DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2756

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

BDNS (Identif.): 738349.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 destas bases reguladoras nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web do Inega, www.inega.gal

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos en vivendas localizadas en Galicia por parte de persoas físicas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

Cuarto. Contía

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.175.000,00 euros.

Tipo de actuación

Aplicación orzamentaria

Orzamento (€)

Renovación de electrodomésticos

09.A3.733A.780.7

2.175.000,00

Na seguinte táboa establécese a axuda máxima por electrodoméstico en función da súa tipoloxía. Un beneficiario só poderá recibir axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada unha das tipoloxías de equipamentos incluídos e cun máximo de dous electrodomésticos por beneficiario.

Electrodomésticos subvencionables

Axuda máxima (€/electrodoméstico)

Consumidor

xeral

Consumidor vulnerable

Consumidor vulnerable severo

Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

150

300

450

Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Lavadora A ou B (*)

100

200

300

Lavalouza A, B ou C

Placa de indución total (soamente tecnoloxía de indución)

100

200

300

(*) Inclúe lavasecadoras sempre e cando teñan unha clasificación para lavado A ou B.

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50 % para consumidores vulnerables e do 75 % para consumidores vulnerables severos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto ca documentación que se indica nas bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

4. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 30 de xuño de 2024 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

5. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 8 de febreiro de 2024 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 30 de setembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia