DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2367

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, prevé nos seus artigos 21 e 29 a realización dunha avaliación de diagnóstico de carácter censual que se deberá levar a cabo en todos os centros educativos que impartan educación primaria e/ou educación secundaria obrigatoria. Pola súa parte, o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, determinan nos artigos 23 e 27, respectivamente, a realización deste proceso avaliativo. A dita avaliación versará sobre as competencias adquiridas polo alumnado e deberá dar lugar a propostas de actuación por parte dos centros encamiñadas a que o alumnado alcance as competencias establecidas, que permitan adoptar medidas de mellora e que orienten a práctica docente.

A avaliación de diagnóstico posúe carácter informativo, formativo e orientador para os centros, para o profesorado, para o alumnado e as súas familias ou persoas titoras legais e para o conxunto da comunidade educativa. A súa finalidade última é contribuír á mellora da calidade e da equidade da educación, a través do coñecemento do grao de adquisición das competencias adquiridas polo alumnado. A súa realización pretende suscitar a reflexión sobre a práctica educativa e orientar procesos de transformación e mellora. En ningún caso substitúe a avaliación do proceso de ensino e aprendizaxe que comunmente se desenvolve nos centros educativos, senón que complementa o coñecemento que aquela proporciona e promove que a toma de decisións posterior sexa máis axustada á realidade de cada centro.

Nesta liña, as citadas normas establecen que corresponde ás administracións educativas desenvolver e controlar as avaliacións de diagnóstico en que participen os centros delas dependentes e proporcionar os modelos e apoios pertinentes co fin de que todos os centros poidan realizar de xeito adecuado estas avaliacións, que terán carácter formativo e interno.

A presente orde axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e aos instrumentos para a mellora da calidade normativa mencionados no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Respecto aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para concretar o marco normativo autonómico establecido polo Decreto 155/2022, do 15 de setembro, e polo Decreto 156/2022, do 15 de setembro. Cumprindo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para acadar o seu obxecto e non existe ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico actual. Así mesmo, a orde respecta o principio de eficiencia ao permitir unha mellor xestión dos recursos públicos. Cumpre tamén cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través do trámite de consulta pública previa e a exposición do proxecto no portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En consecuencia, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e da habilitación contida na disposición derradeira segunda do Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e na disposición derradeira segunda do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as condicións e o procedemento de realización da proba de avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A finalidade da avaliación de diagnóstico é contribuír a determinar o nivel adquirido polo alumnado nas competencias das distintas áreas e materias de cara a promover que os centros elaboren propostas de actuación que contribúan a mellorar o nivel acadado polo seu alumnado nas ditas competencias, adopten medidas de mellora da calidade e da equidade da educación e orienten a práctica docente. En consecuencia, terá carácter informativo, formativo e orientador para os centros, para o profesorado, para o alumnado e as súas familias ou persoas titoras legais, e para o conxunto da comunidade educativa. Así mesmo, carecerá de efectos académicos para o alumnado da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta proba realizarase en todos os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan ensinanzas correspondentes ao cuarto curso de educación primaria e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

2. Con carácter xeral, esta proba deberá ser realizada por todo o alumnado dos niveis referidos no punto anterior, agás naqueles casos que estableza o órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo.

Artigo 3. Competencias obxecto da avaliación

1. As probas realizaranse en consonancia co marco teórico común de avaliación que, segundo establece o artigo 144 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, elaborarán, en colaboración, o Instituto Nacional de Avaliación Educativa e os organismos correspondentes das comunidades autónomas.

2. As probas versarán sobre as competencias específicas a que se refire o marco teórico común de avaliación, que se corresponden cos obxectivos de área e de materia establecidos nos decretos 155/2022, do 15 de setembro, e 156/2022, do 15 de setembro, polos que se establecen, respectivamente, os currículos de educación primaria e educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A información que se obteña destas probas será tida en conta polos centros para elaborar propostas de actuación que contribúan a mellorar o nivel de consecución acadado polo seu alumnado respecto dos obxectivos de área e materia, e que permitan adoptar medidas de mellora da calidade e a equidade da educación, e orienten a práctica docente. Así mesmo, será tida en conta, xunto cos demais datos obtidos na avaliación do proceso de ensino e aprendizaxe, para analizar, valorar e reorientar, se procede, as actuacións encamiñadas ao desenvolvemento do currículo da etapa.

4. O órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo determinará en cada curso escolar cales serán as áreas e materias obxecto de avaliación.

Artigo 4. Datas de realización das probas

O órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo determinará en cada curso as datas en que se realizarán as probas.

