21. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da axuda aprobada.

2. Poderase realizar un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, de acordo co establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención.

De ser o caso, a entidade beneficiaria poderá solicitar por escrito ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segundo o modelo do anexo IV, nun prazo de 10 días contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, o aboamento dun único pagamento anticipado, que non poderá superar o 50 % da axuda concedida. A concesión do anticipo farase mediante resolución motivada.

3. Non poderá realizarse ningún pagamento da axuda mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, no momento da resolución.

2. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541.B.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024.

3. O importe máximo das axudas que se concedan ascenderá a cincuenta mil euros (50.000 €), distribuídos da seguinte maneira:

a) Subliña de vixilancia de tramos de pesca continental: comprenderá ata un importe de corenta mil euros (40.000 €).

b) Subliña de actividades divulgativas ou formativas: comprenderá ata un importe de dez mil euros (10.000 €).

Con todo, no caso de que as axudas concedidas, cos límites fixados no artigo 5, non esgoten a cantidade asignada para algunha das subliñas de actuación anteriormente citadas, poderá destinarse a cantidade remanente a aquela en que a cantidade sexa insuficiente para atender as solicitudes presentadas.

4. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 23. Control das actividades subvencionadas

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos competentes desta consellería poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se prevexa realizar as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa realización e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, de acordo co establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas beneficiarias someteranse ao que detallen no anexo II respecto da planificación da actividade de vixilancia, de tal forma que esta indicación se utilizará na comprobación da realización da actividade e da súa finalidade.

Artigo 24. Publicidade e identificación das axudas

1. As persoas beneficiarias das axudas deberán cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida de acordo co disposto no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os materiais adquiridos para as actividades formativas e divulgativas incluirán o logotipo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Artigo 25. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

5. A relación das axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior a 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e tamén as sancións que se poidan impor, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Contido da memoria coa descrición das actividades
para desenvolver na subliña de actividades divulgativas ou formativas

Na subliña de actividades divulgativas ou formativas, consistentes en xornadas, charlas ou talleres, presentarase unha memoria coa descrición das actividades para desenvolver. Para cada unha delas indicarase:

1. O título da actividade.

2. Unha descrición das persoas obxectivo (idade e antigüidade da licenza de pesca) e o número previsto de persoas que participarán.

3. O lugar e as datas en que levará a cabo.

4. Os gastos previstos subvencionables, desagregados e orzados individualmente, indicando as cantidades que se van adquirir, conceptos e importes.

Procurarase que todos os elementos de información, divulgación, charlas, talleres que inclúan os indicados programas formativos e educativos respecten a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, e empregarase unha linguaxe inclusiva, evitando utilizar de xeito exclusivo o masculino ou fórmulas que invisibilicen a muller ou que a sitúen nun plano secundario.

Ademais, na organización de actividades divulgativas e formativas procurarase unha composición equilibrada por razón de sexo entre o profesorado, monitores ou persoas que, con carácter xeral, se encarguen de impartilas, incorporando mulleres aos equipos de persoal formador, proporcionándolle deste xeito ao alumnado referentes femininos.

Os gastos subvencionables refírense unicamente ao material gráfico e equipamento de apoio necesario para a realización das xornadas formativas ou divulgativas. Poderán ser os seguintes:

– Material gráfico (carteis, folletos, trípticos, dípticos e similares).

– Equipamento de apoio (gorras, camisetas, mochilas, canas de pescar, sedelas, cebos artificiais, anzois sen morte e similares).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file