DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2374

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da onda epidémica estacional de virus respiratorios na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A declaración da fin da emerxencia sanitaria COVID realizada mediante a Orde SND/726/2023, do 4 de xullo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 4 de xullo de 2023, polo que se declara a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, incluía o cesamento das medidas extraordinarias adoptadas durante a emerxencia da COVID-19.

Porén, a mesma disposición recollía e acordaba: «Instar a cidadanía e as autoridades sanitarias ao seguimento das recomendacións recollidas no anexo deste acordo», facendo expresa mención á importancia de «manter esta cultura de responsabilidade que adquirimos nos últimos anos, e seguir utilizando máscaras e outras medidas hixiénicas ante a presenza de síntomas de infección respiratoria».

Tamén recoñecía que «os centros sanitarios son ámbitos de especial vulnerabilidade nos cales a pandemia demostrou a necesidade de reforzar o uso de máscara en determinados contextos e situacións, en particular: polas persoas sintomáticas cando estean en espazos compartidos; polos/as profesionais que atenden casos sintomáticos; polas persoas que traballan en unidades de coidados intensivos e en unidades con pacientes vulnerables seguindo as recomendacións de control de infección aconselladas polos servizos de Medicina Preventiva e Prevención de Riscos Laborais segundo a valoración do risco de cada centro sanitario, e nas urxencias hospitalarias ou de atención primaria, incluída a sala de espera».

Tendo en conta a recomendación acordada no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para a protección da poboación vulnerable, a Dirección Xeral de Saúde Pública elaborou o documento Medidas preventivas en centros sanitarios de Galicia tras a publicación da Orde SND/726/2023 pola que se declara a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, en que se recollían medidas de protección, prevención e control no ámbito sanitario, de xeito que se protexa a poboación máis vulnerable, reducindo a posible transmisión de microorganismos.

O dito documento é público e está dispoñible tanto na web específica da Dirección Xeral de Saúde Pública (https://www.sergas.gal/Saude-publica/Medidas-preventivas-centros-sanitarios) coma na páxina específica de información sobre o coronavirus (https://coronavirus.sergas.es/Contidos/medidas-preventivas-centros-sanitarios-galicia).

Así mesmo, como consecuencia do documento citado, o Servizo Galego de Saúde publicou tamén documentos específicos para o ámbito hospitalario (https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/MEDIDAS_PREVENTIVAS_NOS_HOSPITAIS_POSTCOVID-19) e para atención primaria (https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Medidas-organizativas-nos-centros-AP-tras-a-finalizacion-situaci%C3%B3n), en que se inclúen tamén estas mesmas medidas de saúde pública e prevención da enfermidade.

Posteriormente, con data do 29 de decembro de 2023 a Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu unha circular en que se recolle o uso de máscara en onda epidémica estacional de virus respiratorios, en que se indica o seu uso en centros de atención primaria e hospitalarios do Sistema público de saúde de Galicia.

II

Con data do 10 de xaneiro de 2024 ditouse a Orde comunicada da ministra de Sanidade mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública. Esta orde adóptase con basenao establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, segundo o cal a dita declaración corresponde ao Ministerio de Sanidade, logo de acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Esta declaración de actuacións coordinadas obriga a todas as partes incluídas nelas, neste caso, e segundo o disposto no punto segundo da orde comunicada, a todas as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía, e produce efectos desde a súa notificación a estas e ata que a ministra de Sanidade aprobe a finalización da súa vixencia, logo de acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, con audiencia de todas as comunidades e cidades con estatuto de autonomía.

As actuacións coordinadas en saúde pública son, así mesmo, as que se recollen no anexo I da citada orde comunicada, en que se establecen medidas relacionadas co uso da máscara (recolle a obriga do seu uso universal en centros sanitarios e asistenciais e unha serie de recomendacións xerais para a poboación e para os centros residenciais de persoas vulnerables e farmacias), actuacións de fomento das medidas hixiénicas e de ventilación de espazos interiores e medidas orientadas a incrementar as taxas de vacinación antigripal e fronte ao SARS-CoV-2 na poboación con indicación vacinal.

III

A situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma no que se refire ás infeccións respiratorias, con datos consolidados da semana epidemiolóxica 1 (do 1 ao 7 de xaneiro de 2024) facilitados pola Dirección Xeral de Saúde pública o 11 de xaneiro de 2024, é a seguinte:

No que se refire á infección polo virus respiratorio sincitial (VRS), que afecta fundamentalmente a poboación infantil, obsérvase un descenso continuado da taxa de consultas en atención primaria do Sergas desde a semana epidemiolóxica 50 (do 11 ao 17 de decembro), que é na semana 1 de 137,3 consultas por 100.000 habitantes nos menores de 4 anos. Esta mesma tendencia presentan a porcentaxe de positividade (en descenso desde a semana 48), que na semana 1 é do 7,8 %, e os indicadores de hospitalización, estudados na poboación infantil.

No tocante á COVID-19, na actualidade non existe unha situación de onda epidémica. A taxa de consultas en atención primaria é do 64,83 consultas por 100.000 habitantes, e a porcentaxe de positividade na semana 1 para todas as idades é do 11,0 %, valores inferiores aos observados nas últimas tres e dúas semanas respectivamente. Non obstante, apréciase un lixeiro aumento da taxa de hospitalización con COVID-19 confirmada, que é de 4,97 ingresos por 100.000 habitantes (4,67 ingresos por 100.000 habitantes na semana anterior).

En relación coa gripe, a vixilancia baseada nos rexistros de gripe codificados na atención primaria amosa unha taxa de consultas por gripe de 172 consultas por 100.000 habitantes, un 21 % inferior á da semana anterior. Este descenso obsérvase en todos os grupos de idade e especialmente no comprendido entre os 5 e os 19 anos.

A porcentaxe de positividade dos virus da gripe é do 30,1 % (38 % na semana anterior) e a taxa de ingresos con gripe confirmada es de 16,8 ingresos por 100.000 habitantes, un 7 % menor que a da última semana de decembro.

Os datos anteriores mostran que en Galicia seestá a experimentar un descenso das infeccións respiratorias agudas pero, ben que coas infeccións respiratorias por VRS este descenso xa se vén producindo desde o mes de decembro e no caso da COVID-19 non estamos en onda epidémica, no caso da gripe estariamos na primeira semana de diminución tras aparentemente ter acadado o pico da onda.

IV

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. O dito marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Así mesmo, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

En efecto, o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, prevé que co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente da existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación.

Entre estas medidas legalmente previstas atópanse tanto a elaboración de protocolos ou plans de continxencia en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades (aos cales xa nos referimos anteriormente), coma medidas de autoprotección individual, tales como o uso de máscara e/ou doutros elementos de protección.

Por outra banda, o artigo 38.ter da mesma Lei 8/2008, do 10 de xullo, determina que as medidas preventivas previstas no artigo 38 se adoptarán coa urxencia que o caso requira, sen necesidade de seguir un procedemento administrativo específico e con independencia das medidas provisionais que poidan adoptarse de acordo coa lexislación vixente no seo dun procedemento administrativo ou con anterioridade á súa iniciación.

Ademais, as medidas adoptaranse de forma motivada, logo de avaliar os principios científicos, as probas científicas ou a información dispoñible nese momento, e tendo en conta o principio de precaución, que posibilitará a súa lícita adopción para asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía cando, despois da indicada avaliación, se observase a existencia, fundada, seria e razoable, dun risco actual ou inminente para a saúde da poboación, malia que siga existindo incerteza científica.

Finalmente, esta orde dá cumprimento á obriga prevista no artigo 38.ter.5 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, por canto establece que cando as medidas afecten unha pluralidade indeterminada de persoas,serán obxecto de publicación no diario oficial correspondente.

Por outra banda, cómpre indicar tamén que o artigo 15 da dita lei recolle os deberes e obrigas da cidadanía en relación coas institucións e organismos do Sistema público de saúde de Galicia, entre os que figuran o de cumprir as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a poboación, así como as específicas determinadas polos servizos sanitarios; manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro, e cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e a prevención das enfermidades. O mesmo precepto determina que tamén estarán suxeitos aos citados deberes as persoas familiares ou acompañantes dos usuarios e usuarias do sistema sanitario.

Na mesma liña, o artigo 8 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, prevé un deber de colaboración, indicando que «os cidadáns facilitarán o desenvolvemento das actuacións de saúde pública e absteranse de realizar condutas que dificulten, impidan ou falseen a súa execución».

As medidas que se adoptan nesta orde realízanse en cumprimento da Orde comunicada da ministra de Sanidade, do 10 de xaneiro de 2024, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública, e de acordo co establecido nos artigos 38 e 38.ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da actual situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer medidas de prevención específicas como consecuencia da onda epidémica estacional de virus respiratorios na Comunidade Autónoma de Galicia, relacionadas co uso da máscara nos centros sanitarios asistenciais de Galicia.

Segundo. Alcance

Serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas no anexo.

Terceiro. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. A obriga contida no número 1 do anexo respecto do uso de máscaras nos centros asistenciais sanitarios manterá a súa eficacia ata a aprobación, pola ministra de Sanidade, da finalización da vixencia da Orde comunicada da ministra, do 10 de xaneiro de 2024, mediante a cal se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública ou ata a súa modificación ou levantamento, no caso de que se presenten datos de descenso da incidencia acumulada de infeccións respiratorias agudas segundo os datos reportados ao Ministerio de Sanidade por medio da Rede de Vixilancia, durante dúas semanas consecutivas, e a situación epidemiolóxica o permita, caso en que a medida poderá pasar a unha situación de recomendación do seu uso.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Medidas de prevención específicas aplicables
na Comunidade Autónoma de Galicia

Serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas neste anexo.

Medidas específicas relacionadas co uso das máscaras:

1. Obriga do uso de máscara en centros sanitarios asistenciais (hospitais e atención primaria).

1.1. O uso de máscara será obrigatorio nos centros sanitarios asistenciais de Galicia (hospitais e centros de atención primaria) e nas consultas de ámbito privado.

1.2. Excepcións á obriga de uso de máscara:

O uso da máscara non será exixible nos seguintes supostos:

a) Persoas menores de 6 anos.

b) Persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

c) No caso de que, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias, en particular cando exista interacción verbal e/ou xestual que sexa importante na abordaxe ou trato co/coa paciente.

2. Recomendacións no uso de máscara.

2.1. Recomendacións xerais para a poboación.

Recoméndase o uso de máscara para todas aquelas persoas que presenten síntomas de infección respiratoria, así como reducir o número de interaccións sociais ante a presenza de síntomas de infección respiratoria aguda.

2.2. Recomendacións en centros residenciais de persoas vulnerables e oficinas de farmacia.

Recoméndase adoptar nos centros residenciais de persoas vulnerables as medidas e precaucións adicionais que resulten necesarias coa finalidade de protexer as persoas residentes e evitar gromos, entre as que se inclúe a provisión suficiente de máscaras para o persoal que atende persoas con síntomas compatibles con infección respiratoria aguda e para as persoas que presenten síntomas. Esta recomendación afecta tamén as oficinas de farmacia de Galicia.