Artigo 5. Comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos

1. Nos centros educativos que impartan as ensinanzas referidas no artigo 2.1 constituirase unha comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico, procurando a súa composición paritaria, formada polas seguintes persoas:

a) Directora ou director do centro, que a presidirá.

b) Xefes ou xefas de estudos de cada unha das etapas educativas impartidas no centro.

c) Xefa ou xefe do Departamento de Orientación, de ser o caso.

d) Un titor ou titora de cada un dos niveis que se avalían, nomeados pola dirección do centro.

2. As súas funcións serán as seguintes:

a) Informar a comunidade educativa sobre o sentido e a finalidade da avaliación de diagnóstico.

b) Coordinar o proceso desta avaliación no centro.

c) Colaborar coa Administración educativa e cos servizos de inspección naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.

3. Esta comisión constituirase ao comezo de cada curso escolar e a súa composición reflectirase na correspondente programación xeral anual.

Artigo 6. Elaboración, aplicación e corrección das probas

1. As probas serán elaboradas por un equipo de traballo formado por profesionais especializados/as no coñecemento das diferentes áreas e materias e o seu currículo. Procurarase unha composición paritaria do dito equipo. As probas estarán constituídas por exercicios para cada unha das áreas, materias e cuestionarios de contexto dirixidos ao profesorado, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias.

2. O órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo ditará instrucións cada curso escolar sobre o procedemento de aplicación e corrección das probas nos centros educativos.

3. No desenvolvemento do proceso desta avaliación, os centros educativos contarán co apoio dunha plataforma informática habilitada para este fin.

Artigo 7. Corrección de contraste

Unha vez rematada a aplicación, codificación e corrección de todas as probas da avaliación de diagnóstico por profesorado dos respectivos centros educativos, o órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo requirirá unha mostra significativa de exercicios das probas a todos os centros, co fin de realizar unha corrección de contraste que contribúa ao control da calidade do proceso.

Artigo 8. Informes dos centros educativos

1. Os centros educativos obterán, para cada nivel educativo, un informe de resultados no cal se achegará información sobre o nivel conxunto adquirido polo seu alumnado nas distintas competencias, tendo como referencia o nivel acadado polo alumnado de toda a Comunidade Autónoma para ese mesmo nivel educativo e competencia.

2. Os centros educativos, con base na información contida nos informes, serán os encargados de comunicar ás familias o resultado destas probas.

Artigo 9. Información básica sobre protección de datos persoais

As probas conxugarán as normas legais dos preceptos educativos coas correspondentes ao dereito á intimidade, honra e protección de datos.

Os datos persoais recadados serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia-Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades coa finalidade de levar a cabo a avaliación de diagnóstico do sistema educativo establecida nos artigos 21 e 29 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e conservaranse durante o tempo necesario para cumprir coa finalidade para a que se recadaron.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, con base no disposto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Os datos poderán ser comunicados ás administracións públicas cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias. Poderánselles comunicar ás empresas subministradoras de servizos relacionados coa avaliación de diagnóstico os datos persoais mínimos imprescindibles para a prestación de tales servizos.

No tratamento dos datos do alumnado aplicaranse normas técnicas e organizativas que garantan a súa seguridade e confidencialidade, de acordo coa disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 10. Confidencialidade das probas

1. Co obxecto de preservar a confidencialidade, establecerase un sistema restrinxido de acceso á información da plataforma informática dedicada ás avaliacións de diagnóstico a través da definición de perfís de usuario, de tal xeito que o acceso aos datos de cada centro quede reservado á consellería con competencias en educación e ao propio centro.

2. A dirección do centro educativo responsabilizarase da custodia dos cadernos e cuestionarios das probas, que deberán ser conservados durante un ano antes da súa destrución.

Artigo 11. Análise dos resultados nos centros educativos

Unha vez que os centros dispoñan do correspondente informe de centro, este será analizado na Comisión de Coordinación Pedagóxica do centro. O contido do informe e a valoración que del faga a dita comisión serán trasladados aos diferentes órganos de coordinación didáctica do centro e ao Consello Escolar do centro, coa finalidade de que se leve a cabo a súa análise e se propoñan medidas de mellora. O proceso de concreción de melloras para adoptar, supervisado pola Inspección Educativa, concluirá coa súa incorporación no plan de mellora do proxecto educativo do centro.

Artigo 12. Informe xeral

A consellería con competencias en educación, a través dun informe técnico, detallará os resultados xerais do proceso de avaliación de diagnóstico realizada.

Artigo 13. Seguimento da Inspección Educativa

Os servizos de inspección provinciais velarán polo desenvolvemento correcto da avaliación de diagnóstico nos centros educativos e colaborarán en todo o proceso relativo ao seu seguimento. Así mesmo, participarán na corrección de contraste e asesorarán os centros na toma de decisións posterior á realización da proba, encamiñadas ao establecemento de accións de mellora.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 6 de outubro de 2010 (DOG do 15 de outubro) pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular do órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades